Casa para Paulino Yáñez Llorente

O edificio na actualidade

No primeiro terzo do século vinte, un Vigo en plena metamorfose, vai ser referendario dunha serie de acontecementos que contribuirían de xeito significativo a acelerar o tránsito, desde a pequena vila de pescadores de principios so século XIX, á urbe moderna e industrializada na que se ía ir convertendo. No hínterland da cidade vella iríase consolidando unha rápida expansión urbana, que no ano 1914, dotaríase dunha rede de comunicacións a base de tranvías. O dato de aumento de poboación, 23.144 habitantes en 1900 a 63.000 en 1930, ilustra categoricamente este proceso de crecemento. A este progreso contribuíu en gran medida, a chegada do ferrocarril, a vitalidade do porto e o activo comercio ao retallo e ao por maior.

En 1900, ano de comezo da edificación da nosa casa Yáñez, desde diferentes sectores da sociedade, como por exemplo, os membros da burguesía local emerxente; filántropos, habitualmente emigrantes retornados; sectores progresistas con compromiso na reivindicación de medidas populares e de xustiza social(1) ; e as propias institucións, tanto as locais como as pertencente a outros eidos territoriais, van tomando iniciativas tendentes a satisfacer as necesidades e demandas da sociedade civil viguesa. Precisábanse con urxencia infraestruturas e instrumentos que facilitasen o desenvolvemento industrial, comercial e mesmo paliar as carencias existentes nos ámbitos, formativo, de necesidades sociais; e incluso, as de atención ao tempo de lecer.

Entre os chanzos adiantados nese ano cabe citar algúns dos máis salientábeis:

        O ano 1900 foi importante no mundo da conserva. Despois da instalación no Areal dun taller de envases, o seu promotor, o coruñés Suárez Pumariega, asociaríase con Juan Antonio Alonso Santodomingo, Salvador Aranda Graña, Marcelino Barreras Casellas, Federico Barreras Massó, e outros importantes industriais, para constituír a sociedade anónima “La Metalúrgica” (máis tarde, da man de Suárez Pumariega, agora en solitario, viría “La Artística”). As empresas metalgráficas ían dar satisfacción a unha importante necesidade das conserveiras, ao proporcionarlles a posibilidade de contar con envases modernos de folla de lata, susceptibles de ser decorados con estampaxe de cores. Este aporte tecnolóxico facilitaría ás conserveiras viguesas desenvolver estratexias de diferenciación con outras marcas coas que competían; e de paso, poder independizarse dos distribuidores franceses accedendo directamente aos mercados internacionais.

Sinalar por último, que este avance do sector da conserva, desenvolvíase no medio dun importante conflitivo na pesca viguesa. Os enfrontamentos entre xeitos e traíñas; que concluirían, nese mesmo ano de 1900, coa prohibición gobernamental, entre Fisterra e o Miño, da traíña (arte de cerco); estaban no seu punto máis álxido. Esta prohibición quedaría abolida en Vigo no ano 1906.        No mes de xullo, no edificio Acuña Seoaje, abría as súas portas o Banco de Vigo, que tería como primeiro presidente a José Ramón Curbera Puig; e que sentaría no seu consello de administración a tres futuros alcaldes de Vigo, Prudencio Nandín Vicente, Fernando Conde e Manuel Diego Santos; e que incorporaría ao seu elenco de accionistas, a armadores, conserveiros, consignatarios e comerciantes. No primeiro semestre de 1901 xa solicitara a concesión dun tranvía eléctrico entre Vigo e Baiona e puxera en marcha, co concurso de La Aurora bilbaína, a sociedade de seguros La Alborada.

Casa do farmacéutico Enrique Acuña, primeiro edificio vigués proxectado polo arquitecto Michel Pacewicz. Cinco anos despois (1905), o Banco de Vigo trasladaríase ao desaparecido Ed. Rubiera.

        No ámbito cultural e de atención aos espazos para o ocio, destaca a inauguración, o 17 de xullo, do Teatro Rosalía de Castro, nome polo que se coñeceu a partir do 28 de setembro de 1899; antes Romea e Cervantes. Construído baixo proxecto inicial de Domingo Rodríguez Sesmero; contou, na reforma do proxecto orixinal e no tratamento de interiores, coa participación do arquitecto Benito Gómez Román; e tamén, coa do seu irmán Manuel, daquela estudante de arquitectura, quen se ocupou dos traballos escultóricos. A decoración confiouse ao pintor escenógrafo Sr. Almonte; e da instalación eléctrica a Luis Conde Valvis, quen procedente da Coruña, realizou tamén a da Escola de Artes e Oficios.

No ano 1910, durante a celebración do entroido, un incendio provocado por un curtocircuíto destruíu o edificio.

O teatro Rosalía de Castro tivo unha periplo construtivo cheo de incidencias e disentimentos. Os accionistas, entre os que se encontraba Manuel Bárcena Franco, Francisco Solleiro, Antonio Conde, etc; entrarían en preito co contratista, Benito Gómez González, que finalmente se resolvería, coa condena dos propietarios có reintegro ao contratista das cantidades invertidas na construción do teatro.

        No mes de setembro, e grazas ao prócer García Barbón, atenderíase unha demanda fundamental do mundo da industria, do comercio, e da sociedade en xeral. A formación e a instrución da mocidade podería desenvolverse con maiores recursos e eficacia grazas ao no novo edificio para Escola de Artes e Oficios, inaugurado na esquina das rúas García Barbón e Pontevedra, para albergar os estudos que ata ese momento se viñan dispensando nos pequenos locais da rúa Circo.

É neste ambiente de transformación, tamén urbana, cando a edificación da casa familiar para Paulino Yáñez vai a contribuír ao envellecemento dunha alameda en pleno proceso de conformación, que se integraba no primeiro ensanche proxectado despois do derribo das murallas, e que sería coñecido polo nome de Nueva Población. Devagar, a Alameda, iríase convertendo nun centro de reunión e paseo para as e os habitantes da cidade.

Alameda 1880. Foto Pacheco

Alameda nos comezos do século XX

Obtención de licenza e proceso construtivo

A chamada casa Yañez é un edificio de catro alturas, de estilo neomedievalista, erixido para uso residencial colectivo, que está situado no número 12 da Praza de Compostela, en esquina coa rúa Velázquez Moreno. A idea construtiva, plasmada no correspondente proxecto, correspondía ao arquitecto francés Michel Pacewicz, con quen, os irmáns Paulino e Francisco Yañez Llorente, por intermedio de Benito Sanjurjo de Arellano, tomaran contacto na Exposición Universal de Paris de 1889. Paulino e Francisco, formaban parte do sector mais moderno e cosmopolita da burguesía viguesa finisecular, e como parte dese sector social, participantes no costume de mostrar o seu poderío social e económico a través da fastuosa arquitectura das súas vivendas.

A solicitude de licenza de obra, que asinaba Paulino Yañez Llorente, foi presentada no rexistro do Concello o 24 xaneiro de 1900. Os planos que acompañaban ao escrito, por motivo do non recoñecemento en España do título de arquitecto de Pacewicz, ían asinados polo mestre de obras Dimas Vallcorba.

Fachada rúa Victoria

Fachada rúa P. Morillo

Días antes, o 14 do mesmo mes, a través da correspondente instancia, o requirente, pedira autorización para levar a cabo a demolición dunha vella casa da súa propiedade que ocupaba o solar onde se quería construír, e ao mesmo tempo, demandaba, se lle sinalase a liña e rasante para proceder cos traballos de cimentación.

O 18 de xaneiro o Concello, en documento asinado polo secretario Municipal Manuel Olivé Cousiño(2) acordou permitir ao solicitante proceder á demolición do edificio preexistente; e ao tempo, deu curso a instancia, para que fose informada pola comisión de obras. A resposta non se fixo agardar, o 22 de xaneiro, a Comisión trasladaba ao concello as súas recomendacións.

Á vista do informe, a corporación en sesión celebrada o mesmo día 22, permitía ao solicitante construír a cimentación; e, asemade, encargaba ao director facultativo das obras municipais, a que procedera a fixar as aliñacións e rasantes á que debería suxeitarse a nova edificación, tanto para a rúa Victoria como para a de Pablo Morillo. Sobre a súa figura compre a lectura da columna Vigo contra Morillo(3), escrita por X.L. Méndez Ferrín, e publicada o 31 de marzo de 2017, no xornal o Faro de Vigo.

A resposta a petición de licenza para a construción do edificio, realizada como antes se sinalou por Paulino Yáñez o 24 de xaneiro, foi formulada pola corporación municipal, reunida en sesión celebrada o 31 de xaneiro. Na xuntanza aprobáronse, en todas as súas partes, as conclusións presentadas no informe da comisión de Obras; poñendo así un punto final positivo ao expediente de solicitude. A continuación transcríbese o texto completo do ditame.

La Comisión de obras que suscribe enterada de la instancia y planos presentados por D. Paulino Yáñez pidiendo se le conceda licencia para edificar una casa en el ángulo de las calles de la Victoria y Pablo Morillo tiene el honor de proponer al municipio se digne aprobar las conclusiones siguientes:
  1. Se le conceda licencia a D. Paulino Yáñez para edificar una casa en los solares de su propiedad situada en el ángulo de las calles de la Victoria y Pablo Morillo con arreglo a los planos que presento con la solicitud advirtiendo que los salientes de la fachada indicados en el plano de planta deben ceñirse a la linea fijada para dicha calle.
  2. D. Paulino Yáñez satisfará al serle notificado este acuerdo la cantidad de mil tres pesetas y noventa y seis céntimos importe del arbitrio municipal sobre construcciones a razón de ochenta céntimos de peseta por metro cuadrado de cada planta: por ser cuatro el número de plantas del proyecto presentado y por medir cada una la superficie de 313 metros setenta y cuatro decímetros cuadrados.
  3. En cumplimiento a lo dispuesto por las ordenanzas municipales y acuerdos del Excmo. Ayuntamiento el solicitante colocará valla que ocupe como máximo la tercera parte del ancho de la calle de la Victoria y Pablo Morillo en el frente de su propiedad.
  4. El Sr Yáñez satisfará igualmente el importe de la alcantarilla construida por cuenta del municipio en la calle de Pablo Morillo en la proporción que le corresponda cuyo importe le será liquidado por el Sr Director facultativo de las obras municipales. El Excmo. Ayuntamiento no obstante resolverá lo que juzgue más conveniente.

Ao escrito, datado o 29 de xaneiro de 1900, seguían as sinaturas de membros da comisión de obras.

Os Yáñez Llorente e os devanceiros  

Paulino Yáñez Llorente, foi o maior dos fillos do matrimonio formado por Francisco Yáñez Rodríguez e Ramona Llorente Diraychin; Francisco e Guadalupe, completaban a prole. Os Yáñez Llorente sen chegar a compendiar o celme das dúas estirpes devanceiras, conseguiron manter unha palpable relevancia nalgúns dos diferentes dominios de acción desempeñados pola ascendencia familiar. Sobre as liñaxes dos Yáñez e os Llorente existe cumprida información.

. . . . os Yáñez . . .

Da familia Yánez, con presenza centenaria confirmada na cidade de Vigo, sábese que tiña o comercio como dedicación principal. Durante o século XIX algúns membros da saga familiar tiveron participación activa na vida política, ostentando cargos tanto no concello como na deputación provincial. Entre os devanceiros de Paulino e Francisco Yáñez Llorente cabe citar:

        Francisco Yáñez de Castro, dedicado ao comercio de cereais, sal, viño serraduras, etc., tivo tamén presenza na industria da salgadura. Segundo informacións tomadas do tomo LXXVI da revista Altamira, editada polo Centro de Estudos Montañeses, en relación a un incidente ocorrido no quechemarín “Nuestra Señora de la Estrella”, Francisco Yáñez de Castro, en 1834, provía de 24 pipas de viño, 10 cargas de serradura e 1.186 ferrados de maínzo a Antonio de Hornedo, do comercio de Santander. Este dato fornece indicios sobre a importancia que debía ter o seu negocio comercial.

Joaquín Yáñez Rodríguez

        Joaquín Yáñez Rodríguez, nacido en agosto de 1814, faleceu en 1892. Fillo de Francisco Yáñez e Francisca Rodríguez; avogado, periodista, político, e alcalde da cidade en varias ocasións (1841/42, 1854/57, 1890/92); foi ademais presidente de la deputación provincial. Xunto a Angel Lema, José Carvajal Pereira, colaborou, en 1853, a erguer o xornal o Faro de Vigo, sendo un dos seus redactores fundadores. Presidiu a “Tertulia Recreativa”, sociedade nacida á vida social en 1864 por iniciativa do Marqués de Valadares; dise que coa idea de crear unha sociedade que agrupase ás persoas adiñeiradas”. Tamén foi propietario da fábrica de pastas, “La Victoria”, situada en Alcabre. De talante liberal, formou parte da xunta revolucionaria viguesa, que presidía Ramón Buch, constituída ao albor do levantamento de 1846, e máis tarde, participaría na revolución de 1854, “La Vicalvarada”, que deu lugar ao chamado Bienio Progresista. En abril de 1856, con motivo das eleccións de renovación de xefes da Milicia nacional, para cubrir as vacantes que había nas compañías, foi elixido capitán da primeira compañía.(4). En colaboración con Benito Manuel López, secretario do concello, escribiu o manuscrito “Análisis histórico de la Reconquista de Vigo”, datado en 1853, e editado polo Concello de Vigo en 1959 .

Necrolóxica publicada a páxina completa no Faro de Vigo de 05.09.1892

        Francisco Yáñez Rodriguez, irmán de Joaquín e pai de Paulino e Francisco Yañez Llorente, era un dos homes máis adiñeirado no Vigo dese tempo. En asociación con Francisco Tápias, dedicado ao tráfico de grao, ás industria de salgadoiro, aos prestamos á compañías marítimas e delegación de seguros; formaban naquel Vigo en plena expansión comercial a que se coñecía popularmente como a sociedade dos “Franciscos”. Formou parte da corporación municipal viguesa constituída en novembro de 1853, e que tiña de alcalde ao avogado progresista Domingo Antonio Leiros.

. . . . os Llorente  . .

Os Yañez Llorente, procedían por parte materna das familias fundadas en Vigo polos matrimonios integrados por: Lorenzo Llorente Romero con Magdalena Fournell Claudio, e Manuel Llorente Romero con Magdalena Pastor. Os irmáns Lorenzo e Manuel chegaran a Vigo a mediados do século XVIII procedentes da Rioxa.

Entre os descendentes, ademais de Paulino e Francisco Yañez Llorente que son obxecto do noso interese inmediato, pódense citar algúns membros ilustres, que foron obxecto do recoñecemento por parte do pobo vigués:

        Manuel Llorente Pastor (1781 – 1873). Fillo de Manuel Llorente Romero e Magdalena Pastor. Foi deputado a Cortes, Brigadier e subsecretario do Ministerio da Guerra. Polas súas ideas liberais, tivo que emigrar a Inglaterra ao final do trienio constitucional (1820/23).

        Hipólito Llorente Rey (1820 – 1896). Fillo de Manuel Llorente e Pastor e María del Carmen Rey Losada. Como o seu pai seguiu a carreira de armas. Estivo destinado en Cuba, Londres, Abisinia, India, etc. Desde 1873, ocupou o cargo de gobernador militar da illa de Menorca (1888), e da provincia de Pontevedra e da praza de Vigo, que desempeñou durante oito anos, ata que foi ascendido a mariscal de Campo. Casou en Vigo en 1875 con Elisa Naharro, filla do barón de Casa-Goda. Polo seu valemento e favores que fixo a Vigo, o concello deulle o nome de General Llorente á rúa onde viviu, daquela rúa Picacho, e que une a rúa Conde de Torrecedeira coa de Pi i Margall(5) .

        Teófilo Llorente Diraychin (1827 – 1905). Fillo de José Llorente Tournel e Juana Diraychin. Coronel de enxeñeiros, estivo destinado en diferentes lugares de España, Cuba e Filipinas. Constituíuse en benfeitor do pobo de Vigo, ao facelo herdeiro dunha cantidade de diñeiro en accións de máis de 120.000 pesetas, a fin de que, cos intereses dese capital, se axudase aos pobres da localidade. Ao ano seguinte a súa morte, a cidade dedicoulle a rúa que vai da praza do Berbés ata Beiramar na zona de A Pedra (Rúa Teófilo Llorente). Unha irmá de Teófilo, Ramona Llorente Diraychin, casaría con Paulino Yañez Rodríguez. Deste matrimonio nacerían tres fillos Paulino, Francisco e Guadalupe.(6)

Paulino e Francisco Yáñez Llorente

Paulino e Francisco Yañez Lorente. Tiveron como actividade profesional principal a de importadores de madeiras exóticas (Suecia, Asia e América). Ambos irmáns constituíron a sociedade, Paulino Yañez, Hermanos, que tiña almacén e grandes serradoiros mecánicos localizados na rúa Areal, ao lado da calella do Chinito e na rúa Victoria 34.

O sector do salgadoiro de peixe e da emerxente industria conserveira, foi outro dos eidos de actividade económica no que se implicaron os irmáns Yañez Llorente. Asociados con Carlos Arean Fernández, constituíron a sociedade regular colectiva Yañez y Arean, onde os tres contaban co uso da firma social. A entidade constituíuse en Vigo, no mes de marzo de 1904(7). As instalacións da fábrica situábanse na beiramar da enseada de Meloxo, no poñente da vila de O Grove, desde onde, baixo a marca comercial Atlas, comercializaban salga, conservas de peixe e outros produtos.

No ano 1905, por iniciativa de dous empresarios ferroláns, un austríaco e un catalán, incorporaríanse a produción de conserva e escabeche na vila meca, catro novas fábricas, avivándose así a actividade económica da localidade. O correspondente no Grove do xornal El Noticiero de Vigo (20.10.1905), saudaba a creación destas industrias, aludindo ao feito da existencia na vila de traballadores, preparados tanto para os labores de fábrica, como para a pesca, así como da existencia de 18 traíñas dispoñibles no porto.

A firma Yáñez e Arean, por diversos motivos, estivo presente nos medios de comunicación durante polo menos dúas décadas. O xornal, El Noticiero de Vigo o 4 de febreiro de 1905, informaba da folga de obreiros soldadores producida na súa conserveira. A decisión tomada polos traballadores articulábase en resposta ao despedimento de dous empregados da fábrica, que ostentaban os cargos de presidente e delegado da sociedade de soldadores. Noutra ocasión, o naufraxio do seu vapor Apolo, motivou unha nova aparición nos medios. Unha concorrencia máis grata foi a motivada pola cesión do vapor Dolores, que pilotaba o propio Carlos Arean, para realizar o transporte de turistas ingleses entre a illa da Toxa e a de Cortegada.

Nesta relación de ocupacións profesionais de Paulino Yáñez, referirse, por último, a súa inclusión, como vogal, no Consello de administración da compañía de Tranvías Eléctricos que presidía Martín Echegaray.(8)

Paulino Yáñez Llorente

Paulino, o promotor do edificio, naceu en Vigo no ano 1863 e morreu, ibidem, o 3 de marzo de 1950. Contraeu matrimonio con Carmen Tapias Puig, en cerimonia oficiada polo abade da igrexa de Santiago de Vigo, o 16 de decembro de 1891. Actuaron respectivamente, como madriña e padriño da voda, a nai da noiva Clotilde Puig de Tapias, e o tío do noivo Teófilo Llorente Diraychin. O matrimonio tivo tres fillos. Paulino, Joaquín e Juan Yañez Tapias.

Ademais das actividades profesionais descritas anteriormente, Paulino Yáñez, tivo unha vida destacada na política. Nas eleccións municipais de renovación da corporación celebradas o 12 de maio de 1895, nas que houbera “intelixencia” entre o sector conservador e o liberal, obtivo acta de concelleiro en representación do primeiro distrito, xunto a Marcelino Astray Caneda, Antonio Lema e José Pérez Villelga(9) . Ademais de concelleiro na corporación viguesa, a vida política de Paulino Yáñez, estendeuse tamén ao ámbito provincial. O 20 de xaneiro de 1924, por designio do coronel Manuel Junquera Guerra, xefe político do directorio militar, en funcións de gobernador Civil, entraría a formar parte da corporación provincial; e por 23 votos a favor e unha abstención, asumiría o cargo de vicepresidente da deputación. Co mesmo resultado en votos sería elixido para a presidencia o enxeñeiro Daniel de la Sota Valdecilla, pai do arquitecto Alejandro de La Sota. Ao tempo, no Estado, o xeneral Primo de Rivera, que suspendera, sine die, a Constitución de 1887, cos estatutos municipal e provincial en proxecto, continuaba coa “reforma” da Administración.

Como membro destacado da burguesía da cidade, Paulino Yañez, involucrábase en actividades relacionadas cos diferentes eidos da vida social, deportiva, cultural, etc. O xornal El Noticiero de Vigo de 27 de decembro de 1905, publicaba unha nova para dar a coñecer a súa participación como vogal da xunta de Beneficencia; outrosí, abundaban as súas participacións nas tan habituais contribucións pecuniarias en colectas con fins benéficas. O ámbito, deportivo e o seudo-deportivo, en ocasións motivou a súa comparecencia na prensa. O 9 de marzo de 1890, o xornal Faro de Vigo, anunciando a celebración dunha comida, en homenaxe aos xefes dos destacamento militares de Vigo, que organizaba El Gimnasio, citándose a Paulino Yáñez e ao seu irmán Francisco, como socios desa asociación de tipo deportivo. Noutra ocasión Paulino, xunto a o marqués de Villanueva y Geltrú, Manuel Cadaval e Ramón Sanjurjo; aparecía formando parte do xurado encargado de regular o funcionamento da Tirada Internacional de Pombiño; no, posiblemente primeiro acontecemento de tiro celebrado (xullo de 1912) na illa de A Toxa. O diario de Pontevedra La Correspondencia Gallega, eufemisticamente referíase ao evento co nome de “festa cinexética”(10). Anteriormente, no ano 1897, e no mesmo espazo de prácticas de maltrato aos animais e de  potenciación de festas sen arraigo en Galicia, Paulino Yáñez, amosábase integrado no Consello de Administración de la Taurina Viguesa. A pesar dos esforzos feitos por esta sociedade impulsada principalmente por Pedro Alario, e posteriormente por outras iniciativas, as corridas touros en Vigo non se chegarían a implantar.

Pola súa formación e pola condición de propietario, Paulino Yáñez, tivo que atender varias encomendas relacionadas con diversos servizos de tipo social e político. O 8 de agosto de 1902, por estar incluído nas listas de capacidades, foi designado membro dos xurados do Partido de Vigo. Podían pertencer á lista de capacidades, e polo tanto, ser xurado, el que tuviere un título profesional o hubiere desempeñado algún cargo con la categoría de Jefe de negociado de Administración(11). O 23 de setembro de 1909, con motivo da renovación de vocais da Junta Pericial, e á proposición da Alcaldía, entraría no organismo pola súa condición de propietario. As xuntas periciais, encargábanse da redacción dos amillaramentos e dos apéndices de acordo ás relacións xuradas presentadas polos contribuíntes; comprobaban as altas e baixas, e as posibles variacións; sendo competentes tanto en rústica como en urbana. Con toda esa información avaliaban a riqueza total do municipio consonte ás modificacións anuais; e, unha vez fixada a cota a pagar, encargábanse de facer o reparto entres os veciños contribuíntes(12).

O pasamento de Paulino Yáñez, segundo se menciona na necrolóxica publicada o 4 de marzo de 1950 no xornal vigués El Pueblo Gallego, produciuse na súa casa familiar da Alameda, cando contaba con 87 anos.

Características do edificio

Edificio en esquina das rúas Alameda e Velázquez Moreno, (antes Victoria e Pablo Morillo), conta con planta baixa, tres andares e faiado. Construído en fina cantería de perpiaño apomazado, resultado do oficio e da escrupulosidade dos canteiros galegos. Presenta fachadas a ambas rúas, enlazadas por un chafrán ocupado por unha galería que podería considerarse como un auténtico chisco dos promotores ao seu negocio de importación de madeiras nórdicas.

Galería neogótica de madeira

O inmoble cumpría con creces co obxectivo buscado pola burguesía local, de procurar a distinción a partir da construción de edificios ostentosos e de estilo cosmopolita. A solaina, que se estende ao longo dos tres andares superiores, coróase cun gran gablete en forma de cortina que contribúe á sensación de esvelteza e ascensión visual que se percibe na observación do edificio. Nela combínanse varios elementos neogóticos, como son os arcos oxivais trilobulados, que se distribúen aleatoriamente seguindo as pautas do eclecticismo: tres no primeiro andar, un no segundo e ningún no terceiro; tracerías caladas nos antepeitos; conta tamén coa presenza dos socorridos pináculos, que desta vez, cumpren unha función simplemente ornamental e que se acompañan de numerosos remates apuntados.

Na parte do chafrán correspondente ao andar baixo sitúase un dos portais do edificio. O acceso está enmarcado por dúas pilastras terminadas en ábacos que serven de base a sendas ménsulas que soportan a galería. A parte superior da entrada, en harmonía co remate en gabelete da galería, remátase cun arco en forma de mitra, en cuxo vértice disponse unha flor de lis, elemento decorativo símbolo da familia real francesa, que foi moi utilizado na arquitectura gótica tardía.

As fachadas, que presentan unha composición ecléctica, organízanse asimetricamente a través dun corpo central que se adianta, e no seu tramo superior superan o remate do edificio. O da praza de Compostela singularízase cunha torre ameada, no que destacan os balcóns voados no primeiro e segundo andar, presentando os vans partidos. Tanto as varandas dos balcóns como os antepeitos das fiestras adórnase con tracerías caladas. O corpo central da rúa Velázquez Moreno, substitúe os balcóns por galerías; e finaliza, nunha especie de gabelete agudo rematado nun pináculo. Nesta fachada tamén se repite a tracería gótica nos vans confinantes.

No andar baixo, ademais das poderosas ménsulas que soportan os corpos centrais das fachadas e a galería do chafrán, destaca o acceso principal da Praza de Compostela, de estilo neogótico, que ven rematada por un arco conopial decorado. O edificio remata cunha varanda que, ao igual que os antepeitos de balcóns e fiestras das fachadas, substitúe os balaústres pola tracería gótica, que se combina cunha galería cega de arcos apuntados baixo a cornixa.

REFERENCIAS

(1) Eduardo Chao, pode ser un modelo referencial. Impulsou numerosas actividades na cidade, unha das máis importantes foi a construción de novos molles no porto e a mellora das instalacións de obras do porto; dotou á cidade dun observatorio meteorolóxico; creou as chamadas escolas de instrución públicas, destinadas a mellorar a formación das persoas maiores e colaborou na instauración e atención das necesidade da Escola de Artes e Oficios; convocou un concurso público entre os arquitectos para premiar, con cincocentas pesetas do seu peculio particular, ao mellor deseño de casa que mellorase as condicións de vida de mariñeiros e labregos. Tamén deixou pegada no fomento dunha prensa progresista en Vigo, implicouse no apoio á imprenta de Juan Compañel e na edición primeiro do xornal La Oliva (1856-) e máis tarde en El Miño (1857-1868).
(2) Manuel Olivie Cousiño (1858-1931), escritor, publicista, avogado e secretario municipal vigués e do porto; ademais de membro de varias institucións culturais. Escribiu unha biografía sobre Concepción Arenal e, baixo o título de “Aspiraciones Nacionales de España”, iniciou un ambicioso proxecto, que non chegou a concluír, dedicado ao estudo crítico dos problemas de carácter internacional que afectaban directamente a España. Constaba de cinco partes (Xibraltar, Marrocos, Unión Ibérica, Alianza Latina e Unión Ibero-Americana), das que só chegou a publicar as dúas primeiras.
En 1932, un ano despois da súa morte a Corporación viguesa adicoulle a rúa que sae da Praza de España e leva ao Paseo de Rosalía de Castro. Colocándolle unha placa conmemorativa, esculpida en mármore e que presenta un fermoso veado sobre a que se enxertan as letras de bronce adornadas cunha grilanda fundida no mesmo material.
(3) Tradicionalmente, na festa viguesa da Reconquista fálase ben do militar leonés Pablo Morillo, quen está inmortalizado no monumento ambulante que foi da Pedra á Praza hoxe dos Cabalos e, de alí, á de Zamora que mudou o seu nome a Independencia. Vigo é así de mutante. En realidade os que queremos a Vigo non estamos en débeda con Pablo Morillo. Menos lle deben os viguistas exaltados, entre os que non me encontro, que pretenden facer de Vigo unha provincia. Estes non lembran que na primeira división territorial española, de carácter centralista, que foi a promulgada polo bon rei Xosé Bonaparte, Vigo era capital de prefectura, ou sexa de provincia. Morillo, e os frades, cregos, fidalgos e axentes de Wellington que incitaron o pobo contra o bonapartismo, frustraron a cidade de Vigo como capital de provincia.
Logo de facer carnicerías en América, e de ser ben mallado por Simón Bolívar, Morillo, xa marqués de la Puerta, pola fazaña da porta viguesa da Gamboa, púxose ás ordes dos franceses. Dos franceses absolutistas do exército dos Cen Mil Fillos de San Luís, de Wert e do duque de Angulema. Na Coruña, os liberais, ao mando de don Pedro Méndez Vigo, resistiron o feroz bombardeo e o asedio durante cuarenta heroicos días; logo foron derrotados e pasaron con honor á Historia.
Entre os franceses absolutistas estaba o felón Morillo. Este xeneral volveu a Vigo, e aínda librou unha segunda batalla de Ponte Sampaio na que, esta vez, combateu co exército francés contra os galegos liberais que resultaron vencidos. En Vigo, Pablo Morillo e os seus vistosos franceses absolutistas, entraron, non sei se pola Porta da Gamboa, e foron moi ben recibidos en Vigo polos reaccionarios, mentres o elemento liberal se metía baixo as pedras.
E ben, durante o período liberal (1820-1823) Vigo, polo seu espírito e dinamismo, fora instituído como capital de provincia. Unha vez que Pablo Morillo entrou nesta cidade na que escribo, e a incorporou ao réxime oprobioso a capitalidade trasladouse a Pontevedra, onde aínda segue. Entendo, pois, que algún sector de Pontevedra afague a memoria de Morillo no monumento da súa Alameda. Non entendo, non, por qué os viguistas exaltados persisten en louvar a figura de Pablo Morillo.
Coa entrada de Morillo en Vigo o 4 de agosto de 1823, termina para esta cidade, como escribe X.M. Álvarez Blázquez, “a fugaz experiencia de capital de provincia durante o trienio liberal”. Unha rúa viguesa segue a ostentar, en mármore, o nome do xeneral felón.
(4) La Oliva: periódico de política, literatura e intereses materiales: Año I Número 22 – 16 abril 1856
(5)El pueblo gallego: diario de la mañana, al servicio de los intereses de Galicia: Num. s.n. (08/06/1941) José Espinosa. Cronista Oficial de Vigo
(6) Investigando a historia familiar en Galicia. Llorente, Casa dos. O Piñeiro. (Vigo). XENEALOXÍA.ORG
(7) La correspondencia Gallega, 14.03.1904
(8) El Noticiero de Vigo o 17 de marzo de 1915
(9) Gaceta de Galicia: diario de Santiago – 14.03.1895
(10) La Correspondencia Gallega. 02.09.1912
(11) Artigo 665 da “Ley de Jurado de 1888”.
(12) Manual de Hacienda para archiveros municipales

BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA

    1. ARQUIVO E HEMEROTECA MUNICIPAL DE VIGO. Expediente formado a instancia de D. Paulino Yáñez pidiendo licencia para edificar una casa en el ángulo de las calles de la Victoria y de Pablo Morillo. I. P. Arq. Dimas Vallcorba – 14 de enero de 1900.
    2. Investigando a historia familiar en Galicia. Llorente, Casa dos. O Piñeiro. (Vigo). XENEALOXÍA.ORG. Recuperado de: https://www.xenealoxia.org/linaxes/pontevedra/939-2009-06-28-00-15-52. Consultado o 13 de maio de 2018.
    3. MANUAL DE HACIENDA PARA ARCHIVEROS MUNICIPALES. Ediciones tres fronteras. ISBN: 978-84-7564-416-5. pax. 18
Advertisements
Publicado en Casas de Vigo | Etiquetado , , , , | Deixar un comentario

Escola de Artes e Oficios de Vigo

Escola de Artes e Oficios

A Escola de Artes e Oficios de Vigo representou a materialización dos degoxos máis sentidos por unha sociedade que, a partir da segunda metade do século XIX, anhelaba contar cos instrumentos que melloraran a formación técnico profesional das súas xentes, especialmente nos ámbitos comercial, artesanal e o do incipiente sector industrial; e, outrosí, promover a formación xeral da súa poboación máis nova. Á sociedade El Recreo Artístico e Industrial, fundada o 14 de setembro de 1856 e á Sociedade de Socorros Mútuos La Cooperativa, fundada en 1884, por desprendemento da Sociedad de Socorros Mútuos (1852); foron, a nivel asociativo, os suxeitos desta causa reivindicativa. No plano individual prevalece a figura sobranceira de Manuel Diego Santos, auténtico e perseverante indutor do propósito. As ensinanzas industriais en Vigo completaríanse anos máis tarde coa creación, por Real Decreto de 25 de xaneiro de 1901, asinado pola rexente María Cristina, da “Escola de Artes e Industrias”; e co posterior (1930), “Proxecto De Universidade Industrial de Vigo” que incluía a construción, con proxecto de Jenaro de La Fuente Álvarez, do edificio da rúa Torrecedeira.

O Recreo Artístico e industrial de Vigo, por unha módica asignación de 4 reais, ofrecía aos seus asociados: la lectura de periódicos de política, literatura y artes; un baile mensual y juegos de billar, tablas y naipes no prohibidos (1) .

Na pertinente reunión de constitución, os socios fundadores procederon a aprobación do regulamento e a elección da primeira xunta directiva que encabezada como director D. Vicente Agulla. Non é ata o ano 1882, cando o Recreo Artístico, xa baixo a presidencia de Manuel Diego Santos, e coincidindo coas festas da cidade, promove a celebración duns Xogos Florais, que terían como presidente de honor ao que fora presidente da 1ª República e brillante orador, Emilio Castelar y Ripoll, o novo Cristo dos pobos escravos, en verbas de Curros Enriquez. En agosto do ano 1883 (Os xogos florais, leváranse a cabo o 24 de xuño), o Recreo Artístico celebra xunta xeral; e, no seu discurso, Manuel Diego Santos congratulábase do éxito acadado polo certame literario-musical que se celebrara no teatro Circo Tamberlick, e poñía sobre a mesa unha ambiciosa proposta: a creación dunha Escola de Artes e Oficios en Vigo.

A casa do medio da foto foi a primeira sede. Tomada en 1918, acababa de incendiarse.

Dous anos máis tarde, agora presidindo a Sociedade de Socorros Mútuos “La Cooperativa”, Santos, conseguía aglutinar en torno ao proxecto a importantes e influentes persoeiros de diferentes ideoloxías: o todopoderoso Montero Ríos, Augusto Bárcena, e Eduardo Chao. Eduardo Chao, naquel momento, presidente honorario de La Cooperativa, tería un importante labor na posta en marcha do centro formativo; ao seu cargo, como presidente, quedaron as dúas comisións (unha organizadora e outra executiva), que, coa finalidade de conducir o proceso, constituíranse no seo da Asociación. Augusto Bárcena, doaría os terreos para instalar a súa primeira sede, e, Eduardo Chao o mobiliario para as aulas e oficinas. O edificio, construído na parcela doada, ocupaba o número 5 da rúa Circo (a actual Eduardo Iglesias), xusto fronte o teatro Tamberlik, e constaba de baixo e primeiro andar. O 26 de setembro de 1886, diante dun numeroso público, Santos, Chao e Bárcena ocupan o estrado montado para a realización do acto de inauguración da Escola tan necesaria e ansiada. Como diría Eduardo Chao: As ideas xermolan como inzos.

MANUEL DIEGO SANTOS

Manuel Diego Santos, naceu en Vigo en 1834 e finou, ibidem o 27 de maio de 1911. Cando contaba con 26 anos emigrou a Rio de Janeiro, retornando á cidade que o veu nacer, e na que permanecería ata o fin dos seus días, no ano 1882. Foi un empresario de éxito, eficaz servidor público e militante na política liberal que, naquel tempo, significaba combater as secuelas subsistentes do Antigo Réxime: desigualdade civil, privilexios sociais e as rémoras políticas empeñadas en dificultar o tránsito de sistema político e económico; pero que, como di Josep Fontana no seu libro “Europa  ante el espejo”: No hubo «ni persistencia del Antiguo régimen» ni « triunfo de la burguesía», sino que se impuso la lógica del capitalismo que obligaba a los grupos dominantes a pactar para defenderse  de las aspiraciones de los de abajo.

Manuel Diego Santos

As anteriores asercións conseguen, no seu relato biográfico, un contundente respaldo. Manuel Diego Santos, desenvolveu con celebridade, a súa actividade profesional. Na fábrica de mobles de luxo(2) implantada en Rio de Janeiro, “Moreira, Santos e Compañía”(3) ; que dirixía, e da que era co-propietario, “trabalham, segundo recollía nun documento oficial da empresa, mais de 200 artistas livres”. Naquel momento a escravitude(4) estaba implantada no Brasil, polo que, o dato, máis alá da carga poética que carrexaba, acreditaba aos seus propietarios por instituír un estilo empresarial que permitía conciliar a racionalidade económica coa racionalidade ética do benestar para todos os seus membros. Un dato máis que nos achega ao coñecemento das relacións laborais implantadas na fábrica; en 1881, un ano antes do regreso definitivo a súa cidade natal(5) , a revista “La Ilustración Gallega y Asturiana”, que dirixía Murguía, nun dos artigos publicados nese ano sobre o avegoso empresario galego, referíase a celebración anual (que nese 1881, coincidía coa conmemoración do décimo aniversario da fábrica) dun banquete ao que acudían todos os seus operarios. O artigo, de titulo, “Honor al trabajo en Río-Janeiro”, dicíase en relación co acontecemento que, por sí solo revela el espíritu que anima aquel vasto establecimiento, y acaso encierra el secreto de su magnífico progreso; e, a maiores, facía un relato pormenorizado dos lances acaecidos durante o banquete (brindes, cante do himno ao traballo, discurso do director, recollida de donativos para auxiliar ás familias de dous artistas que se achaban á porta da morte, recitado de discursos e poesías por parte de operarios e convidados, etc ). Con todo, entre os episodios ocorridos durante o festexo, destacaba a petición de permiso, feita por parte dun representante dos traballadores, para abrir na factoría unha aula de xeometría aplicada á arte de ebanista, iniciativa que, o director Santos, comprometíase a apoiar. O artigo remataba co seguinte parágrafo:

Cuenta la fábrica con gran número de operarios, y la fiesta se prolongó hasta despues de las nueve de la noche, retirándose los convidados y operarios satisfechos de las alegres horas que alli pasaron, donde la fraternidad y la igualdad se ostentó con todas sus galas.

Pero o perfil biográfico de Manuel Diego Santos quedaría incompleto sen non se atende a unha calidade persoal fundamental, a empatía. Esta habilidade cognitiva foina desenvolvendo en todas aquelas actividades emprendidas ao longo da súa vida. Na súa etapa en Río de Janeiro, ao eloxiado desempeño como empresario hai que amecerlle, o seu labor na Sociedade Española de Beneficencia(6) , institución que prestaba importantes auxilios aos residentes españois, formaran ou non parte dela. A Ilustración Gallega y Asturiana, nun artigo publicado o 18 de agosto de 1881 destacaba o seu traballo ao fronte da asociación benéfica. O cronista referíase a memoria lida polo presidente Santos na asemblea xeral celebrada o 17 de abril dese mesmo ano, salientando o florecemento da sociedade nuns momentos no que este tipo de asociacións estancábanse ou tendían a desaparecer. Noutro apartado, o escrito referíase ao chamado que, Manuel Diego Santos, facía aos emigrados que conseguiran algunha fortuna, reclamando o seu compromiso e implicación no fomento deste tipo de institucións. En referencia á marcha económica da entidade benéfica, salientaba que entre 1879 e 1880 entraran en caixa 3.956.800 reis, que sumados ao anterior capital facían a importante suma de 64.013.240.

Ademais da presidencia da Sociedad Española de Beneficencia, o senlleiro Santos, mantivo outras ocupacións: presidente da Liga Operaria e do Club Industrial; socio activo da Bolsa de Río Janeiro; vicepresidente da Reunión de Expositores, socio honorario da Caja de Socorros de Don Pedro V, da Sociedad Auxiliar da Infancia Desvalida, da Asociación promotora de la Instrucción, da Propagadora de Bellas Artes e do Club Industrial(7) .

Pola traxectoria seguida e as angueiras levadas a cabo, que colaboraron a impulsar a florecente industria e comercio no seu pais de acollida, Manuel Diego Santos, recibiu importantes mostras de enaltecemento. Con 48 anos decide retornar a súa terra, e mentres realiza a travesía do Atlántico, o emperador brasileiro Pedro II, alcumado “O Magnánimo”, redacta e publica o decreto imperial polo que se lle proclama comendador da Orden de la Rosa(8)(na figura). Anteriormente, e tamén por designio imperial recibiría a alta encomenda de presidir a Comisión Brasileira na Exposición Continental Sud-Americana de 1882. Nesta exposición, celebrada en Buenos Aires, exhibíranse cerca de 1000 obxectos, e a ela concorreran todos os países de América e algúns europeos(9) . No ano 1899, residindo xa na súa vila natal, foi designado viceconsul do Brasil en Vigo, proclamación que foi autorizada por Real orde do Ministerio de Estado(10) .

Na súa vila natal, o emigrado retornado disporá de 29 anos nos que, a través das súas actuacións seguirá confirmado a súa fidelidade aos valores asumidos e o compromiso coa súa ideoloxía. A diferencia doutros indianos, Manuel Diego Santos non se limita a financiar ou apoiar economicamente a realización de infraestruturas de tipo cultural, de atención educativa ou sanitaria, lúdicas etc, etc; senón que, promove ou se incorpora a diferentes iniciativas de interese cidadán, implicándose persoalmente no seu desenvolvemento.

Neses primeiros anos de residencia na súa vila natal, dúas novas, referidas a súa persoa veñen a ensombrecer o seu decurso. No ano 1887, o xornal El Correo Gallego no seu número 2601 de 9 de xullo, informaba que, a Dirección Xeral de Seguridade, implicábao no posible embarque (non confirmado), de 8.500 emigrantes galegos para o imperio de Brasil. No mesmo ámbito de adversidade, Manuel Diego Santos, xunto Manuel Bárcena, Francisco Solleiro, Antonio Conde .. ; no ano 1894, foi condenado por sentencia do xuíz Trillo, ao pago de cantidades ao contratista Benito Gómez, a fin de reintegralo das importantes sumas invertidas na construción do Teatro Cervantes (11) . Anos despois, en xaneiro de 1905, outro episodio, neste caso relacionado co seu nomeamento como presidente do Casino de Lavadores ven a anubrar a súa notoriedade. O diario o Noticiero de Vigo publicaba o 31 dese mes unha crónica sobre a xunta xeral celebrada para á elección de cargos, da que se extraen os seguintes reveladores parágrafos:

En Junta general celebrada en la noche del 29 del actual, en el Casino de Lavadores fueron elegidos para sustituir a la junta directiva: Presidente, don Manuel Diego Santos, ….
Por dicha Junta General al aprobarse la elección se ha barrenado totalmente el artículo 21 del Reglamento con relación a los cargos de Presidente y Vice presidente, pues los elegidos no cuentan ni con mucho un año de socio de número desde su admisión. …

Manuel Diego Santos, desenvolveu un importante labor no fomento da economía da localidade e comarca. Na compaña de destacados membros da burguesía viguesa (industriais da conserva, consignatarios, etc), avivou a creación dunha importante e necesaria institución financeira, o Banco de Vigo. A idea inicial partira, segundo se conta, dun folleto de título “Un sueño pero realizable”, atribuído ao consignatario de buques e industrial conserveiro Salvador Aranda Graña. O escrito provocara unha corrente de vontades que derivaría na constitución dunha entidade bancaria dirixida a contribuír ao financiamento do complexo marítimo, e a promover, o desenvolvemento da cidade(12) .

Edifico 1ª sede do Banco de Vigo

O Banco de Vigo, que contaba cun consello de administración presidido polo adiñeirado filántropo Fabriciano Rodríguez Soto, e do que formaba parte Manuel Diego Santos, abriría as súas portas o 24 de maio de 1900(13) . A primeira sede ocupada pola entidade bancaria situábase na esquina da rúa Policarpo Sanz e Velázquez Moreno. Un emblemático edificio, o primeiro construído na cidade polo arquitecto  Pacewicz a demanda do farmacéutico Joaquín Acuña Seoaje. As obras para o abastecemento de auga potable, a extensión da rede telefónica urbana e a implantación do tranvía eléctrico Vigo-Baiona, eran algúns dos obxectivos marcados por ese primeiro consello de Administración, mostrando, desta maneira que a orientación das súas actuacións ían ter como guía a satisfacción das necesidades da cidade e o seu desenvolvemento.

Non había iniciativa que buscase o beneficio e o progreso da incipiente urbe, na que Manuel Diego Santos nos se implicara con toda súa experiencia, coñecemento e entusiasmo. Vigo, levaba desde o ano 1883, propugnando a celebración dunha Exposición Internacional de Pesca, pero no foi ata o 25 de novembro de 1908, cando por iniciativa da Asociación de Cultura e nos salóns da casa consistorial, se celebrase a reunión popular que puña inicio ao proceso preparatorio. No comité executivo(14) constituído, que presidía o Alcalde de Vigo formaba parte, como vogal, Manuel Diego Santos. A pretensión de organizar a feira dedicada a pesca, por diversos motivos(15) , non se chegaría a concretar, nin nesta ocasión, nin nun segundo intento promovido, en 1928, pola Cámara de Comercio que dirixía Tomás Mirambell. Non sería ata o ano 1973, uns oitenta anos despois da primeira tentativa cando, coa Worl Fishing Exhibition, a ansiada celebración se conseguiría levar a cabo.

Representación da arte de pesca “Cerco de xareta” coñecida tamén por “Traíña”

A omnipresenza na vida social viguesa de Diego Santos, volvería a producir consecuencias e nesta ocasión, dun xeito pouco grato para el. Desde o ano 1897 formaba parte da corporación municipal que presidía López de Neira como único concelleiro liberal, cando, en outubro de 1901, un numeroso grupo de persoas, que previamente queimaran un retrato de Montero Ríos, apedrarían a súa casa(16) . Era a resposta dos defensores da arte de pesca coñecida como a “traiña”,(17) á toma de partido a prol da arte do “xeito”, feita polo involucrado Santos no conflito aberto entre, os usuarios deste selectivo e ancestral método de pesca, e a importada (traída polos fomentadores cataláns) “traíña”, arte de maior custe e efectividade de colleita. Eran tempos de cambios profundos no sector do mar que tiñan a súa orixe principalmente nos seguintes sucedidos: a chegada de novas artes de pesca (a arte de arrastre coñecida polo nome de “xávega”; a “parella”, tamén arte de arrastre; e a traiña ou “cerco de xareta”); a crecente implantación dos barcos movidos a vapor(18) ; a aplicación nas fábricas de conserva do descubrimento da inalterabilidade dos alimentos por esterilización ao vapor, (Nicolás Appert, 1809 e Louis Pasteur, 1864), que incrementaba considerablemente a demanda de peixe por parte das conserveiras; e por último, a chegada do ferrocarril e a correspondente apertura de novos mercados.

Noutro episodio do mesmo mandato municipal (1897-1901), o seu talante vólvese a por de manifesto cando participa na redacción das novas Ordenanzas Municipais, que empezarían a rexer no mes de xullo de 1897, e que polo grande sentido educativo coa que foran concibidas, foron moi comentadas pola cidadanía; ou cando, no verán de 1901, rematando o mandato de López de Neira, (substituiríao Prudencio Nandín); encoméndaselle presidir a comisión, formada polo máis selecto da sociedade viguesa, que se encargaría de recibir a unha delegación de cidades do norte do norte portugués (Oporto, Barcellos do Conde e Vianna do Castello), que visitaban a cidade en correspondencia a outra visita, do verán anterior, realizada a Portugal por unha representación viguesa, que o propio Manuel Santos encabezara. En relación a este encontro, a revista ”La Ilustración Española y Americana” de 8 de xullo de 1901, dicía o seguinte:

Galicia y el norte de Portugal cumplen automáticamente la ley divina del “quos Deus conjuntix …”, porque constitúyen una sola entidad étnica, divida por la política en dos distintas naciones
···/···
Galo-célticos son los orígenes de Galicia y Portugal; comunes los ríos principales que fertilizan las tierras del Norte lusitano y del Mediodía gallego; gemelas las crónicas eclesiásticas, las instituciones civiles, las mitologías rurales y hasta las tragedias amorosas.

Transcorría o ano de 1867 cando, se declaraba un incendio na vivenda contigua á casa consistorial, situada daquela na Praza da Constitución. Os medios dispoñibles para combater a labarada, consistían en: policía municipal (dous), unha máquina bomba que absorbía auga das fontes, neste caso da fonte de Neptuno, situada na Porta do Sol, e o concurso solidario dos veciños. Este incendio, presente na memoria cidadá e outros declarados posteriormente, foron nutrindo a conciencia das autoridades municipais sobre a necesidade de crear un corpo especializado, dotado dos medios precisos, para o combate dos lumes.

Attaillio Pontanari

A creación do corpo de bombeiros voluntarios foi acordada pola corporación municipal a finais do ano 1894, despois de que nese ano se produciran dous novos importantes fogos en vivendas da rúa Sombrereros. A Manuel Diego Santos, auténtico motor da concreción da idea, corresponderíalle o cargo de primeiro director. No labor de preparación e organización do corpo, axudaríao moito, Attallio Pontonari y Maestrini,(19) italiano de Florencia, que, formando parte dun circo ecuestre, chegara á Coruña en 1879; e que, despois de residir en Compostela e Pontevedra, ancoraría en Vigo. Posteriormente, entrando no ano en 1910, o polifacético Attilio Pontonari, acabaría por asumir a xefatura do corpo ao que el mesmo contribuiría a formar. Juan Manuel González Luengo, no xornal El Pueblo Gallego de 11 de novembro de 1951, nun artigo titulado Evocación y Actualidad de Nuestros Bomberos, amosaba a popularidade alcanzada por Diego Santos no seu papel de concelleiro responsable do corpo, rescatando unha especie de cantiga que circulaba pola cidade e que dicía así:

Los bomberos son de Santos;
la Música de Nandin;
el obispo, de don Pancho,
¿que rayos me toca a mi?

A referencia á Nandín, debíase a o seu papel como impulsor da creación da Banda Municipal, á que ademais uniformara. O verso el obispo era de don Pancho, aludía a amizade que unía a don Pancho Martinez(20) co bispo. Figura fundamental nos primeiros anos de andadura, o concelleiro Santos, presentou a renuncia ao cargo en xaneiro do ano 1901(21) ; para substituílo, foi nomeado don Avelino R. Elias(22) .

Mitin liberal, presidido e presentado por Manuel Diego Santos (1909)

O derradeiro ano da súa poliédrica e proveitosa vida ía a procurarlle a oportunidade de seguir ocupándose da res pública, pero agora desde o posto de primeira autoridade gobernativa do municipio. O desempeño do cargo de rexedor da cidade que o vira nacer supuxo un remate coherente coa súa andaina vital. A designación como alcalde de Vigo(23) produciuse, por Real orde (24) o 1 de xaneiro de 1910; cando ocupaba a presidencia do Goberno o liberal Segismundo Moret y Prendergast. O que foi Cronista Oficial de Vigo, Bernardo Vázquez Gil, nunha das habituais columnas que escribía para o xornal Atlántico, o 8 de marzo de 2011, recreaba unha das periódicas conversas con Gorecho, un popular personaxe de ficción, creado por el mesmo para El Pueblo Gallego. Desta vez, cronista e alter-ego, falaban do alcalde Manuel Diego Santos nos seguintes termos: Este alcalde de 1911 foi, segundo se conta, moi progresista. Polo pronto eliminou os fielatos, que eran oficinas, nunhas casetas nas entradas da cidade, para cobrarlle os arbitrios, así se chamaban, ao que viña a vender mercancías a Vigo.

O día 27 de maio de 1911, Manuel Diego Santos recibiu a visita inesperada da Moira “Átropos”, quen por sorpresa, e elixindo a forma de ataque cerebral, cortou o fío da súa vida. O alcalde Santos contaba con 77 años, e, segundo a prensa local, gozaba de una robustez y de un vigor físico excepcionales(25) . O seu amigo Attallio Pontanari, que naqueles momentos achábase cerca do leito do enfermo foi quen, profundamente afectado, comunicou o triste acontecemento ás persoas estrañas á familia que acudiran á a finca de Cotomodón, (residencia da familia Diego Santos), para saber do estado do alcalde. A noticia da súa morte produciu unha impresión moi fonda na cidade; os xornais dedicaron columnas enteiras a súa memoria lembrando a frutífera labor desenvolvida a prol da poboación; e, o concello, enloitou os balcóns en sinal de dó e adoptou acordos en relación co enterro ao que asistirían en corporación. O soterramento, estivo precedido dunha comitiva moi numerosa que acompañaba ao cadaleito polas céntricas rúas da cidade, constituíndo unha impresionante manifestación de mágoa pola súa perda, e de consideración pola súa memoria. O 1 de xuño, 4 días despois do seu pasamento, o xornal Faro de Vigo, daba a seguinte información ayer se verificó en nuestras oficinas el reparto de bonos de 20 céntimos de la Cocina Económica para los cuales y en memoria del finado alcalde, D. Manuel Diego Santos envió 50 pesetas el Sr. Santos Junior, de Oporto. Los 250 bonos fueron distribuidos totalmente a los pobres de solemnidad que acudieron a recogerlos. Amais do dito, o diario remitía a chamada da corporación municipal para asistir aos funerais dispostos por ela, e que se celebrarían na igrexa da Colexiata. La orquesta y voces, dicíase na nota, estarán a cargo del organista de dicha iglesia, José Torres Creo.

Enterro do popular alcalde D. Manuel Diego Santos que polo seu esforzo persoal elevouse desde humilde obreiro ata unha resplandecente posición social e económica. Publicada en Vida Callega. Foto Gil. O Cortexo fúnebre estivo formado polo capelán da casa D. Enrique Fandiño; o-párroco do Sagrado Corazón, P. Perramón; o cónsul do Brasil, Sr. Dos Santos; os deputados provinciais D. Antonio López de Neira, e D. Eladio de Lema, o avogado e ex deputado provincial D. Manuel Rodríguez Cadabal, o concelleiro e vicecónsul de Rusia don Francisco Tapias, o ex alcaide don Francisco Molins, o notario D. Casimiro Velo, e en representación da familia, o ex alcalde D. Joaquín Pérez Boullosa.

Unha vida de compromiso e dedicación para mellorar as expectativas e condicións de vida das xentes, non fixo que a súa morte abundaran os recoñecementos. A iniciativa do seu fillo político, Antonio González Castro, houbo, no concello de Vigo, un intento de asignación dunha rúa, que finalmente foi desatendido polo goberno municipal. Sen embargo, a través da iniciativa cidadá en forma de subscrición pública voluntaria, levouse a cabo unha campaña de recollida de donativos para a adquisición dunha placa conmemorativa do finado. O 11 de agosto de 1924, na vila de Bouzas, con gran solemnidade, descubriuse unha lápida que daba o nome de Manuel Diego Santos a unha praza.

O EDIFICIO DOADO POLO PRÓCER JOSÉ GARCÍA BARBÓN

Os estudos de Artes e Oficios, que como quedou dito, comezaron a súa andaina nun edificio da rúa Circo, (Eduardo Iglesias na actualidade), o 26 de setembro de 1886; viu apuxado o seu plan formativo grazas a que, en 1900, por iniciativa de José García Barbón, que sufragou a construción, puido dispoñer de novas instalacións, proxectadas ad hoc, polo arquitecto Michel Pacewicz. O novo edificio construíuse na esquina da rúa Duque de La Victoria e rúa Hospital (actualmente: Avda. de García Barbón e rúa de Pontevedra).

O vinte e oito de decembro de mil oitocentos noventa e sete, coa solicitude de permiso para a construción do edificio por parte de García Barbón, poñíase o primeiro chanzo nesta segunda etapa do ensino artístico e profesional, e ascendíase outro grao na aspiración de dotar á cidade de infraestruturas educativas, imprescindibles para responder ás necesidades formativas dos diferentes sectores produtivos. Tanto o edificio da Escola de Artes e Oficios, como o posterior, de 1946, para o Instituto Santa Irene, que daría estabilidade as aulas de ensino medio que se viñan impartindo na cidade desde o curso 1927/28, nacerían por efecto da filantropía exercida por indianos, único xeito de avanzar nas infraestruturas educativas, dada a precariedade do investimento das institucións públicas.

A seguir, mostrase a copia do escrito de petición de licenza para a construción do edificio, presentado por García Barbón no rexistro do concello:

EXCMO. SEÑOR

            D. José García Barbón propietario y vecino de esta ciudad con célula personal de 5ª clase que escribe a V.E. con el debido respecto expone:

            Que posee un terreno en la calle del Duque de la Victoria esquina á la del Hospital en el que desea construir un edificio compuesto por semisótano, piso bajo, principal, segundo y buhardilla con arreglo a los planos que se acompañan, según los cuales las superficies edificables en las diversas plantas son las siguientes:

            Las superficies de semisótano, bajo, principal y segundo es la misma e igual a 625 m2. La superficie de la buhardilla es de 168,15 m2.

            En méritos de lo expuesto a V.E.:

Suplica que previos los derechos correspondientes, se le conceda el oportuno permiso señalándole al propio tiempo, linea y rasante para poder realizar la expresada obra.

Vigo veintiocho de Diciembre de mil ochocientos noventa y siete

Nada se dicía no escrito en relación ao uso que se lle ía dar ao inmoble, pero á vista dos planos presentados, pronto se soubo que o destino era o de albergar os estudos de Artes e Oficios que había tempo se viña dicindo que o prócer García Barbón quería construír. Non houbo que esperar moito para confirmalo. No punto primeiro das conclusións incluídas no informe redactado pola comisión de Obras a requirimento da corporación municipal de 29 de decembro de 1897, explicitábase o destino ao que ía ser dedicado o inmoble. O conxunto de inferencias, que a Comisión sometía a aprobación do goberno municipal, eran as seguintes:

  1. Se conceda licencia a D. José García Barbón para construir un edificio en el ángulo de las calles del Duque de la Victoria y Hospital para escuela de Artes y Oficios con arreglo a los planos que ha presentado con la solicitud.
  2. Esta licencia se declara exenta del arbitrio municipal establecido sobre construcciones por tratarse de un edificio dedicado a prestar el importante servicio de instrucción popular.
  3. La línea a que ha de sujetarse dicha construcción por la calle del Hospital será la recta trazada desde el ángulo noroeste de la finca en la calle Duque de la Victoria hasta el punto en esta calle que permite establecer en la del Hospital dos triángulos de compensación de igual superficie una propiedad del Sr. García Barbón y otra propiedad del municipio.
  4. Que se forme el expediente y proyectos necesarios para el ensanche de la calle Hospital hasta catorce metros en el espacio comprendido entre la calle del Duque de la Victoria y la longitudinal en proyecto prolongación de la del Marques de Valladares. Pola Comisión de Obras asinaban:R. Valdés, José Pereira e Manuel Diego Santos. Vigo 11 de xaneiro de 1898.

En sesión celebrada o 12 de xaneiro de 1898, a Excelentísima Corporación acordaría aprobar o anterior informe en todos os seus apartados. Nesta sucesión de acordos cara o inicio do proceso construtivo, o xornal El Eco de Galicia(26) , o día 20 de marzo de 1898, publicaba a decisión tomada polo Sr. García Barbón, de encargarlle a dirección do novo edificio para Escola de Artes e Oficios ao mestre de obras Dimas Vallcorba, con arreglo, dicía, á los planos de un arquitecto parisiense (27) y bajo la inspección del ingeniero Sr. García Arenal(28) . Finalmente, e como remate do proceso de formalización da doazón, o ilustre filántropo, e decidido protector da instrución pública, trasladou ao concello, como representante do pobo vigués, o correspondente documento acreditativo do traspaso da propiedade. De dar difusión ao outorgamento ocuparíase, en nome do concello o seu, daquela tenente de alcalde Prudencio Nandín Vicente, quen, na correspondente nota de prensa(29) emitida, aclaraba que a doazón estendíase non so ao edificio, senón que tamén a todo o material acumulado nel.

Dous anos máis tarde, outro acontecemento volvería a mostrar o comportamento altruísta e marcadamente social de José García Barbón, cando, a fin de paliar a situación de desigualdade, marxinación social e menor atención que as mulleres recibían no eido educativo, decide engadir ao edificio existente un anexo destinado á súa formación.

A petición de licenza para a construción deste novo edificio prodúcese o 7 de xaneiro de 1902. Non demoraría moito a corporación municipal en reunirse para a correspondente toma de decisións. En sesión celebrada o día seguinte, conviña a aprobación dos seguintes puntos:

  1. Conceder a D. José García Barbón la licencia que solicita para construir un edificio destinado para las enseñanzas de la mujer como ampliación del que ha donado con destino a escuela de Artes y Oficios.
  2. Que por el señor facultativo de las obras municipales se le señale la linea y rasante en la calle del Hospital a que ha de sujetarse dicha construcción.
  3. Que dicha construcción quede exceptuada del pago de derechos municipales sobre edificaciones y por ocupación de la vía pública con materiales de construcción.
  4. Que pase este expediente á la Comisión de obras para que estudie el ensanche de la calle del Hospital.
  5. Que la Corporación pase por el domicilio del Sr. García Barbón á darle las gracias por la nueva prueba que da á la Ciudad de Vigo de su gran amor a la enseñanza y de su generosidad. Asinaba o escrito o Secretario: Manuel Olivié.

Finalizando o mes de outubro de 1904, o incansable benfeitor da cidade completaría a súa inapreciable contribución educativa, formalizando, na notaría do Sr. Veloso a doazón ao pobo de Vigo, representado polo seu alcalde Joaquín Pérez Boullosa, do conxunto de infraestruturas educativas construídas: Escola Superior de Industria, Elemental de Artes e Oficios, Ensinanza da Muller e Educación técnica do obreiro.

JOSÉ GARCÍA BARBÓN

Da súa infancia na vila de Verín e da súa prolongada estadía en Cuba, 40 anos, entre 1845 e 1885, non se vai dar aquí unha información exhaustiva; a secuencia cronolóxica dos acaecementos sucedidos no seu ámbito familiar, social e sobre todo profesional arredor de negocios mercantís e bolsistas, non é doada. As poucas informacións atopadas na hemeroteca son imprecisas e, en moitos casos contraditorias, o que impedide construír un relato minimamente consistente. Como exemplificación, a través das biografías publicadas con motivo do seu pasamento, non hai xeito de confirmar as circunstancia familiares no seu nacemento, tampouco hai coincidencia na idade coa que arriba a La Habana, especulándose con idades comprendidas entre os 10 e os 15 anos, e tampouco está claro se foi chamado polo seu tío Luciano García Barbón, segundo coinciden a maioría das fontes, ou de José Antonio García Barbón, irmán pequeno de Luciano quen, desde o seu Aviles natal, viaxara a Cuba reclamado por este en 1827 (segundo se acredita na documentación que consta nos Expedientes sobre licencias de embarque. Isla de Cuba). Porén, unha vez retornado a Galicia, a súa vida familiar e as súas actividades empresariais e filantrópicas, foron abundantemente divulgadas na prensa, tanto a editada no espazo galego como na emigración.

Reparemos nalgunha destas disensións. Segundo a Enciclopedia da Emigración Galega, José García Barbón, nace en Verín o 1 de abril de 1831, mentres que, para a Gaceta Ilustrada-Diario de Santiago (09.03.1909), o nacemento teríase producido o 1 de abril de 1830, a mesma data que publicaba o xornal El Eco de Galicia de Bos Aires de (10 de decembro de 1900), quen, ademais precisaba o lugar: Santa María La Mayor, partido de Verín (Ourense). O escritor verinés Xerardo Dasairas Valsa, nun artigo de título El filántropo que dejo impronta en Vigo, publicado no xornal El Faro de Vigo o (1 de abril de 2011), con motivo do cento oitenta aniversario do nacemento do prócer, asignáballe a este a condición de fillo natural; o seu pai, segundo o escritor verinés, sería Victorio García Barbón, asturiano con comercio en Verín; e a súa nai, Manuela Solla, filla dun empregado do establecemento comercial de Victorio. Pouco antes de decidir mandalo a Cuba co seu tío Luciano(30), engadía Xerardo Dasairas, o seu pai biolóxico recoñeceuno e acristianouno; de aí, dicía, o uso dos dous apelidos paternos. Esta información contrasta coa propagada maioritariamente polo medios: Os seus pais eran uns acomodados propietarios e comerciantes desa vila, tal como, entre outros, sostiña o diario Gaceta de Galicia-Diario de Santiago na necrolóxica difundida o 9 marzo 1909.

A listaxe de desavinzas podería ser dabondo prolixa pero, sirva esta nova información, sobre a súa chegada á Habana, publicada respectivamente nos xornais, El Eco de Galicia e La Gaceta de Galicia, como unha nova confirmación da desconcordia: Aconsejado por un tío suyo, hombre de espléndida posición social, residente en la Habana, se traslado cuando solo tenía once años, á la capital de Cuba, en la que se dedicó al comercio(31)…; que entra en clara contradición con estoutro relato: Tenía 14 años cando embarco para La Habana, llamado por su tío José García(32). En todo caso, apreciase a formación dunha cadea migratoria por parentesco tan común na época, e tan eficaz como instrumento de perpetuación do fenómeno migratorio.

Pero, onde hai unha absoluta unanimidade é nas grandes trazas do seu carácter, nos seus logros, e na súa preocupación e disposición para compensar as carencias e calamidades ás que se vían sometidos os seus compatriotas galegos. Curros Enriquez, que daquela dirixía na Habana, a revista Tierra Gallega, no estío habaneiro de 1895, escribía con dous propósitos, un artigo(33) co que pretendía dar a coñecer aos industriais galegos en Cuba. O primeiro dos obxectos do escrito ía dirixido aos causantes da emigración galega, para advertilos do prexuízo que a consecuente emanación de talento lle estaba custando ao país; e o segundo, para enxalzar ao emigrante pola perseveranza, intelixencia, laboriosidade, honradez e sacrificio, que tiñan que aportar á tarefa emprendida no país de acollida, e na que algúns, chegaban a iniciar unha mobilización social ascendente. A idea era combater o mito estendido por Galicia, de que era fácil facer fortuna neses novos países onde todo estaba por facer; ou, como o expresaba o poeta no artigo: el que se arriesga a cambiar de clima y deja la templada zona occidental de España por la de los trópicos, lo hace para vivir en la opulencia y por el solo gusto de llamarse indiano á su regreso a la patria. Na caracterización que, o poeta excomungado por Mirand’ó chau”, facía dos galegos emigrados no territorio cubano citaba, como exemplo de triunfadores pouco recoñecidos, a José Garcia Barbón.

Revista de información xeral, que aborda a vida e a actividade da colonia, especialmente do Centro Gallego e da Sociedade de Beneficencia. Tamén inclúe novas de Galicia, que aparecen en varias seccións … (Texto presentación do Consello da Cultura Galega). Fundación: Manuel Curros Enríquez

Pero hai unha serie de certezas que, en relación a figura do destacado filántropo, son merecentes de ser subliñados: A primeira das veracidades a sinalar é a da súa condición de masón. O profesor de Historia Contemporánea de la Universidade de Vigo, Alberto Valín Fernández, no artigo, A francmasonería americana do século XIX, lugar de encontro e de integración social dunha pequena e selecta zona da emigración galega, participou a información de que, José García Barbón foi o primeiro dos masóns de Cuba de orixe nacional galega. Co nome simbólico de Candás, iniciouse no hiramismo o 5 de decembro de 1866 na loxia de Regla, denantes habaneira, do Grande Oriente Nacional de España Unión y Concordia nº121. A súa pertenza a masonería, asumida como unha auténtica militancia nos seus valores, proporciona unha clave fundamental para interpretar a deriva filantrópica do prócer; que, iniciada en Cuba, acadaría a súa máxima expresión no retorno, primeiro na súa vila natal de Verín; e despois, na escollida por el como derradeira morada, a cidade de Vigo.

A segunda das veracidades refírese ao seu compromiso profundo no alzamento da Sociedade Beneficencia de Naturales de Galicia. A entidade que tiña como obxectivo, proteger a sus asociados y proporcionar socorro a los naturales de Galicia y a sus familiares que se encuentren necesitados; viu a significar a materialización da preocupación pola colonia galega en Cuba, por parte dun grupo de emigrantes acomodados adscritos filosoficamente ao librepensamento. A primeira xunta xeral da incipiente sociedade, que comezaba con cincocentos socios, celebraríase no Casino Español de la Habana o 21 de xaneiro de 1872, tres semanas despois da súa fundación. Neste primeiro encontro aprobaríase o regulamento de funcionamento e constituiríase a primeira comisión directiva,(34) sendo nomeado por aclamación para o cargo de tesoureiro, José García Barbón; neste cargo, no que polo seu traballo recibiu os sentidos parabéns dos seus paisanos, permanecería practicamente ata que decide volver a Galicia.

Para seguir enchendo de contido a longa existencia de García Barbón na illa de Cuba, pode axudar o artigo, Los individuos de la Junta de Beneficiencia de los naturales de Galicia en La Habana, escrito por Manuel Murguía e publicado no número 34, (10 de decembro de 1879), da revista La Ilustración Gallega y Asturiana. No escrito, concibido a modo de reseña biográfica, Murguía, refírese, sen indicar a idade, aos poucos anos con que chega a Cuba, confirmando que o facía, a demanda de un pariente cercano que le ofrecía dulce y cariñoso asilo, sus consejos, el ejemplo de su honrada laboriosidad y la seguridad de una fortuna; e que, ao seu lado, emprendería os estudos de comercio. Unha vez adquiridos os coñecementos necesarios nos negocios mercantís,  di Murguía, entregaríase ao exercicio do comercio, actividade coa que pronto acadaría unha notable fortuna. Na Habana, sinalaba, sería membro de varias compañías e sociedades e, a súa magnificencia sería tal que chegaría a fundar un Banco, que levaría o seu nome, e, ao que conseguiría colocar, en verbas do director literario da revista, entre los que gozan de más crédito en la Isla, á cuya prosperidad contribuye, como hijo adoptivo que es de aquella noble tierra en que tantos hijos de Galicia hallaron amparo y fortuna. O seu éxito sobordaría o ámbito estritamente mercantil, ademais da súa ocupación na tesourería da asociación de beneficencia, tería tempo para desempeñar cargos de responsabilidade e de grande esixencia e dedicación como o de Concelleiro e Síndico do concello da Habana.

En 1884, por mor dunha fráxil saúde que o viña afectando nos últimos tempos e que xa o obrigara a tomarse breves períodos de descanso(35), decide liquidar todo o seu patrimonio e volver a Galicia(36). Instálase en Verín, non sen antes doar recursos propios para que non ficaran descoidadas as necesidades das persoas que eran atendidas pola Sociedade de Naturais de Galicia. Posteriormente, a sociedade seguiría recibindo contribucións económicas da súa parte. En Verín, continuou coa súa actividade filantrópica e empresarial. Moitas e diferentes actuacións en diferentes ámbitos na súa vila natal merecen ser destacadas. Velaí un breve repaso de algunha delas: sufragou cunha cantidade de 8000 duros a reconstrución do templo dos Remedios; arbitrou doazóns perpetuas para o sostemento do hospital e das escolas públicas; fundou o colexio San Xosé; financiou a plantación das árbores da Alameda; achegou 4000 pesetas para o estudo do trazado do ferrocarril; subvencionou a construción dunha ponte que a vila necesitaba; creou a banda municipal, pagando ao director do seu peculio.

No terreo empresarial e dos negocios mantivo unha importante presenza con diferentes iniciativas, tanto na primeira época en Verín como, posteriormente en Vigo. Comezou a explotación das augas de Cabreiroá, construíndo un balneario, unha planta de embotellado e un magnífico hotel, o Hotel Balneario Cabreiroá ao que, cada verán, acudía a burguesía conserveira, consignataria, mercantil, etc. Outro sector empresarial, punteiro nese momento pola posibilidades de crecemento, e no que se implicou o recoñecido empresario, foi o eléctrico. Fundou a empresa subministrador de electricidade Electra de Verín S.A, que, ala polo 1905, permitiría aos irmáns Pacheco realizar as primeiras proxeccións de cinema mudo en Verín, que eran animadas coa música que interpretaba a Banda dos Albardeiros situada á carón da pantalla. Para facilitar a expansión do balneario creou unha empresa de transporte de viaxeiros, Ómnibus de Verín. Outra das súas accións meritorias, foi a de proporcionar, préstamos sen interese a moitas persoas, a fin de que atendesen as súas necesidades sen caer nas garras da usura. A fin de regularizar a cesión de prestamos tentou a fundación dun banco de crédito agrícola, esta iniciativa suscitou a reacción dos usureiros locais, iniciándose un acoso a través de ameazas e sabotaxes que finalmente abortou o proxecto.

O exercicio da filantropía e a beneficencia non se limitou aos lugares onde residiu, senón que a súa intervención acadou outras localidades próximas, como no caso da axuda a Escola de Artes e Oficios de Ourense(37);; ou máis afastadas, xeralmente en resposta, inmediata e xenerosa, á  chamadas de auxilio; como acontecera, no caso das inundacións de Consuegra ocorrida o 11 de setembro de 1891, polo desbordamento do río Amarguillo. O tráxico evento saldárase coa morte 359 persoas, quedando a vila reducida a escombros. Nesta ocasión o prócer autorizaría á Comisión que fora a invitalo a figurar na lista de subscrición, para que o inscribisen coa cantidade que eles quixeran.

Foto familiar. Vida Gallega 1909.

En 1894, recuperado dos seus problemas de saúde e sentíndose con novos azos, deixa Verín e traslada a súa residencia a Vigo, instalándose na casa da súa irmá Carlota e as súas catro fillas, ás que á súa morte, serían ás súas herdeiras universais. Nesta cidade continua, se cabe con maior intensidade, o seu labor benéfico e filantrópico, salientando entre as súas actuacións á que, sen dúbida, sería a súa maior contribución á cidade que o vería morrer, a doazón ao pobo de Vigo da Escola de Artes e Oficios. O xornal La Gaceta de Galicia. Diario de Santiago de 9 de marzo de 1909, con motivo do seu pasamento, publicaba, no lugar máis destacado da portada, unha reseña biográfica onde subliñaba algunhas das máis sobresaíntes achegas do prócer na derradeira fase da súa vida. Velaí unha selección de diferentes parágrafos do texto:

En Vigo todo el mundo sabe cuanto ha hecho.
     Además de la Escuela de Artes é Industrias, que representa un valor de 750.000 pesetas, según consta en la escritura de donación, regaló un solar para el Asilo de Praga, cooperó á la construcción de las Escuelas Salesianas, con la mitad de su importe; y terminó el edificio de la Sociedad de Agricultores de Teis, cuyas obras estaban en suspenso por carecer la sociedad de fondos para finalizarlas.
     Con sus edificaciones particulares ha contribuido también al embellecimiento de la población urbana y edificando casas para obreros en el barrio de San Lorenzo, mejoró en este sentido también la situación de las clases trabajadoras.
     Últimamente hizo un donativo de 500 pesetas para el Asilo de las Hermanitas de los pobres, á fin de aumentar una sala de enfermos. Fué con este motivo la última vez que el Sr. García Barbón estuvo en la Casa Consistorial, llevando el el donativo al alcalde, al mismo tiempo que devolvía la visita que aquel le había hecho para tratar de algunos asuntos locales.
     En las suscripciones para remediar desgracias y calamidades figuraba siempre el nombre del Sr. García Barbón en primer térmico: con 500 pesetas se inscribió para los damnificados de la catástrofe de Itali.
     Cuando la inundación del Consuegra, autorizo á la comisión para que le suscribiese con la cantidad que quisiera.
     Dueño del teatro Rosalía de Castro proyectaba una reforma importante presupuestada en 30.000 duros que pensaba comenzar muy pronto.
     No acabaríamos nunca si fuésemos a puntualizar las buenas acciones realizadas por el Sr. García Barbón. El potentado gallego encauzó su generosidad por los dos derroteros más simpáticos que se conocen; el amor a la Patria y el amor a la cultura; y su historia como la de todos los grandes bienhechores aparece velada por sombras hasta el momento en que las obras se encargan de glorificarle.

Como corolario, á seguir, mostrase en orde cronolóxica, acontecementos da súa vida persoal, mostra de actuacións orientadas ao ben das persoas, e actividades relacionadas co seu labor empresarial, recollidas todas elas de publicacións da época, e que permiten afondar no coñecemento dunha figura tan polifacética.

12/01/1893. A postulación pública verificada a favor da Casa da Caridade de Vigo, segundo costume de anos anteriores, deu o seguinte resultado: Donativo dos señores individuos da xunta de goberno da Casa da Caridade, 25 pesetas cada uno, 175 pesetas; ídem del señor José García Barbón 500 pesetas; …… (El Lucense: diario católico de la tarde).
22/04/1895. Presidiu o Consello de Administración nomeado polos accionistas do proxectado tranvía de vapor entre Vigo e Baiona. Constituían o organismo: Francisco Solleiro Negrete (viccepresidente); Manuel Rodriguelz Cadaval, Antonio López de Neira, Prudencio Nandín, Francisco Martinez Villoch, Simeón de Nya, Ramón Arbones, Antonio Sanjurjo, Antonio Alonso e Jose de la Gándara (vocais); Manuel Posada Barros (secretario). (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago).
04/08/1897. Facilitou o terreo necesario para o emprazamento do deposito de augas de Vigo. (El Áncora: diario católico de Pontevedra).
12/05/1900. Polo Gobernador civil da provincia de Pontevedra, concédeselle a propiedade das seguintes minas: En Lavadores la de 51 pertenzas de mineral de ferro co nome de San Juan. (Diario de Pontevedra).
23/05/1900. Contrae matrimonio a súa sobriña Elena Salgueiro García Barbón co enxeñeiro de minas Guillermo Oya Lastras. O agasallo de vodas do seu tío consistiu nunha vaixela de prata de 200 pezas. (La idea Moderna: diario democrático en Lugo).
10/08/1900. O tenente de alcalde Sr. Nandín recibe o documento polo que, o ilustre filántropo García Barbón, fai doazón ao pobo de Vigo do magnifico edificio construído na rúa Duque de la Victoria (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago).
14/08/1900. En Vigo proxéctase unha manifestación pública de gratitude ao Sr. García Barbón, que acaba de regalar ao pobo o edificio para escola de artes e oficios. Abriríase unha subscrición popular cuxas cotas non excedan os 25 céntimos, para recollerlle un álbum coas sinaturas de todos o vigueses. (La Idea Moderna: diario democrático en Lugo).
30/12/1900. operado en Vigo de litotricia, polos doutores de Santiago Timoteo Sánchez Freire e Daniel Pimentel, con resultado satisfactorio. (El Eco de Galicia: órgano de los gallegos residentes en las repúblicas Sud-Americanas).
21/03/1901. O concello de Vigo, con motivo de celebrar os seus días, entregoulle, un artístico diploma, en pergamiño, representativo do título de fillo adoptivo da cidade. (La Idea Moderna: diario democrático en Lugo).
01/06/1902. Asegúrase que o ministro de Instrución pública ten o propósito de vir pronto a Vigo a entregarlle ao ilustre filántropo, as insignias e diploma da gran cruz da orde de Alfonso XII. (La idea Moderna: diario democrático en Lugo).
20/06/1903. Recibe, xunto aos Srs. Conde de Torre Cedeira, por subrogación da marquesa de Longueville, a cesión dos dereitos de drenaxe da Lagoa de Antela. (El Eco de Galicia: órgano de los gallegos residentes en las repúblicas Sud-Americanas).
04/11/1905. A Sra. Viúva é “Hijos de Simeón García”, e don José García Barbón, asinan a escritura de venda do teatro Rosalía de Castro. O documento foi estendido polo notario Sr. Vale. O vendedor recibiu un cheque contra o Banco de España por valor de 265.000 pesetas. (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago).
11/06/1910. E concello de Vigo expuxo ao público o proxecto do primeiro treito da Gran Vía de enlace entre a estación do ferrocarril e a praia de Bouzas. Para unha parte dese treito, ofreceu, gratuitamente o terreo D. José García Barbón, e este ofrecemento, sostido pola herdeiras do inesquecible filántropo, aliviará grandemente o orzamento da Gran Vía. (Diario de Pontevedra: periódico liberal)

Acto de inauguración do monumento.

O 7 de marzo de 1909, contando con 78 anos un derrame cerebral provocou a súa morte. Ao seu enterro, realizado no cemiterio de Pereiró acudiron unhas 20.000 persoas. Tendo en conta que naquel momento Vigo contaba arredor de 40.000 habitantes é doado apreciar a magnitude atinxida pola manifestación popular. A cidade, en sinal de gratitude dedicoulle a rúa onde se instalou a Escola de Artes e Oficios, chamada naquel momento “Duque de la Victoria”. En 1927 a cidade de Vigo, na súa honra, inaugurou un monumento realizado en granito e bronce polo escultor cambadés Francisco Asorey e que actualmente está situado na glorieta de Isaac Peral. Co motivo desta homenaxe, o rei Alfonso XIII, recoñeceu a súa memoria, co outorgamento da Cruz de Beneficiencia de Isabel La Católica, e a Orden de Alfonso XII”.

STEPHANE MICHEL JEAN PACEWICZ DURAND

Stephane Michel Jean Pacewicz Durand, arquitecto francés de ascendencia polaca, naceu o 19 de outubro de 1843 en Chateau-Gontier, preto do río Loira e finou en Vigo o 2 de febreiro de 1921, sendo soterrado no cemiterio de Pereiro. En 1860 inicia, xunto ao acreditado arquitecto parisiense Paul Abadie, a súa formación en arquitectura, proceso que durará ata 1866, pasando despois a traballar co arquitecto Louis Jules Bouchot, quen, antes de converterse no arquitecto do Goberno francés, exercera como xefe da Chemins de fer de Paris à Lyon et à la Méditerranée (PLM), con proxectos como o da estación central de Milán ou a da Gare de Niza-Ville.

A conexión de Pacewicz, con Vigo, estableceuse contra 1872, a partir da toma de contacto e posterior amizade co xove vigués, Benito Sanjurjo Ramirez de Arellano que, por motivo de estudos, se encontraba en París gorecido polo seu tío o banqueiro, xornalista e político Adolfo Calzado Sanjurjo, quen, nesa época de residencia na capital francesa estaba dedicado a negocios de bolsa e banca. Benito Sanjurjo non se limitaría a instruírse no ámbito mercantil, a razón principal da súa estancia parisiense; senón que o seu interese polo mundo da construción faríao emprender os estudos de arquitectura, aprendizaxe que non chegaría a concluír por causa do retorno a Galicia. Grazas a esta relación, o arquitecto Pacewicz coñecería a destacados membros da burguesía viguesa (Rosendo Silva, Manuel Bárcena, Francisco Yañez, ..), que con motivo da celebración da Exposición Universal de 1889, desprazáranse a París. O proceso de inmersión no movemento ecléctico parisiense, que neses intres contaba cunha ampla obra arquitectónica realizada, engaiolou de tal xeito a selecta representación da burguesía viguesa, que, da man de Pacewicz, decidiron trasladar a súa terra a suculenta arquitectura que tanto os impresionara.

Aínda que o arquitecto francés non se instalaría en Vigo ata o ano 1904 (faríao acompañado pola súa muller Anne Marie Traber), xa desde o ano 1897 comezaría a proxectar edificios para a cidade viguesa. O primeiro construído foi a casa para Joaquín Acuña Soage, edificio situado na esquina da rúa Policarpo Sanz, e Velázquez Moreno; despois virían: a Escola de Artes e Oficios; o edificio o Moderno; en 1898, realiza a casa para Salvador Aranda Graña; en 1900 a casa para Paulino Yáñez e o chalé de López Mora número 27, tamén chamado casa de Rosendo Silva. En 1904 as casas de Oya. En 1906 constrúe, na Praza de Compostela, unha das súas obras con maior influencia parisiense, a casa para o seu amigo Benito Sanjurjo Ramirez de Arellano; entre 1903 e 1912, colabora con Jenaro de la Fuente na construción das coñecidas como Grupo de Casas de Benito Sanjurjo, na rúa Urzáiz.

No ano 1904 recibe, por parte dun sindicato confesional, o encargo de realizar na esquina da rúa López de Neira, doutor Cadaval unha obra singular, o Centro Obreiro Católico, realizada en ladrillo e que constitúe a única medievalista e moi próxima á arquitectura neogótica relixiosa. No seu interior dispuxo un salón de reunións con seis soportais sostendo a placa superior que contorna un escenario elevado que andando o tempo utilizaríase como sala de baile. Nos anos 60 do pasado século o edificio sufriu graves alteracións debido a habilitación do andar baixo para tenda de zapatería. Actualmente está abandonado e posiblemente ameazado de desaparición(38);.

Outro edificio singular foi o proxectado por Pacewicz no ano 1918 para residencia de D. Manuel Montes, natural de Riomao(39); (Lavadores) e emigrante retornado de Chile. Situado na rúa Sagunto, consta de catro andares e foi construído en cachotería polo canteiro Reboreda, que vivía na rúa Numancia. O resto da obra foi realizada polos albaneis irmáns Gallegos “Os Coxos”. Mais tarde o edificio foi adquirido, polos doutores Corbal e Amoedo, para sanatorio cirúrxico co nome de Sanatorio Santa Cristina, O Magnolio. Actualmente, e debido ao cambio da carpintería de madeira orixinal por outra de aluminio pouco afortunada e ao cuestionable gusto do pintado da fachada desvirtuouse o aspecto do edificio.

Os edificios de Pacewicz destacaban pola súa grandiosidade. Eran moi selectos e mostraban unha gran variedade compositiva. Empregou en practicamente todos eles o granito, onde os canteiros galegos souberon desenvolver para o arquitecto francés as complicadas formas historicistas e rococós.

Debido ao non recoñecemento en España da súa titulación como arquitecto, para a tramitación administrativa dos seus proxectos necesitou recorrer a arquitectos e mestres de obras locais como, Jenaro de La Fuente, Siro Borrajo ou Dimas Vallcorba

Características do edificio

Encontrámonos sen dúbida ante un dos grandes edificios legados por Pacewicz a nosa cidade, mostra depurada das correntes neomedievalistas decimonónicas, e especialmente destacable pola amalgama de detalles góticos, románicos e bizantinos… exactamente a forma en que o mestre Paul Abadie abordou na emblemática igrexa parisiense do Sacre Coeur de Montmatre. (Antonio Martín Curty, arquitecto e membro do Instituto de Estudos Vigueses, na súa obra “Pacewicz, arquitecto vigués”).

O edificio, destaca por unha horizontalidade reforzada a través da combinación da cornixa e as molduras que percorren as liñas de imposta; e mostra, na variada disposicións dos vans e na diferente ornamentación en cada un dos andares o seu carácter ecléctico. Michel Pacewicz, conforme a súa xénese ecléctica parisiense, demostra nas fachadas do edificio unha importante capacidade compositiva e un asisado afán decorativo.

A fachada á rúa Garcia Barbón é simétrica e está disposta en tres corpos, cos laterais avanzados sobre o central, o que axuda a romper coa sensación de planura que transmite. Nos dous corpos avanzados do primeiro andar, sitúanse amplos vans con mainel que se decoran no antepeito con sendas galerías cegas de pequenos arcos de medio punto; e na parte superior, as falsas claves que decoran os vans, enlazan coa ménsula e o mainel dos vans do segundo anda; este é un recurso ornamental de uso moi frecuente nesta fase de eclecticismo pleno.

Na fachada da rúa Pontevedra, o primeiro tramo construído, repite un esquema similar ao da rúa García Barbón. Destaca, no balcón a varanda, cun armazón formado con arcos de medio punto; os mesmos que se volven a repetir na varanda de coroación do edificio. A porta de acceso ao balcón, aparece decorada cunha cinta vexetal, e como sobrelintel, dispúxose un arco de cortina decorados con follas de cardo e un pináculo no centro (ambas as dúas ornamentacións son propias do Gótico). Destacan tamén as poderosas ménsulas de sustentación dos balcóns, traza característica das obras deste arquitecto.

El edificio anexo, o engadido posteriormente, enlázase co anterior mediante un pórtico rematado en frontón conopial; e ten un esquema compositivo análogo ao primixenio. Destaca, no segundo andar, a presenza dunha galería de vans alintelados e separados por columnas superpostas.

Trátase sen dúbida dun dos mellores exemplos de arquitectura ecléctica neomedievalista da cidade e unha das alfaias arquitectónicas de Vigo.

ANEXO

A fin de poder apreciar máis directamente o porqué da necesidade dunha Escola como a demandada tan intensamente pola sociedade viguesa, tráese finalmente un apunte, tomado do xornal GALICIA, Diario de Vigo(40); onde se desagregan, por xénero, sector profesional e curso, as ensinanzas que se seguían durante o curso 1922/23, nas aulas da Escola Municipal de Artes e Oficios. Para por o punto final á información de apertura académica do curso, a dirección da Escola, engadía unha pequena relación de demandas enecesidades.

Ensinanza do obreiro:

Para aprendices de fogueiros e maquinistas, e obreiros en metal.
PRIMEIRO CURSO.- Debuxo xeométrico; Aritmética (1º curso); Economía Industrial Lexislación Obreira; Inglés
SEGUNDO CURSO.- Debuxo de Máquinas; Xeometría Álxebra e Trigonometría; Inglés; Tecnicas de Axuste.
TERCEIRO CURSO.- Debuxo de Máquinas; Elementos de Física; Nocións de Química; Nocións de Mecánica; Prácticas de axuste.
CUARTO CURSO.- Debuxo de Máquinas; Motores de vapor e de explosión; Nocións de electricidade y as súas aplicacións prácticas; Prácticas de axuste.

Para obreiro de construción.
PRIMEIRO CURSO.- Economía Industrial Lexislación Obreira; Inglés; Aritmética (2º curso); Debuxo xeométrico.
SEGUNDO CURSO.- Inglés; Álxebra e Trigonometría; Xeometría e nocións de topografía; Debuxo ornamental.
TERCEIRO CURSO.- Elementos de Física; Nocións de Química; Descriptiva e electrotécnia; Debuxo arquitectónico elemental.
CUARTO CURSO.- Nocións de construcción;Marcado e vaciado.
CURSO DE AMPLIACIÓN.- Modelado e cocido de barro.

Dirección Comercial
PRIMEIRO CURSO.- Aritmética mercantil; Xeografía comercial; Inglés; Mecanografía e Taquigrafía.
SEGUNDO CURSO.- Contabilidade xeral e correspondencia mercantil; Economía política; Inglés; Mecanografía e Taquigrafía.

Ensinanza da muller:

Sección Profesional
Grupo A
PRIMEIRO CURSO.- Encaixe e labores; Ampliación de primeira ensinanza; Debuxo de figuras.
SEGUNDO CURSO.- Encaixe e labores; Debuxo de figuras, estampa e xeso.
Grupo B
PRIMEIRO CURSO.- Confección de sombreiros; Ampliación de primeira ensinanza; Corte e confección de vestidos.

Sección comercial
PRIMEIRO CURSO.- Ampliación de primeira ensinanza; Xeografía, xeometría, aritmética mercantil e teneduría de libros; Francés; Mecanografía.
SEGUNDO CURSO.- Arimética mercantil e teneduría de libros; Francés; Mecanografía.

Ensinanza especial

Solfeo e piano
De carácter elemental, a falta de profesorado obrigaba a reducir o número de alumnado.

REIVINDICACIÓNS

  • Dotación suficiente de profesorado de música.
  • Creación de Cátedras necesarias e os talleres indispensables para una ensinanza completa da aprendizaxe teorico-práctica.
  • Na ensinanza da muller ademais da creación de algunhas cátedras de ensinanza práctica, deberíanse ampliar os estudos ata completar todos os que figuran no vixente plan de maxisterio, e solicitando que tiveran carácter oficial e validez académica.

REFERENCIAS

(1)La Oliva, no número 66 do ano I (17 de setembro 1856).
(2)Producíanse os “ruiquísimos, innumerables y delicado muebles de jacarandá, palo-rosa, aceitillo rojo, etc; e moitas obras feita a capricho: estoxos para xoias, manufacturados coa casca do coco de Sapucaia, froiteiros de madeira en miniatura, etc.
(3)Os alicerces desta compañía remóntanse a unha carpintería montada, en 1850, polo portugués Francisco José Moreira. Dúas décadas despois, sobre ese humilde soporte erixiuse a importante fabrica de mobles que rexentou o vigués Manuel Diego Santos.
(4)A escravitude foi oficialmente abolida en Brasil coa sinatura da Lei Áurea, o 13 de maio de 1888, pola princesa Isabel que daquela era rexente do Imperio, en nome do seu pai, o emperador Don Pedro II.
(5)O Faro de Vigo de 30 de maio de 1882, informaba así da súa arribada á cidade: “Llegó a esta ciudad nuestro ilustrado cuanto apreciable paisano D. Manuel Diego Santos, que residió durante largos años en el imperio de Brasil, habiendo desempeñado últimamente con un celo e interés notabilísimos, el honroso cargo de presidente de la comisión brasileña en la exposición de Buenos Aires”.
(6)A “Sociedad Española de Beneficencia de Río de Janeiro”, creouse no ano 1854, contándose entre as primeiras erixidas polos colectivos de emigrantes españois no continente americano. Á de México, coa establecida en 1840, na cidade portuaria de Tampico, cábelle o mérito de ser a orixinaria de este tipo institucións.
A creación destes modelos asociativos viña determinada por causas diversas, desde a influencia da hexemónica cultura católica que presentaba a caridade como a súa virtude nuclear, ata as motivacións de tipo filantrópico-humanitarias; sen deixar de lado, o perigo potencial de alteración social, que os emigrantes triunfadores vían nos seus paisanos fracasados. Asemade, as sociedades de beneficencia, viña a satisfacer as propias necesidades asistenciais dos seus impulsores; e, ademais, ofrecían o aliciente de que exteriorizaban socialmente a súa práctica colectiva.
As sociedades de beneficencia, atendían só unha pequena parte das carencias do colectivo necesitado, reducíndose a: mínimas axudas no desemprego; asistencias médicas e hospitalización no caso de grave enfermidade pouco prolongada; repatriación de emigrantes desafiuzados ou pouco recomendables socialmente; e, a organización de discretos enterros e funerais de falecidos na indixencia.
A reposta máis xeneralizada dos emigrantes europeos para atender o resto das necesidades derivadas da emigración, foi a formación de asociacións de socorro mutuo. Estas organizacións baseábanse en principios de solidariedade e axuda mutua. As principais finalidades das sociedades de socorros mutuos, segundo se indicaba nos seus estatutos eran: Crear u fondo común destinado a socorrer aos socios nos casos de enfermidade; facer fronte as necesidades na ancianidade; constituír caixas de aforros e seguros mutuos, especialmente para os casos de accidente, falecemento, viuvez e orfandade; fundar escolas e procurar a mellora moral intelectual e material dos asociados, con exclusión de todo debate relacionado coa política e relixión; celebrar as glorias e ou os aniversarios patrios das diversas colectividades, etc, etc.
(7)Faro de Vigo, 27 de maio 1911.
(8)El eco de Galicia : revista semanal de ciencias, arte y literatura : Num. 9 (27/08/1882).
(9)Foi a segunda realizada en solo arxentino trala de Córdoba de 1871, e a cuarta en América do Sur trala xa mencionada de Córdoba, a realizada en Lima (Perú) en 1872 e a de Santiago de Chile en 1875. Concorreron 2.000 expositores nacionais e 1.200 estranxeiros. (http://www.conuvi.com.ar/posts/micoleccion/7604/1882-Exposici-n-Continental-en-Buenos-Aires.html).
Entre as referencias de prensa sobre este acontecemento publicadas en Vigo, cabe citar as seguintes:
A revista La ilustración Cantábrica, no seu número 17 de 18 de xuño de 1882, reproducía unha información de La Concordia de Vigo, na que este xornal saudaba a chegada a súa cidade natal de Manuel Diego Santos. Entre a relación de merecementos referíase á encomenda recibida do Emperador de presidir a comisión que representaría ao Imperio na Exposición continental de Buenos Aires; o que segundo o cronista, “demuestra la importancia de su personalidad en el Brasil”.
O Faro de Vigo abundaba na destacada nova, nos seguintes termos: Llegó a esta ciudad “nuestro ilustrado cuanto apreciable paisano D. Manuel Diego Santos, que residió durante largos años en el imperio de Brasil, habiendo desempeñado últimamente con un celo e interés notabilísimos, el honroso cargo de presidente de la comisión brasileña en la exposición de Buenos Aires.
(10)El Diario de Pontevedra : periódico liberal: Año XVI Número 4468 – 1899 junio 16.
(11)Gaceta de Galicia: Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 123 (15/06/1894)
(12)Había nacido una potente banca de inversión en Galicia”. O doutor en Historia e catedrático da Universidade da Coruña, Luis Alonso Álvarez, nunha publicación significaba que, a altura do ano 1923, o Banco de Vigo promovía ou participaba oito grandes empresas industriais. Tres no emerxente sector eléctrico galego: a “Sociedad General Gallega de Electricidad”, as “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” e “Electra Popular de Vigo y Redondela”. Dúas vinculadas ao desenvolvemento urbano: a sociedade para o abastecemento de augas da cidade e Tranvías Eléctricos de Vigo. Outras dúas no ramo metalúrxico e da construción naval: “Hijos de J. Barreras” e “La Metalúrgica”. E finalmente, a “Sociedad Anónima La Toja”. En conxunto, so nestas oito iniciativas, o banco comprometera inversións superiores aos 54.5 millóns de pesetas”. Banco de Vigo (II): el origen. Fernando Salgado. 13/09/2015. La Voz de Galicia.
(13)O Consello de Administración do Banco de Vigo, tomada da (Gaceta de Galicia: Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 103 de 12 de maio de1900); quedou constituído de la seguinte forma:
D. Fabriciano Rodríguez Soto
D. José Ramón Curbera
D. Francisco Estens
D. Juan Rivas Maristay
D. Fernando Conde
D. Manuel Diego Santos
D. Prudencio Nandin
D. Estanislao Durán
Suplentes
D. Ramón Gil Vidal
D. Ramón Arbones
D. Manuel Sitja
“Había nacido una potente banca de inversión en Galicia. Luis Alonso enumera ocho grandes empresas industriales promovidas o participadas por el Banco de Vigo a la altura de 1923. Tres en el emergente sector eléctrico gallego: la Sociedad General Gallega de Electricidad, las Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad y Electra Popular de Vigo y Redondela. Dos vinculadas al desarrollo urbano: la sociedad para el abastecimiento de aguas de la ciudad y Tranvías Eléctricos de Vigo. Otras dos en el ramo metalúrgico y de la construcción naval: Hijos de J. Barreras y La Metalúrgica. Y finalmente, la Sociedad Anónima La Toja. En conjunto, solo en esas ocho iniciativas, había comprometido el banco inversiones superiores a los 54.5 millones de pesetas”. (Tomado de: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/mercados/2015/09/11/banco-vigo-ii-origen/00031441998353443862859.htm)
(14)Presidente de honor, el Alcalde de Vigo.
Presidente executivo, D. Fernando Conde.
Vocais: D. Manuel Diego Santos, D. Tomás Mirambell, D. Manuel Pita, D. Ceferino L. Maestú, D. Ángel Bernárdez, D. Guillermo Oya, señor comandante de Marina, señor director de Sanidad, deputados provincias residentes en Vigo, señor administrador de aduanas, directores dos periódicos locais, os representantes do Concello, presidente de “Seguros Mútuos Marítimos”, presidentes das sociedades de recreo, inxeneiro director de “Obras del Puerto”, presidente da Asociación de Cultura, presidente da Cámara de Comercio, presidente do Círculo Mercantil, presidente da Unión de fabricantes, presidente da Asociación xeral de dependentes de comercio de Galicia, D. Joaquín Martínez, D. Manuel Borrajo, o Sr. Sijiá, don Eduardo Iglesias, D. Nicolás Paz, D. Ángel Nuñez, D. Joaquín Calderón, D. José Curbera Ferández, D. Federico Cantero, D. Augusto Bárcena, D. Antonio Sanjurjo Otero, D. Wenceslao Requejo, D. Francisco Tápias, D. Manuel Posada, D. José Barreras Massó, D. Diego Lence, D. Nazario Lence, D. Felix Casuso, D. Joaquín Novoa, D. Joaquín Nogueira, D. Antonio Gozález Romero, D. Joaquín Pérea Boullosa, D. Enrique Múlder, D. Estanislao Durán, director de la Escuela Superior de Artes e Industrias, D. Ramón Gil, D. Juan Rivas Maristany, D. Rafael Fembuena, representante de la Federación de Trabajadores, representante del >Centro de Sociedades Obreras, e representante da sección obrera do Círculo Católico.
(15)As veces por acontecementos adversos: 1ª Guerra mundial de 1914, Golpe de estado militar de 1936; e sempre, por carencia de lugar apropiado para o emprazamento.
(16)Apedreamento da sua casa polos Traiñeiros ( El Diario de Pontevedra : periódico liberal: Año XVIII Número 5227 – 1901 octubre 21).
(17)O aparello é unha rede de forma rectangular, armada na súa parte superior cun cabo que a reforza, a tralla superior, onde van colocadas as cortizas e na súa parte de abaixo outra tralla de reforzo na que leva anacos de chumbo. Estra tralla leva tamén todo ao longo unha anelas grandes, polas que pasa un cabo que se chama xareta. Antes de largar a arte compre localizar os bancos de peixe. Para buscalos, úsase o método de ardora, a través do cal se localizan as sardiñas pola fosforescencia que producen na noite cando andan preto da superficie da auga. (Tomado do libro, “A Galicia mariñeira” de Uxío Labarta).
(18)En Vigo, o auxe deste tipo de buque a vapor foi capitalizado polos, daquela pequenos estaleiros Barreras, no Areal vigués. Tanto éxito acadou a súa construción que acabou por ser recoñecido pola marca, vapor “tipo Vigo”. Eran embarcacións de 12 metros que posteriormente chegaron ata os 20, nos que se montaban o motor e a caldeira de vapor que viá importada de Inglaterra. Utilizábase para a pesca da sardiña coa arte de cerco. Entre 1888 e 1918 construíronse arredor de 400 deste tipo de barcos.
(19)Attilio Pontanri nacera en Florencia no ano 1850. Chegou a Galicia en 1878, como membro dun espectáculo circense. O seu estreo no papel de Hércules, prodúcese o 15 de maio de 1879 no Circo Ecuestre, instalado na Praza de María Pita da Coruña. No número 18 do Cantón Pequeno desta cidade, monta un establecemento para impartir “clases de gimnasia higiénica” e de esgrima; e ao mesmo tempo, fabrica toda clase de aparatos ortopédicos. Despois dunha década na cidade herculina trasladouse a Santiago de Compostela crea o seu primeiro ximnasio e imparte clase como profesor de ximnasia, mestre de esgrima (daríalle clase a Valle Inclán, con que trabaría una forte amizade), segue coa profesión de ortopedista; e, ademais, alcanza o cargo de xefe do corpo de bombeiros. A súa significación na promoción da educación física alcanza tal importancia que formaría parte, como delegado do distrito universitario de Santiago, da xunta directiva da asociación “Liga de la Regenración Física”, que presidía o deputado en Cortes, Eduardo Vincenti, e que fora creada para reivindicar os dereitos profesionais dos docentes da Ximnasia e enaltecer a relevancia da mesma.
O polifacético Pontonari, deixa Santiago despois de cinco anos moi intensos, instalándose en Pontevedra, onde vivirá durante 17 anos. Nesta cidade, onde ninguén o identifica xa como un forzudo, continuará cos súas actividades docentes; e, a proposta do Consello de Instrución Pública outórgaselle a cátedra de ximnasia do Instituto de Pontevedra. Todas estas actividades as compaxina coa xefatura do Corpo de Bombeiros. Tras un grave incidente co alcalde, a finais de 1910, decide abandonar esta cidade, trasladándose a Vigo, onde trabará amizade co Manuel Diego Santos, colaborará con el na creación do corpo de bombeiros que logo dirixirá e, seguirá dando clases de ximnasia en diferentes centros educativos e, tamén na Sociedade “El Gimnasio”.
Attilio Pontanari e Maestrini foi un pioneiro da educación física que fomentou na sociedade daquel tempo os valores que en Francia trataba de divulgar o seu coetáneo Pierre de Coubertain. Defendeu o que el chamaba “gimnasia hixiénica” como un factor fundamental na formación dos seres humanos, concepto actualmente asumido, pero que daquela, representaba una verdadeira utopía. Pontanari, coñecido polas súas ideas progresistas, era ademais, un claro defensor da presenza da muller no deporte, algo que entón tampouco estaba ben visto.
(20)Propietario dos terreos onde posteriormente se levantou a Praza do Progreso.
(21)El Diario de Pontevedra Año XVIII. Número 4993 – 11 de xaneiro de 1901 xaneiro.
(22)El Eco de Galicia: órgano de los gallegos residentes en las Repúblicas Sud-Americanas: Num. 338, 10 de marzo de 1901.
(23)La Correspondencia Gallega: diario de Pontevedra: Año XXII. Número 5960 – 3 xaneiro 1910
(24)A lei de 2 de outubro de 1877 acepta o sufraxio universal para a elección dos Rexedores ou Concelleiros do Concello. Os Alcaldes e Tenentes Alcaldes, segundo a mesma, eran elixidos polo Concello (art. 49); sen embargo reservábase o Rei nomear o Alcalde entre os Concelleiros das capitais de provincia, das cabezas de partido xudicial e das vilas que tiveran igual ou maior veciñanza que aquelas dentro do mesmo partido, sempre que non baixaran de 6.000 habitantes.
(25)El regional: diario de Lugo: Num. 9180 (30/05/1911)
(26)Órgano dos galegos residentes nas Repúblicas Sud-Americanas.
(27)Stephane Michel Jean Pacewicz Durand
(28)Fillo da ilustre escritora galega Concepción Arenal Ponte. Ocupou o cargo de Enxeñeiro Director de Obras do Porto de Vigo en substitución producida o 1 de abril de 1890 por morte prematura, do seu primeiro director, José María Sancha; cumpríndolle a responsabilidade de poñer en marcha os primeiros proxectos que orixinaron as estruturas portuarias que apuntaban xa cara a súa modernización e despegue do Porto vigués. Ademais da inspección das obras de edificación da Escola de Artes e Oficios; desde a súa chegada a Vigo, comprometeuse co proxecto educativo, renunciando ao seu salario como profesor de Mecánica Aplicada e, dirixindo a institución educativa entre 1895 e 1901.
(29)Gaceta de Galicia: Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Número 204 (10/08/1900).
(30)Luciano García Barbón, opulento comerciante e banqueiro, propietario das explotacións agrícolas de caña de azucre (os chamados “ingenios”), de San Luciano e Fortuna. A súa fortuna afundía as súas raíces no tráfico de escravos. Integrado no sector dos integristas Habaneros, empeñados no mantemento do modelo español de dominio sobre Cuba; participou na creación da “Asociación de Hacendados y Propietarios de Esclavos”, promovida coa finalidade de impedir o fin da escravitude na Illa e Participou na creación do Banco Hispano Colonial (1876), contribuíndo na parte alícuota (un terzo) asignada a La Habana; os outros dou terzos, correspondían en partes iguais a Madrid e Barcelona. Luciano, que morre en 1891, nomea herdeiro universal ao se sobriño; o mesmo que José, que anos máis tarde, fará o mesmo ao legar todo o seu patrimonio ás catro fillas da súa irmá Carlota.
(31)El Eco de Galicia” de Bos Aires o 10 de decembro de 1900.
(32)Gaceta de Galicia. Diario de Santiago de 9 marzo 1909.
(33)El Eco de Galicia, nº 138. Buenos Aires, 20 de agosto de 1895.
(34)A primeira Xunta de Goberno quedou constituída por Ambrosio Tomati, presidente; Xoán Mas, director; Xosé García Barbón, tesoureiro; Xoaquín Prieto Canal, secretario; doce conselleiros titulares e doce conselleiros suplentes.
(Fonte: http://www.fillos.org/fillos/taboleiro/mensaxes/1173.htm).
(35)De regreso de su excursión a EEUU se encuentra ya entre nosotros el Sr, D. J.G.B, distinguido paisano que cuenta con muchas y muy merecidas simpatías. El Sr. Barbón, restablecido completamente de las dolencias que le aquejaban, vuelve a hacerse cargo de los negocios mercantiles de su acreditada casa bancaria como así mismo de las múltiples comisiones que en distintos centros le han sido conferidas por su alta representación, reconocido prestigio y especialisimas facultades. Muy devéras nos felicitamos de que tan distinguidomiembro de nuestra colonia haya regresado bueno al seno de su familia y amigos. [El eco de Galicia : revista semanal de ciencias, arte y literatura: Num. 73 (18/11/1883)].
(36)Por la vía de EEUU ha salido para Europa nuestro querido amigo y paisano el Sr. D. José García Barbón. Va a reponer su salud quebrantada en estos últimos tiempos por el sucesivo trabajo que sus numerosos negocios le proporcionaban. Tal vez fije en Galicia su residencia, para descansar de la labor constante, que fue la base de su gran fortuna. Deseámosle de todo corazón pronto y eficaz restablecimiento, y tantas felicidades como el desee y merece.
[El eco de Galicia: revista semanal de ciencias, arte y literatura: Num. 104 (22/06/1884)]
(37)El señor D. José García Barbón ha escrito unha carta al presidente de la Escuela de Artes y Oficios de Orense acompañándola de una letra sre la sucursal del Banco de España, en aquella provincia, por valor de 2.500 pesetas, con destino a la compra de aparatos e instrumentos científicos más necesarios para la explicación práctica de las asignaturas de Física y Mecánica de dicha escuela. [El regional : diario de Lugo: Num. 2838 (22/03/1892).
(38)Atlántico: diario de Vigo. 5 e 18 de abril de 2012.
(39)É un dos barrios históricos máis importantes de Lavadores: a el pertence tecnicamente O Calvario, que non foi máis que un pequeno lugarello de Riomau ata a súa explosión demográfica. As casas vellas de Riomau, que eran moitas, situábanse sobre todo entre as rúas Numancia e Estremadura, ao norte do Calvario, onde aínda quedan bastantes.
A rúa Estremadura coñeceuse oficialmente como calle Río Mao ata ben pasado o ecuador do século vinte, cando se lle cambiou o nome polo de Estremadura; con isto, o nome deste histórico barrio non consta oficialmente como nome de rúa, co que corre un severo risco de se perder, tal como está avanzando a urbanización. (Sestay Martínez, Iván. Toponimia do Val do Fragoso)
(40)Galicia: diario de Vigo: Número 60 – 1 octubre 1922

BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA

  1. ARQUIVO E HEMEROTECA MUNICIPAL DE VIGO. Expediente PARA A CONSTRUCIÓN DA ESCOLA DE ARTES E OFICIOS. En esquina da Calle del Duque de La Victoria e Hospital. A instancia de José García Barbón , I. P. Arq. Dimas Vallcorba – 28. decembro .1887.
  2. ARQUIVO E HEMEROTECA MUNICIPAL DE VIGO. Expediente PARA A CONSTRUCIÓN DUN EDIFICIO DESTNADO ÁS ENSINANZAS DA MULLER COMO AMPLIACIÓN DA ESCOLA DE ARTE E OFICIOS. En Calle del Hospital esquina coa Prolongación de Marques de Valladares. A instancia de José García Barbón. – 7. xaneiro .1902.
  3. TOPONIMIA DO VAL DO FRAGOSO. Sestay Martinez, Iván. Editorial: Alvarellos. Universidade de Vigo, Servizo de Publicacións, 2010. ISBN: 978-84-8158-513-1 (v. 2)
  4. GALICIA Y LA MASONERÍA EN EL SIGLO XIX. Valín Fernández, Alberto. Edicións do Castro/Serie Documentos. ISBN: 84-7492-493-6
  5. EUROPA ANTE EL ESPEJO. Fontana, Josep. Editorial Crítica S.L. /Austral Humanidades. ISBN: 978-84-08-11424-6
  6. A GALICIA MARIÑEIRA. Labarta, Uxío. Editorial Galaxia/Biblioteca básica da Cultura Galega. ISBN 84-7154-492-X. Depósito Legal VG-24-1895.
  7. ORIGENES DE LA BLOBALIZACIÓN BANCARIA. EXPERIENCIAS DE ESPAÑA Y AMERICA LATINA. Daniel Díaz Fuentes, Andrés Hoyo Aparicio y Carlos Marichal Salinas (eds). Genueve Ediciones. 2017.
  8. ¿HACENDADOS VERSUS COMERCIANTES?. NEGOCIOS Y PRÁCTICA POLÍTICA EN EL INTEGRISMO URBANO. Martín Rodrigo y Alharilla
  9. Xerardo Dasairas Valsa. (01 de abril de 2011). El filántropo que dejó impronta en Vigo – Faro de Vigo. Recuperado de http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2011/04/01/filantropo-dejo-impronta-vigo/531842.html. Consultado o 28 de xaneiro de 2018.
  10. Fernando Salgado.(13/09/2015). Banco de Vigo (II): el origen.Recuperado da web: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/mercados/2015/09/11/banco-vigo-ii-origen/00031441998353443862859.htm.Consultado o 15.02.2018
Publicado en Casas de Vigo | Etiquetado , , , , , , , | Deixar un comentario

Tempos axeitados para ollar con perspectiva.

O resultado da chamada crise económica e financeira é que todas a pagamos; pero dependendo da adscrición social, a lóxica imperante resultou diferente. Os dirixentes das institucións financeiras, compañías aseguradoras, axencias de rating, … corruptores e corrompidos; que foron, polo menos, responsables da espuria xestión son, en casos flagrantes, xulgados dos seus delitos polos tribunais, aos que se enfrontan cun aparello defensor reputadísimo …. porén, as e os cidadáns, pola súa “neglixencia”, e polo seu excesivo e incontrolado “hedonismo”, culpable, … pasado; son, directamente penalizados coa aplicación directa dunha Lei superior e indiscutible, que non require a mediación de tribunais, á ser privados das súas casas, dos seus traballos, de atención médica, da posibilidade de instrución, das súas pensións; e, de xeito complementario, a fin de amortecer a contestación, privados tamén dos seus dereitos de opinión e manifestación.

Publicado en As miñas contribucións | Etiquetado , , | Deixar un comentario

Os raposos e a ciencia

Para lerdes o artigo, premede na figura

Imaxe | Posted on by | Deixar un comentario

Casa de Pedro Román (Edificio Ferro) (1889)

Panorámica

O edificio coñecido popularmente como “Casa de Pedro Román” ou “Edificio Ferro ”, situado no número 6 da rúa Joaquín Yañez, é unha das edificacións históricas máis importantes da cidade de Vigo. Actualmente acolle as instalacións da Biblioteca Pública Juan Compañel(1) , rara avis nesta cidade, que só conta con outra de carácter oficial; a Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas, situada no “Calvario” vigués.

Os Almacéns Ferro. Nome popular do edificio.

Anuncio 1966

O edificio Pedro Román, tivo historicamente certa querenza polo ramo téxtil. Despois de ter albergado o comercio do seu propietario, acolleu durante moito tempo aos Almacéns Ferro. Este establecemento comercial formou parte importante do pequeno emporio téxtil iniciado polo prestixioso comerciante Abundio Ferro Nuñez quen, procedente de Vilanova dos Infantes, establecerase en Vigo.

Abundio Ferro, naceu en 1861 na ilustre vila que actualmente, como parroquia, integra o concello de Celanova, producíndose o seu pasamento na súa cidade de adopción, o 23 de xullo de 1945. Xunto cos súa dona, fillos; irmán político, Víctor Miguez, e fillo político, Fernando Rey Sanz, desenvolverían un importante labor no ramo do comercio téxtil na cidade olívica. Por iniciativa do “clan” dos Ferro viron a luz establecementos de tanta sona como: “Almacenes Ferro”, “Almacenes de Vda. de Camilo Ferro” e “Las tres BBB”; a Victor Miguez, débese, “Confecciones Miguez”, comercio asentado tamén na rúa Joaquin Yañez, xusto fronte aos Almacenes Ferro; e, a Fernando Rey Sanz, a propiedade, xa nos postremeiros anos de vida do afamado establecemento comercial  “El Fin de Siglo”(2) .

Necrolóxica

O Casino de Vigo. Outro destacado rendeiro.

Outro dos arrendatarios acollidos na Casa Pedro Román foi a sociedade “El Casino”. O Casino, que abriu as súas portas en decembro de 1847 co nome de Circo (ou Círculo) Recreativo de Vigo, foi a primeira entidade asociativa que, como expresión das clases acomodadas, emerxeu na industrial urbe viguesa. Con marcado carácter elitista, comprometíase no seu primeiro regulamento, a levar adiante a organización de concertos, conferencias e a celebración mensual dun baile. En 1892, instalada xa na Casa de Pedro Román, e estando a espera do mobiliario para o gran salón de baile, a xunta directiva decidiu abrir os salóns do círculo cada domingo do inverno ás familias dos asociados. Entre os seus fundadores destacaba a figura do liberal Ramón Buch Díaz, persoeiro de fondo compromiso cos valores democráticos quen, en representación de Vigo, formou parte da “Junta superior de Gobierno de Galicia” e participou de xeito destacado na Revolución Galega de 1846; anteriormente,  en 1840, na sublevación en apoio ao cambio de goberno promovido polo xeneral Espartero para poñer fin as políticas conservadoras da rexencia de María Cristina; e tamén, no pronunciamento republicano-esparterísta que, en resposta a caída de Espartero, deuse na cidade de Vigo a finais de 1843.

Finalizando o ano 1900, coa emblematica entidade ocupando o primeiro e segundo andar da casa de Pedro Román, produciuse un curioso episodio que foi profusamente difundido nas crónicas de sucesos dos xornais, e no que a sociedade “El Casino”, adquiriu un rol protagonista non buscado. O diario compostelá a “Gaceta de Galicia” de 14 de decembro, na sección “Dicen en Vigo” relatábao deste xeito: En el momento que pasaba la procesión de Santa Lucía por la calle de Joaquín Yañez, ocurrió una sensible desgracia. Hallándose en el balcón de la sociedad “Casino”, presenciandola, -varios oficiales de infantería, desprendiosele á uno de ellos el sable, que cayendo a la calle, alcanzó a una mujer y a un niño, siendo ambos heridos levemente en la cabeza y en la cara. Recogidos en el comercio de don Pedro Román, fueron auxiliados.

Antes de instalarse na que sería a súa sede máis simbólica, o suntuoso edificio que albergaba o Teatro García Barbón (daquela chamado Rosalía de Castro), ocupou, desde outubro de 1919, os baixos da casa de Rodriguez Bonín situada na céntrica rúa de Príncipe. O xornal “El Diario de Pontevedra”, anunciaba a inauguración desta sede cun concerto baile a cargo do “afamado Quinteto Cerviño”; e, tres anos máis tarde, a asociación facíase con terreos na “Finca del Carmen”, a inmensa parcela que actualmente acolle ao Instituto Santa Irene e o pavillón de deportes, para emprazar neles un parque de recreo con instalacións para celebración de bailes, deportes e espectáculos.

García Barbón en construción. Foto PPKO

A inauguración da nova sede, na rúa Policarpo Sanz, financiada por vontade de García Barbón a través das súas herdeiras, e proxectada polo arquitecto Antonio Palacios, produciríase o 7 de novembro de 1926(3). Neste emprazamento permanecería ata o ano 1982, cando o inmoble, que fora adquirido pola “Caja de Ahorros Municipal de Vigo”, no ano 1973 para convertelo en Centro Cultural, acordou a súa non continuidade. A decisión de instalarse neste local, non foi doada, e precisou da forte implicación do seu, por aquel tempo presidente, Alfredo Pérez Viondi, quen empeñado en converter a sociedade nun autentico Ateneo, vinculou a súa continuidade no cargo ao cambio de emprazamento. A decisión de trasladarse a nova asento tomouse, por considerable maioría, en asemblea de socios celebrada o 3 de febreiro de 1926.

Ata a chegada da sublevación militar de 1936, o círculo levou adiante plans innovadores, algúns, cun marcado carácter formativo, como era o caso do proxecto “Huespedes de Honor”(4) . Mentres outras sociedades esvaeceron coa arribada da ditadura; a elitista “El Casino”, soubo adaptarse ao franquismo, pero non foi quen de sobrevivir á chegada do século XXI. O maior peso das actividades recreativas sobre as de instrución e cultura, e a consolidación dun elitismo, fornecedor de pautas de funcionamento cada vez máis anacrónicas, faría que a sociedade desaparecera no ano 1992.

Obtención de licenza e proceso construtivo

A construción, tal como hoxe a coñecemos, foi deseñada polo mestre de obras Jenaro de La Fuente Dominguez á demanda de Pedro Román San Román, propietario do edificio preexistente; quen, o 23 de xaneiro de 1889, presentou no rexistro do concello o escrito de solicitude de permiso para introducir modificacións na fachada da rúa Imperial (actual Joaquín Yañez), e nos vans do mesmo edificio polo lado da casa que lindaba coa rúa Desengaño (actual Fermín Penzol)(5) .

Os planos de Jenaro de la fuente

Pedro Román, que se declaraba, “del comercio”, propietario e veciño de Vigo, comezaba o escrito mostrando que o seu desexo inicial era o de instalar, no andar baixo da súa propiedade, o seu comercio de tecidos, e dado que o local só precisaba de reformas interiores, que non afectarían ao ornato público, o parabén municipal tornábase facultativo. A decisión de presentar solicitude para a reedificación da fachada á rúa Imperial(6), aliñándoa coa casa dos herdeiros do Sr. Donesteve e situada poucos metros mais abaixo, debérase, en boa parte, a unha medida que o cabido municipal anunciara en relación co chamado Arco de Quiros(7). A idea da municipalidade era proceder a súa expropiación a fin de facilitar o transito público por ese sitio.

Arco de Quiros

A xuízo do comerciante, este acordo corporativo beneficiaría considerablemente o lucro do seu xa importante e ben nutrido comercio de xénero; por iso, estaba disposto a modificar a aliñación da fachada da súa casa, argüíndo ademais que isto suporía a eliminación dun atranco fronte á desembocadura do arco; deste xeito, escribía, complementaba as actuacións municipais na procura dun paso máis doado pola zona.

O proceso de reedificación foi moi complexo e estivo sementado de incidencias de diferente natureza. O sete de outubro de 1889, a Corporación, ordenou a suspensión das obras aducindo os seguintes motivos: non ter satisfeito o imposto sobre as edificacións; non terse provisto da necesaria licenza; e, ademais, por invadir cunha importante acumulación de pedra, a pequena praza situada fronte a fachada. Pero o contratempo máis salientable, e que máis afectaría ao calendario de obras, foi o rexeitamento maioritario expresado pola veciñanza das rúas Imperial e Desengaño. A reclamación dos veciños viña subscrita por Francisco Parada Lorenzo como veciño e apoderado de Dª Joaquina Lafuente e 32 sinaturas máis, entre as que contaban nomes como o de Dolores de Donesteve y del Hoyo, Cándido Soto, A. Yañez Chao, Antonio Vázquez, Vicente Méndez Quiros, etc.

No foi doado desenturbar o panorama que se lle presentaba a Pedro Román para acadar os obxectivos de remuda do seu inmoble. Había, por unha banda, a orde de paralización das obras; unha nova solicitude licenza para elevar 80 cm máis o entramado do piso principal; e o recurso dos veciños solicitando manter a aliñación da fachada da rúa Imperial; e a maiores, o problema que se derivaba das obras na fachada da rúa Desengaño que, segundo alegaban, impediríalle a rúa acadar o ancho de 15 m, e en consecuencia, poder ser considerada continuación da rúa Marques de Valladares. Para buscar resposta a tantas incógnitas, o alcalde encargou á comisión de Obras a realización dun informe que dera a luz suficiente para a posterior toma de decisión da corporación.

A Comisión de obras, en contestación ás demandas presentadas polas afectadas, en escrito de 25 de febreiro, resumía así as súas reclamacións:

Piden los vecinos y propietarios, en su instancia del veinte y cinco, que se rectifique y varié las líneas, que se hayan dado al Sr. Román para su casa con fachadas á las calles Imperial y Desengaño, fundándose para ello, y por lo que respecta á la calle Imperial, en que es perjudicial la línea para el desahogo de la población, que se estrecha y reduce la calle precisamente en un sitio, que necesita mas grandes desahogos y, mayores estructuras, que las que hoy tiene, porque es de notoriedad indiscutible que la circulación de gentes es considerable y el ir y venir de carros con equipajes y mercancías incesante”; y alegando, respecto a la línea de la calle del Desengaño, que siendo continuación de la de Marqués de Valladares, era forzoso contara con el mismo ancho de quince metros.

As conclusións do ditame da comisión de Obras, expresadas de xeito categórico, amosáronse sensibles as propostas de reforma que, elaboradas por Jenaro de La Fuente, foran presentadas perante a alcaldía por Pedro Román. A comisión, despois de rebater cada unha das obxeccións presentadas pola xunta de veciños, remataba o informe enunciando unha serie de propostas dirixidas á corporación municipal. Así rezaba a literalidade da resolución:

PRIMERO. Que se permita al Sr. Román elevar el entramado del piso principal a ochenta centímetros sobre el actual, previo pago del arbitrio por la mayor obra que ejecutare.
SEGUNDO. Que no puede estimarse la solicitud presentada por los vecinos por las razones que van expresadas (nos parágrafos anteriores do informe explicitábanse estas) y
TERCERO. Que puede permitirse al Sr. Román, en virtud también de las razones que van expuestas que ejecute las reformas que juzgue conveniente en la fachada de la calle del Desengaño, que no está sujeta a alineación alguna, previo conocimientos de la Corporación y pago también del arbitrio municipal por la mayor obra que lleve a cabo.

Na sesión de 6 de marzo do pleno da Corporación Municipal, despois da correspondente deliberación, sostida principalmente entre os señores, Fandiño, Barcena, Montenegro, Ramos, Conde e Migues; resolveu, que o veredicto emitido pola Comisión estaba axustado aos preceptos legais do Excmo. Concello; e, por unanimidade, aprobou as conclusións da Comisión. E ademais, con carácter provisional, e en concepto de arbitrio(8), decidiu autorizar o orzamento de vinte seis mil catrocentas pesetas; do cal, o promotor ingresaría o dous por cento na caixa do Municipio.

Pedro Román San Román

A Hemeroteca consultada non é moi prolixa en noticias sobre Pedro Román San Román, e o carácter das publicadas, pouco coñecemento aportan sobre as súas actividades socias, vida familiar, etc; e mesmo, non son o suficientemente substanciosas para mostrar a significación que a súa figura debeu atanguer, tanto no eido económico, como no empresarial e mesmo no político. Atópanse pequenos apuntamentos referentes as súas actividades como comerciante e banqueiro, pero a maioría das encontradas certamente lindaban a futilidade; como aquela que recollía o Diario de Pontevedra no seu número de 24 de decembro de 1897, na que se lle atribuía un suposto fado. A nova viña a dicir o seguinte: Recordarán nuestros lectores que en el sorteo de Navidad del año pasado el premio de 20.000 pesetas que toco a la Administración de Vigo, correspondió a uno de los billetes que nuestro convecino el comerciante D. Pedro Román había remitido al Brasil. Al mismo corresponsal de aquella República remitió este año el Sr. Román billetes de Puenteareas y también tienen otro premio de 20.000 pesetas en el número 25,997.

Como antes se adiantou, son escasas as referencias atopadas sobre a vida familiar de Pedro Román San Román. O xornal Faro de Vigo, de 30 de xaneiro de 1903, con motivo do seu pasamento, publicaba unha necrolóxica que subministraba algúns datos sobre a súa procedencia, actividade profesional e familia. Pedro Román, dicía, era natural de Villar de Ciervos, localidade situada na comarca da Maragatería, na provincia de León; sinalando, ademais que, no momento da súa morte, levaba en Vigo arredor de corenta anos dedicado permanentemente á tarefas mercantís, as que lle permitiran reunir unha cuantiosa fortuna; e, engadía, que a súa marca, á parte de en Galicia, gozaba de renome en Madrid, Barcelona e outras prazas.

Escrito de réplica ao Alcalde

Na breve nota salientábase unha sobresaínte característica da súa personalidade: a “enteireza indomable”. Apuntábase, como proba, o preito sostido co Banco de España, en relación a si este podía ou non, entregar moeda fraccionaria no cambio de billetes, e no que o comerciante e tamén banqueiro, lograría vencer á poderosa institución de préstamo. Neste sentido, convén lembrar como novo considerando desta calidade do seu carácter, a persistencia mostrada na defensa dos seus intereses no desenvolvemento do expediente de reforma da súa casa; a modo de dato recordar a replica de 5 de febreiro de 1889 (Inicio do escrito na imaxe adxunta) exhaustivamente fundamentada, onde mostraba a desconformidade coa, ao seu ver, forma imprecisa en que se lle concedía permiso de edificación.

Facíase, por último, no parágrafo dedicado ás condolencias, unha relación dos familiares máis achegados. Deste xeito, sábese que Pedro Román tiña tres fillos (Luis, Enrique e Félix); en relación coas fillas, na nota non se facía a mesma especificación, limitándose a unha referencia xenérica “hijas”. Polo exemplar de 29 maio de 1898 do xornal “La idea moderna”, que se definía como o “ diario democrático en Lugo”, sabemos que, as fillas eran dúas: Pura e Pilar.

En relación co negocio comercial, as novas eran tamén escasas, limitándose os xornais a reflectir operacións de descarga de mercadorías no porto vigués. Algúns exemplos: o 20 de xullo de 1865, o diario “El Miño”, publicaba que, procedente de Barcelona o “Vapor Cervantes” que facía ruta en réxime de cabotaxe descargara na Aduana de Vigo catro vultos de tecidos para D. Pedro Román; o mesmo xornal, o 19 de abril do seguinte ano, notificaba o desembarco dunha caixa de seda e algodón, que procedente de Valencia fora traída polo vapor Francoli, da compañía Astergui. O 14 de xullo de 1879, desta vez era o Faro de Vigo, que anunciaba a chegada do vapor Duro que, en réxime de importación por cabotaxe, traía desde Barcelona 16 fardos de tecidos; e, o 18 do mesmo mes era o Vapor Julián o que traía, nesta ocasión, 13 caixas de fío de lino. No ano 1905, dous anos despois do seu falecemento, “El Noticiero de Vigo” volvía a dar testemuño da actividade do comercio de tecidos, agora baixo a firma “Hijos de Pedro Román”, nesta oprtunidade, consistía nunha caixa de tecidos de algodón que foran descargados no molle de Comercio polo vapor “Cabo Creus”; etc, etc.

Santander: Incendio do Cabo Machichaco

Na pescuda a través dos xornais da época, non podía faltar a participación nas subscricións populares, a máis das veces, destinadas a paliar as desventuradas xeradas polos moi habituais graves sucesos que producían perdas, desgrazas e sufrimentos. O Faro de Vigo de 5 de decembro de 1893, puña de manifesto a colaboración de Pedro Román, coa cantidade de 5 pesetas, na colecta iniciada pola Xunta Directiva da Exposición Rexional de Agricultura, Industria e Minería que se ía a celebrar en Vigo, e que estaba destinada a socorrer ás familias desvalidas das vítimas ocasionadas pola “catástrofe de Santander”(9). A listaxe de subscritores, que naquel momento acumulaba a cantidade de 4.035 pesetas, estaba encabezada pola Marquesa del Pazo de La Merced con 250 pesetas; o Conde de Torre Cedeira con 500 e José García Barbón, con tamén 500 pesetas. A Xunta iniciadora da subscrición, que estaba presidida por Francisco Molíns, acordara ese mesmo día repartir do recadado, dúas mil pesetas, entre as familias galegas dos que pereceran no citado sinistro.

De volta as súa actividade bancaria; o Diario de Pontevedra, o 21 de xuño de 1902, informaba sobre unha operación, que o acreditaba como un notable participe do mundo das finanzas. A nova, referíase a unha importante subscrición realizada pola sucursal de Pontevedra do Banco de España, que, daquela, dirixía Francisco Riestra, dicía así: Por las noticias que hemos recibido, en las últimas horas de la tarde de ayer alcanzaba la suscripción en aquella plaza, unos cinco y medio millones de pesetas, siendo la partida más importante de millón y medio suscripta por el comerciante D. Pedro Román. Sábese tamén que os seus fillos, baixo a marca Hijos de Pedro Román continuaron coa actividade bancaria con despacho en Vigo.

No ano 1905, morto xa Pedro Román, o xornal “Noticiero de Vigo” de 20 de setembro, con motivo do falecemento de Rodrigo Sánchez Padín, comerciante e antigo colaborador seu, abundaba na faciana de banqueiro do Sr. Román: Don Rodrigo Sánchez, antiguo apoderado de la casa de Banca de D. Pedro Román, era ahora socio de la misma y había contraído matrimonio con una de las hijas de aquel notable hombre de negocios.

Dúas derradeiras referencias a fin de ir completando o máis posible a descrición da figura de Pedro Román San Román; aludindo agora a aspectos sociais e políticos. No primeiro ano do século XX, a maioría dos dependentes de comercio, industria, farmacias, salóns de peiteado e barbería, quioscos da Pedra etc,etc; da cidade viguesa, involucráronse nunha reivindicación a prol da non apertura dos establecementos en domingo. A demanda dos traballadores contou co seguimento maioritario das empresas; e, a meirande parte das que abriran as portas, pecháronas máis tarde atendendo ao rogo das comisións que percorrían as rúas con ese obxecto. Mención aparte merece a postura adoptada polos Sres. Castro, viúva de Simeón García, Arbones e Pedro Román, que mantiveron os seus establecementos abertos. Estes almacenistas de tecidos, argüíndo o seu descontento pola falta de información previa dos convocadores, informaron ás comisións que aceptarían a petición dos traballadores se, na reunión que os patróns manterían posteriormente, a posición fose unánime; pero, se algún se opuxese á demanda, eles seguirían igual conduta.

O comportamento mantido neste conflito polo comerciante Román aporta unha nova característica do seu talante: a de pertencer ao sector do colectivo empresarial mais insensible ás demandas dos asalariados. Este xuízo adquire maior solidez, se se ten en conta que, o único incidente que se deu durante a xornada de loita foi o acontecido precisamente diante do seu almacén. O suceso acaeceu, cando a comisión dos dependentes de comercio se achaba informando ao comerciante e, desde o numeroso grupo, que se achaba fronte a porta, partiu unha pedra que foi dar nunha das vidreiras, rompendo un pequeno cristal da parte superior. O feito de que o único episodio de enfado violento se producise diante so seu almacén, podería ser tomado como un indicador do sentir dos traballadores pola dura e sostida posición amosada polo empresario, no ámbito das relacións laborais.

As comisións deron conta aos seus compañeiros das xestións realizadas e das contestacións obtidas dos donos dos establecementos. Designouse unha comisión permanente que debía continuar os traballos acerca dos xefes e das autoridades ata conseguir o peche xeral. Terminada a reunión unha comisión visitou ao alcalde; e, este, prometeríalles buscar unha fórmula de arranxo para que non se abriran os domingos os quioscos establecidos na Praza de A Pedra; e tamén, comprometíase a estudar fórmulas para que as farmacias pecharan os domingos, ben establecendo gardas ou en outra fórmula calquera …… Este episodio de reivindicación laboral permite achegarse ao coñecemento sobre o grao de conciencia, nivel de organización e capacidade de mobilización dos traballadores vigueses no limiar do século XX; así mesmo, aporta datos sobre a idiosincrasia dos patróns e sobre o talante mediador das autoridades locais.

Aínda que a Pedro Román non se lle coñeza o exercicio da acción política directa, a súa condición económica e status social adquirido capacitábao, como a todos os do seu rango, para unha sinuosa posibilidade de influencia e de decisión política. Con motivo da elección a senadores, Pedro Román, como membro do sector de electores maiores contribuíntes da cidade, estaban habilitado para decidir os compromisarios que, posteriormente, nas deputacións provinciais, elixirían aos tres senadores que lle correspondían á provincia. Curioso sistema de elección: os ricos elixen aos que lexislan para ricos e pobres.

Características do edificio

Como se infire do texto transcrito anteriormente do expediente da Casa de Pedro Román, que se garda no Rexistro Municipal de Vigo, o proxecto de Jenaro de La Fuente foi de reedificación dun edificio anterior, e tivo como actuación máis sobranceira, a reforma completa da fachada principal, a que dá á actualmente chamada Joaquín Yañez (antes Imperial). O proxecto orientouse para dar satisfacción ás necesidades que se derivaban da polivalencia dos usos ao que o inmoble se ía a destinar. No andar baixo asentábase o comercio de tecidos do propietario, mentres que, no primeiro andar, o amplo e elegante salón de baile da sociedade “El Casino”, o que hoxe aberxe a sala de lectura principal da Biblioteca Pública. Como signo máis significativo desta adaptación, a configuración do frontispicio, esparexido de grandes vans que garantían a entrada de abundante luz, á vez que provía de lixeireza ao edificio.

Jenaro de La Fuente, como era común na arquitectura daquel tempo; para a restauración do edificio preexistente, asume a óptica ecléctica que proliferou no Vigo de finais do século XIX, proxectando a fachada principal seguindo a pauta dun eclecticismo clasicista, onde cada piso, dentro do mesmo esquema compositivo ten unha ornamentación propia e diferente. O espazo ordénase cunha sucesión alternativa de pilastras e grandes vans. As pilastras, acanaladas, presentes tanto no primeiro como no segundo andar, constan dun esvelto plinto e con capiteis diferentes no primeiro e segundo andar.

Fachada principal

O arquitecto, deseñou unha fachada principal (a que aparece na foto) de sobrias e elegantes liñas, nas que a xenerosidade de granito non fai restar a sensación de lixeireza que lle aporta a reiterada sucesión de fiestras separadas polas finas pilastras. Obsérvanse, ademais, arcos escárzanos, arquitrabes, frisos con denticulados e cornixas cunha afiligranada decoración e cun salientable traballo de cantería. A ornamentación remárcase aínda mais na primeira planta coa molduración dos arcos e a cinta de meandros con rosetas incrustadas ritmicamente a modo de greca entre capiteis.

A fachada lateral, a da rúa Fermin Penzol, recibe unha menor atención. É maciza e sen ornamentación, e na que os vans, distribúense harmoniosamente cercados por un marco de cantería en medio dun paramento revestido e pintado.

Fachada lateral

REFERENCIAS

(1)       As orixes da Biblioteca Pública Juan Compañel están na Biblioteca Popular de Vigo, creada por orde do Ministerio de Educación Nacional en 1942. Instalada nun local de alugueiro da Praza de Compostela, onde permanecería co nome de Biblioteca Pública Jaime Solá ata 1979, ano en que foi trasladada a unha nova sede na rúa Romil. Os primeiros trinta e cinco anos de vida da institución foron precarios debido ás pequenas dimensións do local, e aos escasos recursos fornecidos á institución para a adquisición de fondos bibliográficos, nutrindose basicamente de doazóns.
A segunda etapa, a da rúa Romil, supuxo unha importante mellora. Máis espazo para sala de lectura, almacén e outras dependencias e un notable incremento do cadro de persoal. A demanda social deste servizo medrou de xeito tan ostensible que antes de entrar na década dos noventa xa quedara novamente pequena o que provocou que o Concello decidira mercar o edificio Ferro para instalar alí a nova biblioteca, encargándolle a reforma ao arquitecto Luis Arranz Alguero. En 1995 quedou inaugurada pasando a denominarse Biblioteca Pública Central de Vigo.
En outubro de 2013, a petición do Colectivo Cultural “A Nave das Ideas” a Corporación Municipal, aprobou por unanimidade, darlle a Biblioteca Pública Central de Vigo, o nome de Juan Compañel, figura clave Rexurdimento galego, en recoñecemento a súa tarefa como editor e impresor da obra de Rosalía de Castro, “Cantares Gallegos”, e como , director de xornais de claro carácter progresista e galeguista, como, “La Oliva” e “EL Miño”.
(2)        Os almacéns El Fin de Siglo, que nacera en 1889, por iniciativa dos irmáns Ceferino e Eduardo Posada Conde, como comercio de tecidos, cereais e produtos diversos, durante o primeiro terzo do século XX foi considerado como o comercio máis elegante de Vigo. En 1909 a firma Piñeiro e compañía(en 1935 seguía nas mesmas mans) faise cargo da titularidade do firma, manténdose incólume o seu prestixio. Tanta importancia acadou que varias fabricas destinaban a este establecemento toda ou gran parte da súa produción: camisas de señora e de nena, calzón, sobrecorsés, pantalóns, chambras, enaguas, lenllas, sabanas, almofadas, etc. En 1928, abandona a Porta do Sol trasladándose ao número 40 da rúa de Príncipe, ocupando o andar baixo do Hotel Europa. O antigo edificio da Porta do Sol, sería demolido, e no seu lugar, no ano 1934, levantaríase o edificio Galoia, construción de estilo racionalista deseñado polo arquitecto Romualdo de Madariaga Céspedes por encargo das irmáns Elena e Práxedes Salgueiro, sobriñas do filántropo García Barbón.
Nesta suma de referencias aos acontecementos máis destacados da historia de “El Fin de Siglo” comentar que o 2 de febreiro de 1930, o xornal El Pueblo Gallego, reproducía un anuncio onde o propietario Albino Piñeiro, quen, con motivo da reforma do comercio anunciaba a liquidación de existencias. En 1940, publicada tamén no mesmo xornal, unha crónica atribuía a propiedade do negocio a Alvaro Rey, como sucesor de A. Piñeiro. E, finalmente na nota necrolóxica de Abundio Ferro (1945), publicada tamén en El Pueblo Gallego, citábase como propietario ao seu fillo político Fernando Rey Sanz.
(3)        EL CASINO DE VIGO. Se inauguró ayer el nuevo domicilio social del Casino de Vigo, en el soberbio edificio del nuevo teatro García Barbón, y cuyas obras fué autor el gran arquitecto gallego D. Antonio Palacios.
Tal como se ha instalado la sociedad significa un evidente progreso para Vigo.
Sus elemento directivos, entusiastas y amantes de la cultura, entre los que destacan el culto presidente D. Alfredo Pérez Viondi, se propone hacer del centro un verdadero Ateneo, desde cuya tribuna hablarán a los vigueses, las personalidades literarias, científicas y políticas mas significativas de Galicia y España.
Con arreglo al programa anunciado, a las doce de la mañana y por el párroco de Santa María, don Faustino Ande, tuvo lugar la bendición de los locales, celebrándose más tarde la apertura oficial, al que asistieron autoridades, representaciones de centros y prensa, siendo obsequiados todos con un lunch.
A las dos de la tarde tuvo lugar el banquete con que la sociedad obsequió a las autoridades locales y regionales, socios de mérito del Casino, Comisión gestora de la adquisición del local, presidentes de las sociedades de recreo, de la ciudad de la Oliva, y a la prensa local y regional.
De noche se celebró el baile, con que fueron obsequiadas las familias de los socios, y en el que las mujeres viguesas, lucieron toda la belleza, que es característica de ellas.
Los muebles que lucen en los hermosos salones del Casino fueron confeccionados en la casa Rodolfo Alonso Lamberty, de aquella ciudad.
En todo ello se encuentra patente el sello de la distinción, de la riqueza, del buen gusto i de confort. Está compuesto a base de confortable tipo inglés y es de una grata severidad.
Los sillones se hayan forrados en rica piel de vaca natural; la armazón es de caoba de Cuba que ilustrados a muñeca, constituyen un adorno sencillo, exquisito y de suprema elegancia.
Resulta sumamente agradable la caótica variedad de los muebles que las componen y que satisfacen toda clase de comodidades.
El soberbio “hall” del Casino, lo decoran las siete “peñas”. En el centro una gran mesa, de planta semi-ovalada, con elegantísimos sillones también de tipo inglés.
Hay dos escritorios, en ambos extremos, de dos plazas cada uno, separados por una lona que hace juego con el resto de los muebles.
Ocho son los radiadores de la calefacción del edificio, que están disimulados por un precioso mueble asimismo de caoba de Cuba.
El gran salón de fiestas, está admirablemente construido, lo adornan 30 sillas, doce butacas volantes, y cuatro sofás, todos ellos tapizados de precioso terciopelo de seda en colores gris oscuro y oro, y los respaldos de las sillas, enrejillados, y dorados.
El aspecto regio de este salón se completa con los muebles que figuran en el mismo.
La biblioteca esta compuesta por una enorme librería de cinco cuerpos, con artísticas vidrieras de catedral montadas en plomo.
En dos puertas laterales y bajo relieves ostenta el escudo de Vigo y el anagrama del Casino. Una magnífica lámpara de Renacimiento, de hierro forjado, alumbra este local.
Al acto de inauguración no asistió el Sr. Palacios, por tener que hallarse hoy en Madrid, con objeto de presenciar la inauguración del esplendido edificio de Bellas Artes de la Corte, de que es autor.
La directiva del Casino, deseando que esta fiesta, no disfruten de ella solo los socios, sino también los acogidos en la Casa de Caridad, obsequió a estos con una comida extraordinaria, rasgo del que se hicieron muchos elogios.
Felicitamos a la Comisión gestora y Directiva del Casino y con especialidad a su presidente Sr. Pérez Viondi, por el acto realizado ayer, que demuestra la cultura de esta ciudad, al inaugurar centros como el que reseñamos. (Nova publicada o 8 de novembro de 1926 no “Diario Independiente, EL COMPOSTELANO”)
(4)        Tratábase de invitar a sobranceiras figuras da cultura e da ciencia para que, durante un tempo que podía chegar aos 6 meses proporcionábaselles aloxamento a cambio de que, mentres continuaban cos seus traballos creativos ou de investigación, impartisen charlas e conferencias. Persoeiros como, Wenceslao Fernández Flórez, Julio Camba ou o mesmo Ramón del Valle Inclán, encontráronse entre os convidados.
(5)        Ocupaba aproximadamente a rúa Fermín Penzol de hoxe en día, parte da zona máis alta da rúa Carral e unha parte do inicio de Marqués de Valladares, antes de que se reestruturara a partir de 1872 esa zona co ensanche da rúa Carral que permitiu acercar o porto ao interior da cidade.
(6)        A rúa Imperial situada entre a praza da Constitución e a rúa da Oliva, foi o nome da actual Joaquín Yañez ata 1894. Nela situábase todo o comercio de novidades e tamén as dúas máis distinguidas sociedades recreativas, a Tertulia e o Casino. Non sempre se chamou así, no ano 1868, por acordo da Corporación Municipal que fora nomeada pola Xunta revolucionaria constituída tras a revolución “La Gloriosa” e que presidía Miguel Borzino y Fernández, cambiou a súa denominación por rúa de Mendizabal. Outros cambios destacados realizados nos nomes de rúas e prazas da cidade por esa Corporación, foron: a praza da Princesa pasou a chamarse “Plaza de Prim; a praza da Constiución, “Plaza de la Libertad”; a praza da Pedra, “Plaza de la Revolución”; a rúa Real cambiou o seu nome polo de rúa de Contreras; a rúa do Príncipe por rúa de Serrano, a rúa de Isabel II por rúa de Topete e o camiño de Circunvalación por rúa do Duque de la Victoria”. Outra importante decisión adoptada pola Xunta revolucionaria foi a do agrupamento dos concellos, Lavadores, Bouzas e Vigo a fin de restablecer a unidade comarcal do Fragoso; pero esta medida pouco durou xa que foi anulada por Decreto do Goberno Central de 24 de novembro de 1868. A reposición dos concellos do Fragoso impuxo a modificación da Corporación agregada. Realizadas as oportunas eleccións en decembro de 1868 conformouse un novo Concello que presidiría Anastasio Fontano Fernández, e que contaría con Miguel Borcino Fernández e Cristino Piñeiro Fernández como tenentes de alcalde e Manuél Olivié e Alejandro Lagos como síndicos, e entre os concelleiros, persoas tan coñecidas na cidade como: José Ramón Curbera, Benito Vicetto, Ricardo Solleiro, Francisco Pascual, …
(7)        O 19 de decembro de 1888, a “Hoja oficial del lunes” no seu número 139 correspondente a 19 de decembro de 1938, na sección HACE 50 AÑOS, recollía a seguinte nova en relación con esta expropiación: Se reunieron ayer los peritos nombrados por el Municipio y por el Propietario del Arco de Quiros con objeto de ponerse de acuerdo sobre el importe a abonar para la expropiación de dicho Arco. O Arco de Quiros, despois de décadas de abandono que concluíu coa declaración de ruína a mediados dos 90 do século pasado, foi recentemente rehabilitado. Segundo informaba o Faro de Vigo de 9 do 12 de 2013: La restauración del caserío burgués de la familia Quirós y su singular pasadizo, cuya construcción está datada en el siglo XIX, recuperará su esplendor el próximo mes de enero, cuando la promotora orensana Reguenga Picouto entregue la obra rematada. Los resultados ya son visibles desde el exterior, con la colocación de la carpintería de madera (Iroko) y las barandas de las balconadas, pero el secreto que todavía está oculto es el arco paralelo descubierto durante la reforma y que en unas semanas lucirá desde la Plaza de la Princesa.
(8)        Acordo tomado en sesión da Corporación municipal viguesa de 30 de xaneiro de 1889 e anotado en documento subscrito polo Secretario do Concello Enrique Huertas.
(9)        En novembro de 1893, un incendio no barco de vapor Cabo Machichaco, naquel tempo atracado no molle de Maliaño, Santander, provocou a maior catástrofe civil do século XIX español, con cerca de seiscentos mortos e arredor de dous mil feridos.
Imaxes. As panorámicas e detalles do edificio son fotografías de Fernanda Padín Ogando. O resto da imaxes foron extraídas de publicacións da época; e, as fotos de documentos, do expediente que se garda no Arquivo Municipal do Concello de Vigo.

BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA

  1. ARQUIVO E HEMEROTECA MUNICIPAL DE VIGO. Expediente B 58 de 1884: REFORMA DE CASA PARA COMERCIO DE D. PEDRO ROMÁN SANROMÁN, c/ Imperial nº 8, I. P. Arq. Jenaro de Fuente – 13. xaneiro .1884.
  2. NECROLÓXICA ABUNDIO FERRO NUÑEZ. El pueblo gallego: diario de la mañana, al servicio de los intereses de Galicia: Num. s.n. (24/07/1945)
  3. NECROLÓXICA. DON CAMILO FERRO MIGUEZ. El Pueblo Gallego pax. 4. Mércores 22 de agosto de 1956.
  4. El CLAN DE LOS FERRO. Faro de Vigo de 3/03/2009. http://www.farodevigo.es/opinion/2009/03/03/mira-vigo/302205.html
  5. GARRIDO RODRÍGUEZ JAIME. 2000: Arquitectura da pedra en Vigo, Vigo, Construcciones Conde, ISBN 84-605-9897-7
  6. CONSORCIO CASCO VELLO DE VIGO. Blog. Arquitectura e rehabilitación-Casa de Pedro Román: música y libros. http://consorciocascovellovigo.org/blog/arquitectura-e-rehabilitacion/casa-de-pedro-roman-musica-y-libros
  7. EL CASINO ESTUVO 56 AÑOS EN EL ANTIGUO GARCÍA BARBÓN. La Voz de Galicia 21/06/2006. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2006/06/21/casino-estuvo-56-anos-antiguo-garcia-barbon/0003_4880887.htm
  8. EL CASINO DE VIGO. CRÓNICA ILUSTRADA DEL HISTÓRICO CASINO DE VIGO (1847-1936). Martinez Alonso, Rubén. Editorial: Alvarellos. ISBN: 978-84-89323-77-3
  9. JOSÉ SANTIAGO Y GÓMEZ. Historia de Vigo y su comarca. Editorial Maxtor. I.S.B.N. 84-9761-285-X
  10. APUNTES NOTICIEROS.INAUGURACIÓN LOCAL SOCIAL DEL CASINO EN LA CLALLE DEL PRÍNCIPE. Diario de Pontevedra. 10/10/1919.
  11. EL CASINO INAUGURA HOY SU NUEVO DOMICILIO …El Pueble Gallego nº 852. 07/11/1926
  12. DIFERENTES NOVAS SOBRE PEDRO ROMÁN SAN ROMÁN. Introdución por Aduana no comercio de cabotaxe: El Miño : Periódico de comercio y de intereses generales: Num. 862 (20/07/1865). El Noticiero de Vigo : diario independiente de la mañana: Num. 5566 (20/12/1905)
Publicado en Casas de Vigo | Etiquetado , , , , , , , , , , | Deixar un comentario

Madrid ou a “normalidade” neoliberal

Imaxe | Posted on by | Deixar un comentario

Referéndum en Catalunya (Cartas cruzadas)

Cartas cruzadas no diario Público de Pau Llonch, Alberto Garzón e Josep Maria Antentas en torno ao referéndum do 1 de octubro en Catalunya

(Extraído de Viento Sur)

Publicado en As alleas | Etiquetado | Deixar un comentario