Edificio para Eudoro Pardo Labarta (1911)

Edificio Pardo Pabarta. Foto F. Padín. 2019

A contorna da porta leste da muralla defensiva que rodeaba o burgo vigués ata o ano 1896, data na que se recibe a autorización do seu derrubo; era, a mediados do século XIX, un espazo pouco acolledor, malsán e lamaguento. Co paso do tempo este lugar, mudado a Porta do Sol, foi converténdose nun espazo con significación nas vivencias da veciñanza, a máis de testemuña directa de diferentes avatares acontecidos na cidade durante os séculos XIX e XX(1). As principais comunicacións da vila amurallada co exterior, circunscribíanse aos camiños que partían dalgunha das sete portas coas que contaba: da porta da Gamboa saía a calzada cara Pontevedra; pola da Falperra continuaba o camiño que se dirixía a Baiona; da porta do Pracer, abríase o camiño real con destino a Tui; e finalmente, da porta do Sol, partía a rúa do Príncipe, de onde arrincaba a estrada Vigo-Villacastín, a actual rúa Urzáiz.

A necesidade de prover a vila de infraestruturas precisas para a entrada e saída de mercadorías, nomeadamente os produtos da pesca; e ao mesmo tempo, de abrir posibilidades a súa expansión natural provocou que, a partir de 1887, se comezase a pensar na adopción das oportunas actuacións urbanísticas. As concernentes decisións concretaríanse na apertura da rúa Elduayen e, no posterior derrubo da muralla perimetral. Ambas intervencións suporían a transformación radical da fisionomía da cidade e impulsaría fondamente o seu desenvolvemento urbanístico, social e económico.

Anteriormente á construción da rúa Elduayen, o espazo situado na fronte do que hoxe é a Praza da Princesa(2) e ao edificio que daquela albergaba o Teatro Calderón, propiedade de Norberto Velázquez Moreno, estaba ocupada por varias construcións residenciais e pola Capela da Misericordia, -fronte á Plazuela de la Yerba (sic)-a actual Argüelles-, ermida pertencente ao gremio de mareantes do Berbés. Na zona baixa, libre de construcións, e daquela coñecida como Plazuela del Sol, celebrábase semanalmente un mercado de porcos e carneiros; e dela partían, a antiga estrada de Castela e o camiño de circunvalación.

O trazado da rúa Elduayen(3), -en honor José Elduayen e Gorriti, deputado por Vigo entre 1857 e 1891-, foi realizado sobre unha das rúas de maior tradición gremial do Vigo antigo, a rúa Sombrereiros(4). A nova travesía uniría a estrada de Villacastín-Vigo coa que se dirixía a Camposancos, e a súa construción, levou consigo a expropiación e derrubo dun elevado número de vivendas, da capela da Misericordia e a eliminación da rúa Antequera e La Soledad. Tamén faría desaparecer a monumental Fonte de Neptuno que alimentaba a un lavadoiro. A desaparecida fonte que se situaba entre os actuais edificios Ledo e Pardo Labarta, contaba con tres canos, e segundo dicía Nicolás Taboada Leal na súa Descripción topográfico-histórica da cidade de Vigo,«tiña a mellor auga».

Plano apertura da rúa Elduayen. Archivo Municipal de Vigo

Con esta remodelación urbanística, a Porta do Sol(5), que tomou o nome prestado da porta orientada ao sol nacente da antiga muralla(6): duplicaba a súa superficie, convertíase no punto de confluencia das arterias comunicativas da cidade co exterior e, constituíase no centro comercial da nova poboación. Este, Milliarium Aureum vigués actuou eficazmente como elemento polarizador das aspiracións da burguesía local, tanto para o seu uso como lugar de residencia, como para a instalación dos seus negocios de comercio.

O cambio de pavimento da Porta do Sol, de chapacuña á pedra, acordado polo pleno da corporación municipal o 20 de xaneiro 1897, foi unha importante medida que contribuíu de xeito significativo a renovación da visión da praza. Pero houbo máis; no mes de xullo dese mesmo ano, o Faro de Vigo anunciaba outra resolución que, pouco tempo despois, permitiría continuar coa delimitación perimétrica da praza. O ditame, emitido polo alcalde(7), sería o primeiro chanzo para a construción do edificio que é obxecto de atención nesta nova entrada da bitácora. O diario local transcribíao así:«se autorizo al síndico del Ayuntamiento para otorgar la escritura de cesión de la finca señalada con el número 2 en la Bajada a la Fuente, propiedad que era de la Casa de Caridad, al Sr. Eudoro Pardo, para que éste pueda proceder a su derribo y a la construcción del nuevo edificio que proyecta levantar en aquel sitio».

Porta do Sol, co edificio Villa de París (vítima que foi da picaraña), en primeiro plano; ao fondo, os edificio Pardo Labarta e Ledo.

Situada a carón do edificio Ledo, con quen comparte arquitecto, e de análoga categoría arquitectónica, o inmoble que anos máis tarde se construiría, contribuiría moi especialmente a exornar e darlle harmonía á Porta do Sol.

Obtención da licenza

Solicitude de licenza. 1ª Instancia.

Non sería ata o 7 de decembro de 1910, pasados xa varios anos, cando Eudoro Pardo Labarta daría o primeiro paso para a construción da casa neste, seu solar, da Porta do Sol. A instancia presentada nese día no rexistro do concello, pedía autorización para a execución das obras de cimentación do edificio, da rede de sumidoiros e, tamén para amorear materiais para o mesmo. O oficio ía asinado polo sobranceiro construtor e persoa de gran conciencia social, José Araujo Pérez.

A Corporación Municipal, en sesión celebrada o 23 de decembro, respondía afirmativamente á petición nos seguintes termos:

  1. Se concede licencia a D. Eudoro Pardo Labarta para construir los cimientos de la casa que ha de edificar en la Puerta del Sol en el solar de su propiedad, debiendo fijar el facultativo de las Obras Municipales la linea y rasante a que se ha de ejecutarse y se le concede igualmente licencia para cimentar las obras de alcantarillado que dicha casa necesita.
  2. Se concede al D. Eudoro Pardo para acopio de materiales y trabajos de construción un espacio de la vía pública en La Puerta del Sol cuya longitud estará formada por la fachada de la casa y cuya latitud será una perpendicular a la fachada de 7 metros, debiendo cerrar este espacio con valla de conformación con el acuerdo tomado por la Corporación con carácter general.

Unha vez que os alicerces da casa e as necesarias infraestruturas se remataron, Eudoro Pardo encarou a fase de levantamento do edificio. Así o 8 de febreiro de 1911 presentou no Concello unha segunda instancia na que, ademais de expresar o desexo de edificar a casa, que tería a fronte cara a Porta do Sol e fachada posterior á Cruz Verde; incluía a petición de ampliación da zona de traballo. A labra do elevado número de pedras necesarias para un edificio das dimensións do proxectado precisaba dun espazo maior do inicialmente previsto. Eudoro Pardo Labarta, no escrito remitido ao Concello, xustificaba así esta necesidade:

     «Como la Excma. Corporación, puede hacerse cargo, por la información del plano; para no desdecir de las hermosas edificaciones que dan tono a nuestra ciudad, en un sitio tan preferente como La Puerta del Sol, el propietario en obsequio a ornato público ha sacrificado una no pequeña parte del presupuesto, y es de capitalísima importancia para el mismo realizar la construcción que se proyecta en el más breve plazo posible, para trasladar al nuevo edificio sus comercios; con cuya rapidez gana también la conveniencia de la población; pero para conseguir tal propósito el que suscribe se ve imposibilitado con los estrechos limites de trabajo que le marca la valla que fatalmente le ha tocado inaugurar, pues ni para las elementales obras de cimentación y asolerado, da campo de acción suficiente, cuanto más para el desarrollo rápido del resto de la obra, en que como es sabido cada piedra de talla, tiene que sufrir tantos movimientos como son sus caras mas difíciles de ejecutar cuanto mayor es su volumen.
     Por otro lado las mayores facilidades de ejecución se traducen en tener menos tiempo ocupada la vía pública, y así se vio que con un poco de tolerancia de los vecinos de la calle del Arenal surgió rapidisimamente en menos de un año el hermoso edificio propiedad de D. Manuel Rodríguez que tanto honra hoy a nuestro pueblo, dejando ya expedita la importante vía en que está emplazada».

Na sesión de 17 de febreiro de 1911, a corporación municipal que presidía o alcalde Manuel Diego Santos, coa aprobación do informe emitido cola comisión de Obras, resolveu conceder a licenza solicitada. Os termos do ditame da comisión de obras dicía así:

     «La Comisión de Obras que suscribe, enterada de la instancia y planos que presento D. Eudor Pardo Labarta pidiendo licencia para construir con arreglo a ellos una casa en su solar de la Puerta del Sol, tiene el honor de proponer á la Corporación se digne concederle dicha licencia previo pago de la cantidad de 3. 958,33 pesetas importe del arbitrio municipal sobre construcciones, debiendo instalar todos los retretes con sifón hidráulico con intermedio de interruptor ó sifón y con advertencia de que una vez terminadas las obras, serán inspeccionadas por el Facultativo Municipal para que verifique si se ajustaron o no á los planos presentados».

Neste fermoso edificio, a droguería Pardo tiña instalados os seus despachos e oficinas de ventas, ocupando o baixo e o entresollado, dedicadas a venda ao por maior e detall de artigos de droguería medicinal e industrial, así como todo o que constituía o ramo da perfumería e fotografía.

José Araujo Pérez, o contratista

José Araujo Pérez (Fundación P. Iglesias)

Nado na parroquia pontevedresa de Mourente no ano 1870, José Araujo chega á cidade de Vigo, con motivo de cumprir o servizo militar, e tal como lembraba na súa crónica o xornal El Pueblo Gallego de 9 de agosto de 1929, publicada dous días despois da súa morte: “exercendo o seu oficio de canteiro, iríase desenvolvendo profesionalmente ata converterse nun moi destacado construtor de obras”. O edificio do Banco Pastor; o edificio para sede da Caja de Ahorros y Monte de Piedad; a Casa do Pobo(8), deseñada por Manuel Gómez Román e, posteriormente derribada para construír no seu lugar a casa de Sindicatos; ou a mesma casa da droguería Pardo Labarta, son mostras fidedignas do seu bo facer profesional. Entre as construcións abundan tamén panteóns no cemiterio de Pereiro, como o encargado o 25 de marzo de 1911 por José Barreras. No eido doméstico o versátil José Araujo formaría, coa súa dona unha abondosa familia; terían, entre fillos e fillas unha prole de 19 descendentes.

A Casa do Pobo de Vigo

Ao tempo, como parte dunha clase obreira na que non existía máis lexislación social ca de traballar longas xornadas por míseros salarios, José Araujo ía, paralelamente, conformando unha faceta reivindicativa e de compromiso coas arelas dos traballadores. En 1892, ao pouco de chegar a Vigo, funda con outros compañeiros de oficio a sociedade de canteiros, marmoristas e similares de Vigo, organización que, en 1905, encadraríase no PSOE. Sería secretario e presidente desta sociedade durante moitos anos e orientou esta asociación en moitos dos conflitos que sostivo.

En tempos de iniciativas obreiras reivindicativas de sistemas de protección para os casos de invalidez, a vellez e outras situacións de desamparo; crearíase, por Decreto Lei de 11 de marzo de 1907, o Retiro Obreiro. Con financiamenton mixto de empresas e Estado estaba destinado a atender a asalariados entre 16 e 65 anos cuxa retribución non superara un certo límite. Nesta conxuntura o patrón José Araujo, consecuente coas súa posición política, afilia aos seus empregados e obreiros ao Réxime obrigatorio de retiro, na Caja Gallega de Previsión.

Na breve biografía que a Fundación Pablo Iglesias lle realiza como fundador da Agrupación Socialista de Vigo, relaciona unha serie actividades de representación obreira: Asistiu ao VII Congreso da UXT en 1902 como delegado de varias Sociedades Obreiras de Vigo e ao IX Congreso en 1908 como delegado das Seccións da Federación Nacional de Canteiros. Tamén participou na constitución da Cooperativa Socialista. Representou ás AS de Vigo, Pontevedra e Lugo e á Sociedade de Canteiros de Vigo no X Congreso do PSOE en 1915 e á AS e á Sociedade de Canteiros de Vigo no Congreso Extraordinario de 1921 e no XII Congreso en 1928. Foi, ademais, candidato nas eleccións municipais de 1889, 1901 e 1903.

José Araujo Pérez, faleceu en Vigo o 8 de agosto de 1929 aos 59 años, e segundo a necrolóxica de 9 do mesmo mes, publicada polo xornal El Pueblo Gallego, por efecto dunha úlcera de duodeno. O acto de condución do cadaleito ao cemiterio civil de Pereiró, constituíu unha multitudinaria manifestación de dó que congregou a xentes de todas as clases e profesións. As seis e media da tarde iniciou a marcha a comitiva desde a casa mortuoria na rúa Urzaiz. O cadaleito ía cuberto polas bandeiras da sociedade de canteiros e a da agrupación socialista; e da carroza, pendían coroas de moi variada procedencia. Durante o traxecto da comitiva fúnebre o tráfico interrompeuse nalgúns lugares para facilitar o paso.

Pueblo Gallego. 9 de agosto de 1929

Para poder acudir ao enterro, a sociedade de canteiros, marmoristas e similares, suspenderan medio día de xornada de traballo, e noutros moitos talleres, como foi no caso da importante fábrica de Sanjurjo Badía, dirixida daquela polo seu fillo Manuel, os obreiros deixaron de traballar un cuarto de día.

Eudoro Pardo Labarta

Eudoro P. Labarta. Revista Mondariz 1917

Eudoro Pardo Labarta, nace en Vigo o 5 de maio de 1846 e falece, ibidem o 16 de xaneiro de 1917. Arquetipo de burgués vigués dese tempo, tivo unha coidada e completa formación nos estudos de comercio en Francia, Alemaña e Inglaterra. Ao remate do período instrutivo, asociouse co seu pai Leonardo, que tiña comercio-droguería nas prazas da Constitución e Princesa (fora fundado por el en 1840, seis anos antes do nacemento do seu fillo), constituíndo ambos, a partir dese momento, a Sociedad Leonardo Pardo e Hijo. En 1869 casou con María de la Luz García Durán, que proviña dunha das familias máis distinguidas e adiñeiradas de México e coa que tivo unha numerosa prole: Eudoro(9), Victoria, Leonardo, Nieves, Carmen, Asunción e Luz.

A vinculación mexicana adquirida a través do seu casamento, sumada a súa preponderante situación no sector comercial tanto no ámbito local como no español(10), así como a súa significación empresarial e política foron, previsiblemente, argumentos decisivos para a súa designación, o 28 de febreiro de 1890, como vicecónsul de México en Vigo. Pero, o desempeño do cargo, non se faría efectivo ata o mes de agosto do seguinte ano, unha vez concedida por orde Real de 3 de agosto de 1891 a regium execuatur.

A formación adquirida no estranxeiro foi moi ben dixerida e eficazmente aplicada no negocio familiar por Eudoro Pardo, tanto no período no que compartiu actividade co seu pai Leonardo, como despois da súa morte acaecida en abril de 1886 e xa coa sociedade rebautizada como Eduardo Pardo Labarta. Coa nova dirección o establecemento contou entre as súas máis destacadas actividades comerciais, coa de ser o principal axente de distribución e venda, das augas de Mondariz e das augas de Carabaña(11). Eudoro Pardo colaborou desde o comezo, cos irmáns Peinador Vela (Enrique e Ramón), na propaganda e venda das Augas de Mondariz.

Polas propiedades terapéuticas das augas para o tratamento das enfermidades do aparello dixestivo e urinario, e pola calidade do turismo termal; o complexo: Augas, Balneario e Gran Hotel, foi capaz de concentrar a moitas persoas dos estratos máis destacados da sociedade. Eran frecuentes as gabanzas realizadas polos seus usuarios: Fatigados del recio combate, venimos á pedir á la Naturaleza madre y reparadora que nos dé alivio (sic), reflectía en 1877 no Álbum de Honor do Balneario, Emilia Pardo Bazán; mentres, o político de brillante oratoria e presidente durante a 1ª República, Emilio Castelar referíase ao conxunto de Mondariz Balneario coa eloxiosa frase: La Compostela del enfermo.

Pero a actividade comercial da droguería-farmacia, incluía unha relación de produtos para a venda moito máis extensa. Ademais das augas minerais e as sales purgantes naturais españolas ofrecíanse mercadorías indicados para outras patoloxías, así como artigos para o fogar, para o coidado persoal, etc, etc. Ao seguir, mostrase unha relación de artigos variados que facían parte da sección de anuncios en xornais da época:

     QUEZARAL DIGESTIVO del doctor Carceller: marabilloso remedio para curar todas las indisposiciones del estómago e intestino, sexan ou non dolorosas pronto e radicalmente. (El Áncora 1900) ……… JABÓN DE DALES LA TOJA. Premiado con medalla de oro en la Exposición de Valladolid. Gura y evita toca clase de afecciones de la piel. El mejor Jabón de rocador. Adoptado por sus efectos sorprendentes en los hospitales de Francia y Repúblicas Hispano Americanas. Pastilla una peseta. (Galicia nueva. 09/11/1907 )……… LA RENOVACIÓN DEL ESTÓMAGO Ó SOLUCIÓN ESTÓMACAL SÁNCHEZ. El último adelando de la ciencia médica (1909) ……… RIZADOR ELÉCTRICO DE WEST: Bellísimos Rizos. Non maltrata, nin enreda, nin queima… (Vida Gallega 1909)…….. NESFARINA: un seguro de robusted y vida sana para niños y personas débiles. La nesfarina cooperará a la regeneración física de nuestro pueblo (Noticiero de Vigo 1911) ……… Quereis dejar de Fumar? Compraz pastillas “LABOS-CHIN” 2 pesetas caja (El Noticiero de Vigo. 05/01/1911) ……… LAS GOTAS MILAGROSAS DEL DOCTOR HOFFMANN: son el único remedio que en Inglaterra se usa para prolongar la vida y que los médicos recetan a los enfermos crónicos y á los agotados de fuerza vital (Faro de Vigo 12.05.1912) ………. Preparados higienicos PEELE, del sabio dermatólogo alemán Doctor Lehman (Vida Gallega 1916) ……… UROSOLVINA: Poderoso disolvente del ácido Úrico (Vida Gallega 1919) ……… PILDORA PIRHA: curación segura e rápida de almorranas e varices (El Pueblo Gallego 1933)…

No despuntar do pasado século XX, o comerciante, une as súas forzas con outras tres importantes droguerías do norte de España (Barandiarán y Compañía, de Bilbao; Pérez del Molino y Compañía, de Santander; Palicio y Rodríguez Porrero, de Gijón); e cun capital de cinco millóns de pesetas, formarían a Sociedad Española de Droguería General. A corporación establecería a súa sede en Bilbao. Con maquinaria e tecnoloxía adquiridas en Francia, Alemaña, Inglaterra e Estados Unidos. Fabricarían: pastas, pinturas, vernices, masillas, aceites, graxas, produtos químicos e farmacéuticos, colores en po, secantes, brochas, cepillos, plumeiros e colorantes; para substituír os artigos que ata ese momento subministraban as fábricas estranxeiras.

Eudoro Pardo Labarta tivo presenza noutros ámbitos de actividade; estivo na política, no mundo das finanzas e foi participe de importantes proxectos empresariais: foi un dos primeiros vogais da Cámara de Comercio na xunta de Obras do Porto; entre 1884 e 1900(12), consta como administrador da sucursal de Vigo do Banco de España; foi principal accionista do balneario de A Toxa; e, xunto ao caldense Laureano Salgado, Manuel Bárcena e outros socios, copropietario de La Concha de Arosa, o bonito e agradable balneario de Vilagarcía aberto en 1888. Home de ideas conservadoras militou en política baixo a influencia de José Elduayen, por quen profesaba verdadeira estimación e con quen tiña unha fonda amizade. Pardo Labarta, desempeñou en varias ocasións o cargo de concelleiro na corporación viguesa, sendo proposto varias veces para ocupar a alcaldía, ofrecemento que sempre declinou. Aínda así a actividade política sempre ocupou para el un segundo lugar entre as súas dedicacións.

O 16 de xaneiro de 1917, na súa finca de Villa Luz e arrodeado pola súa familia, produciuse o pasamento do lembrado Eudoro Pardo Labarta.

Necrolóxica de Eudoro Pardo Labarta

O obituario do diario local o Faro de Vigo dos días seguintes ao seu falecemento, ademais de describir o traslado á necrópole viguesa de Pereiró, facía unha breve descrición biográfica do persoeiro. En relación coas exequias, dicía o xornal: «Las numerosas simpatías y amistades del finado y de su familia, quedaron de manifiesto en el acto de conducción, desde la casa mortuoria á la necrópolis. Pocas veces se ha visto un acompañamiento tan numeroso, como el que ayer se siguió al cadáver del Sr. Pardo».

Abrían a marcha dúas filas de asilados, con velas(13); e o duelo, que se despediu fronte a quinta de Rosendo Silva, -situada á altura do cruce da actual López Mora e rúa Ourense-, estaba formado polos párrocos de Santa María e San Francisco, Sres Ande e Dominguez, os pais capuchinos, os fillos políticos do finado D. Ernesto López Sitjá, don Agustín Varela, D. Fernando Domínguez Porrero, D. Francisco Esténs e D. Enrique Román, os señores D. Luis Román e D. José Martín Priegue, e o rexistrador da propiedade de Avila, Sr. Arias Vila. Pechaba a fúnebre comitiva unha larga fila de carruaxes.

Características do edificio

Fachada Principal á Porta do Sol. Foto F. Padín,

Edificio coa planta en forma de L inclinada e realizado en grao labrado. A fachada á Porta do Sol, a principal, ten 19 m, mentres que a oposta, a que dá a rúa Cruz Verde, ten 14 m. Dispón dunha vivenda por planta que achega unha superficie de 360 m2, dispón de ascensor e acceso por dúas escaleiras.

O edificio Pardo Labarta (1911), foi construído polo proxectista Jenaro de la Fuente Domínguez nun estilo eclecticista-modernista, arquitectura demandada nese tempo por unha clase acomodada emerxente, de propietarios, comerciantes e industriais, que competían para mostrar o seu poderío económico a través da exclusividade das súas vivendas. Con esta obra de tres fachadas, cinco andares e faiado co tellado abufardado, o adiñeirado comerciante propúxose proseguir embelecendo a cidade. O edificio Bonín, construído un ano antes, foi unha boa referencia en canto a busca de monumentalidade; e tamén, tal e como se sinalaba na instancia de solicitude de licenza, un modelo a seguir para o proceso construtivo; o edificio Simeón, de Manuel Gómez Román, situado tamén na mesma Porta do Sol, e construído cinco anos antes, foi outra proveitosa pauta inspiradora.

A fachada principal amosa unha composición convencional de influencia francesa. No tramo central, e a partir do entresollado, destaca unha fermosa galería aberta que remata no faiado cunha bufarda tripartita. Todo o conxunto está decorado con detalles propios da cantería da época, caracterizada pola gran mestría no tratamento do granito. Nos corpos laterais, destacan outras dúas liñas ascensionais levemente adiantadas respecto da liña do paramento do inmoble, e que tamén rematan en cadansúa bufarda torreada. Orixinalmente a cubrición do edificio realizouse con placas de zinc que, nunha recente intervención foron substituídas por outras lisas de lousa. Nesa mesma intervención, suprimíronse as cubertas en mansarda situadas entre os tres elementos torreados abufardados.

Os vans, remarcados con molduras individualizadas, péchanse a través de portasdaire, e agás no entresollado, contan con balcóns provistos de balaústres metálicos. Na ornamentación da fachada percíbese unha ampla tipoloxía de arcos: de medio punto, rebaixados, escarzanos, mixtilíneos, en forma de omega, etc.. Todo o conxunto está decorado con detalles que acadan unha grande mestría no tratamento do granito: arcos lombardos, bandas denticulares, antemios de follas de palma, adornos de cintas, medallóns, acroterios…, que dán como resultado un programa decorativo moi elaborado pero quizais algo excesivo..

REFERENCIAS

(1) O 30 de setembro de 1868, os vigueses acoden á Porta do Sol, sumándose a revolta xeral coñecida como A Gloriosa, en resposta ao chamamento que con salvas de canon realizaban as tropas acuarteladas no castelo do Castro e que puxo fin ao reinado de Isabel II. O s veciños entraron na casa Consistorial e sacaron un retrato da raíña esnaquizándoo entre berros de Morte á Raíña. No pleno celebrado o 15 de outubro pola nova corporación, que incorporaba aos concellos de Bouzas e Lavadores, e que presidía o novo alcalde Antonio Fontano, que non puido asistir por encontrarse enfermo, acordou cambiar os nomes das principais prazas e rúas da cidade. A praza da Constitución pasaría a chamarse praza da Liberdade; Príncipe sería Serrano; a Princesa, Prim; Real pasaría a ser Contreras; Isabel II, Topete; Circunvalación chamaríase “Duque de la Victoria”. A única que sobrevive é a praza de Argüelles, antes da Herba, que adquiere o nome dun político liberal que lootou a favor da abolición da escravitude e da eliminación do tormento como proba xudicial. (Datos recollidos da Historia de Vigo de José de Santiago).
O 20 de xullo de 1936, vaise vivir un sanguento episodio na Porta do Sol. Ás 13 horas dese día o capitán do exercito sublevado contra a República, Antonio Carreró Vergés, seguindo as instrucións do comandante da praza, Felipe Sánchez Rodríguez declara o estado de guerra nunha moi concorrida Porta do Sol. A versión máis difundida do que alí aconteceu indica que, cando o axudante ía a comezar a dar lectura ao bando de guerra, alguén intentou arrincarllo. A resposta inmediata foi a de dispararlle a queimarroupa e, diante da situación de alteración que se produce o capitán ordenou aos soldados abrir fogo. Hai 25 vítimas documentadas nos rexistros civís.
(2) Na praza da Princesa, antes “Pescadería” ou “Alfándega”, vendíase carne e peixe, e nela estaba o Repeso, institución propia do Antigo Reino que se encargada da vixilancia do mercado de alimentos.
(3) Durante o franquismo, a rúa foi rebautizada como Calvo Sotelo, recuperando o nome orixinal coas primeiras corporacións democráticas.
(4) Da que na actualidade queda un pequeno vestixio e que a pesar desa amputación mantivo unha certa tradición comercial ata os nosos días
(5) En anteriores referencias, Plazuela del Sol o Plaza del Sol.
(6) A muralla de Vigo, fora deseñada en 1656 baixo o reinado de Felipe IV. A fortificación partía do castelo de San Sebastián e chegaba ata actual dársena de A Laxe, partindo a cidade en dous e impedía o seu crecemento e ademais prexudicaba as relacións comerciais. O concello de Vigo solicitou o seu derribo, recibindo, vía decreto a autorización de Isabel II en 1896. O primeiro dos tramos destruídos, no que se tardou tres anos, foi o comprendido entre a actual porta do sol e A Laxe. Para poder financiar a demolición, o concello decidiu poxar a todos os materiais que se foron sacando das murallas, finalmente ante a falta de compradores se decidiu que as pedras se empregaran para a ampliación da Alameda.
(7) Eduardo Iglesias Añino, nado en Teis o 14 de outubro de 1850 e finado en Vigo o 18 de xuño de 1916, foi un avogado e político galego. Licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, e doutorouse en Madrid. Instalouse en Vigo como avogado en 1876, e integrouse no Partido Liberal, alcanzando a xefatura do partido e converténdose no home de Ángel Urzáiz en Vigo. Foi deputado provincial polo distrito de Vigo-Tui (1882, 1888 e 1892) e alcalde de Vigo (1887-1888).
(8) José Araujo foi o gran artífice da súa construción, encargándose da edificación e adiantando diñeiro para a mesma. Como presidente da Cooperativa Socialista obreira, impulsaría o establecemento nos baixos da Casa do Pobo, dun obradoiro, forno mecánico e despacho de panadería, que sería inaugurado nun acto revestido de certa solemnidade en marzo de 1914 (El Noticiero de Vigo, 7 de marzo de 1914)
(9) O seu primoxénito Eudoro, falecería afogado, apenas cumpridos os 21 anos despois que, un cambio brusco de tempo fixera envorcar a buceta na que navegaba pola ría de Vigo. Os acompañantes entre os que se encontraba Enrique Saracho foron rescatados con vida por un pesqueiro que acudira na súa axuda. A congoxa pola súa perda acompañou á familia no tempo.

XXII Aniversario

(10) A Sociedade Española de Xeografía Comercial publicaba o 15 de abril de 1889 un informe, no que detallaba a descrición industrial, agrícola e comercial da provincia de Pontevedra, destacando o incipiente poderío de Vigo, para despois aludir á casa comercial Leonardo Pardo e Fillo, que:«exportaba aguas de Mondariz a Cuba, “repúblicas del Plata, Brasil y repúblicas del Pacífico”».
(11) Auga rica en sulfato de sodio e, en menor medida, en sulfato de potasio), esta composición facíaa moi adecuada para a súa comercialización como auga medicinal con efectos purgantes. O efecto laxante ou purgante, segundo a dose das sales, coñecíase desde séculos; e a finais do XIX e principios do XX, o seu uso gozou de grande popularidade entre os habitantes dos países europeos. A purga coa chegada da primavera para “depurar o organismo”, era tomado case que como un acontecemento social.
(12) Fonte Memoria del Banco de España
(13) Nese temo, coa chamada dos pobres aos cortexos fúnebres tratábase dagunha maneira de exercer a caridade mortuoria (Anastasio ALEMÁN ILLÁN). Viña sendo un xesto derradeiro que tiña máis de obstentación do estatus que doutra cousa. O pobre do cortexo fúnebre non era o pobre en liberdade, o non integrado socialmente, senón, o pobre integrado e adoctrinado nos muros dunha institución eclesiástica; o pobre da Casa da Misericordia. Normalmente en número de 12, ou en outras ocasións como múltiplos ou submúltiplos. O número 12 facía referencia ao número de apóstoles e, polo tanto, con valor relixioso como intercesor privilexiado para o máis alá.

BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA

      1. ARQUIVO E HEMEROTECA MUNICIPAL DE VIGO. Expediente formado a instancia de D. Eudoro Pardo Labarta, pedindo licenza para edificar unha casa no seu solar situado na Porta do Sol. I. P. Arq. Jenaro de la Fuente – 7 de outubro de 1910.
      2. VÁQUEZ GIL, LALO/GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, X. MIGUEL. Os alcaldes e os concellos de Vigo. Os alcaldes do XIX: Eduardo Iglesias Añino. Páx. 57. Os alcaldes do XX: Manuel Diego Santos. Páx. 62.Ediciones Cardeñoso /978-84-87379-70-3/
      3. GALICIANA: BIBLIOTECA DIXITAL DE GALICIA. http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/busqueda.cmd
      4. A HEMEROTECA DA VOZ DE GALICIA. Dispoñible online
      5. PLAN ESPECIAL DE REFORMA INTERIOR PETRI CASCO VELLO. VIGO Abeleira Menendez(R) 003 – Porta do sol (Pza) 011. Catálogo 354-Couzada 27647-Parcela 06.
      6. REVISTA MENSUAL MONDARIZ. Ano III, nº 22. 15 de marzo 1917. Biblioteca Nacional de España.
      7. FUNDACIÓN PABLO IGLESIAS. Biografías: José Araujo Pérez. http://www.fpabloiglesias.es/archivo-y-biblioteca/diccionario-biografico/biografias/1727_araujo-perez-jose.
      8. ANASTASIO ALEMÁN ILLÁN. Comportamientos funerarios y estatus social de una élite de poder local. Murcia, siglo XVIII. Depto. CCSS – Geografía e Historia. ÍES de Abarán. Murcia.
Estas entrada foi publicada en Casas de Vigo coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar un comentario