Vila Pilar, “a casa das bruxas” (1913)

A vila Pilar actualmente como Casa da Xuventude. Foto F. Padín

A fasquía do Vigo de 1913, reflectía unha urbe inqueda, dinámica e inzada de proxectos. A cidade, que contaba con arredor de 41.000 habitantes, ocupaba daquela a aba do monte do Castro e estendíase pola marxe da ría, e debido ao seu rápido crecemento, estaba en condicións de ser considerada como a máis moderna das cidades de Galicia. Cunha baía estimada das mellores de Europa e un porto con intensa actividade comercial e pesqueira, contaba ademais cunha importante puxanza industrial: salgadoiros, fábricas de conserva, e unha cada vez máis vigorosa construción naval; tamén dispoñía de fabrica de papel, de curtidos e refinería de petróleo. Aberta ao mundo, estaba comunicada con Inglaterra desde 1873 a través do “Cable Inglés” e sumaba, nese tempo, 37 consulados, entre os que estaban a maioría dos estados americanos, incluído EE.UU, e lugares tan afastados como a Turquía otomá ou a mesma Rusia. A parte moderna da cidade estaba formada por espazosas rúas con elegantes edificacións que atraían a atención dos viaxeiros. A cidade contaba así mesmo cunha importante vida social animada por sete asociacións culturais e recreativas; e, segundo a «Guía turística de 1912», publicación editada por “Hijos de Ribadeneyra” a cidade dispoñía de 13 farmacias 15 avogados e 35 médicos. Engadía, ademais, a seguinte relación de servizos e administracións: «Tiene Escuela Superior de Industrias, Escuela Observatorio Meteorológico, Juzgado de primera instancia, Registro de la Propiedad, Cámara de Comercio, Industria y Navegación, Comandancia de Artillería, de Ingenieros, Parque Administrativo de Suministros, Hospital militar y civil, Aduana y Estación Sanitaria de Primera Clase».

Vigo á comezos do século pasado. F. Pacheco

O chalé “El Pilar”, sede da actual Casa da Xuventude do concello de Vigo, é un edificio construído en 1913 polo arquitecto José Franco Montes como vivenda para Camilo Teijeiro Martín. Situado na antiga estrada de Baiona (hoxe rúa López Mora), foi no seu tempo, edificado nunha zona arborada desde onde se podía ver a praia, e formaba parte dun ensanche moderno destinado a albergar vivendas unifamiliares para residencia dos fogares máis acomodadas de Vigo. O encanto deste propósito urbanístico fixo á esta área merecente do apelativo “Cidade-xardín“.

Vila Pilar e a Casa de Rosendo Silva (1900. Pacewicz), a dereita, son os únicos exemplares vivos da desaparecida cidade-xardín de Vigo. (Tomada de Glaucopis nº 23. Foto (A.F.P)

“A casa das bruxas”. Foto F. Padín

A imaxinación popular, capaz de crear mundos quiméricos, foi quen de asignarlle  o nome de “A casa das bruxas” a este edificio, que sumaba méritos abondo para tal escolla: unha mansión agochada tralas árbores e cun tipo de arquitectura en discordancia co resto da que se construía na cidade, pero sobre todo, pola forma cónica dos torreóns que semellaban os chapeus dunhas bruxas, listas para lanzar o seus meigallos ás persoas que se atreveran a mirala.

Pouco despois do pasamento de Camilo Teijeiro (o seu primeiro morador), acontecido o 16 de xullo de 1927, o edificio pasou á mans de Ignacio Fernández Reyes,(1) quen tamén falecería no chalé  en setembro do ano 1938. O inmoble acabou formando parte do patrimonio municipal, trala aprobación en Pleno de 12 de abril de 1984, do convenio entre o concello e a «Inmobiliaria Gallega El Pilar S.L» para a cesión á cidade da finca -incluído o chalé- El Pilar. O concello, recoñecía aos propietarios da parcela cedida, a posibilidade de utilizar o volume non consumido na mencionada parcela en calquera outro solar, aínda que non pertencera ao PERI de López Mora.(2) . Tras unha mínima remodelación, o edificio, por decisión do pleno municipal de 31 de maio de 1985, pasaría a converterse na Casa da Xuventude.(3)

Obtención da licenza

Os documentos gardados nos arquivos municipais son o testemuño das actuacións e funcionamento destas institucións, serven de garantía aos dereitos da cidadanía e, co paso do tempo, convértense en fontes para a historia. Se aceptamos como certas as afirmacións realizadas, habería que catalogar de irresponsables aos gobernos municipais de Vigo, que mantiveron e manteñen na máis absoluta desatención o arquivo municipal que actualmente está instalado nos sotos da Casa Consistorial. Acomodado en dependencias insuficientes, en ruíns condicións, e baixo a xestión de funcionarios municipais sen capacitación técnica para ese quefacer, o “depósito” continúa á espera de espazo digno, recursos técnicos e humanos, e do día no que un arquivista se ocupe da organización, clasificación e descrición da documentación.

Neste sórdido lugar, e dentro dunha carpeta de cartón con peche de cinta negra, encontramos o «Expediente a Camilo Teijeiro para construír finca [sic] en la carretera de Bayona. (c.pl). I.P. José Franco Montes (octubre, 1913)».

O 27 de outubro de 1913, Camilo Teijeiro Martín, do que máis adiante farase un breve apunte biográfico, dirixíase por escrito á Excma. Corporación Municipal de Vigo co seguinte e breve texto:

A la Excema. Corporación Municipal de Vigo
Camilo Teijeiro Martín, vecino de esta ciudad a la Excma. Corporación Municipal expone: que deseando construir en su finca de la carretera de Bayona, una casa, con arreglo a los planos adjuntos.
Suplica a la misma se digne acordar le sea concedido el correspondiente permiso.
                                                                                            Vigo a 27 de octubre 1913
                                                                                                       Camilo Teijeiro

Planos presentados coa solicitude. De esquerda a dereita: Fachada lateral (norte), Fachada Principal (oeste), Fachada lateral (sur)

Como era o máis común naqueles tempos, a tramitación do expediente fíxose con moita dilixencia, de xeito que o 14 de novembro, pasados algo máis de 15 días de efectuada a solicitude, a corporación, presidida polo alcalde Francisco Lago Álvarez(4), en sesión plenaria acordaba a aprobación do informe realizado pola Comisión de obras e, en lóxica correspondencia, concedía a licenza de obra solicitada.

O informe, elaborado pola Comisión, incluía unha serie de compromisos para o promotor, o primeiro referíase ao pago da cantidade de 482,70 pts, correspondente ao importe do arbitrio municipal sobre construcións(5). Subliñábase ademais, en correspondencia co obxectivo de mellora das infraestruturas sanitarias urbanas, a necesidade de instalar retretes con sifón hidráulico con intermedio de interruptor e de sifón; e tamén, loitando contra o rexeitamento da Cámara da Propiedade Urbana, incluíase outra obriga, a de executar a beirarrúa en toda a fronte da finca; debendo ademais construír o cerrume á mesma distancia do eixe da estrada que, o establecido para cerrado da finca estremeira de D. Salustiano García; e coa advertencia de que, unha vez ultimados os traballos, serían recoñecidos polos Facultativos Municipais, a fin de que certificasen se se suxeitaban ou non aos planos presentados; se se cumpriran as condicións de hixiene necesaria e, finalmente, se foran cumpridas as condicións que se indicaban no ditame.

Camilo Teijeiro Martín, o promotor.

Camilo Teijeiro Martín naceu en 1862. Contraeu matrimonio con Pilar Hermida Cameselle, e froito desa unión naceron Camilo, Pilar e Rosa. O 16 de xullo de 1927, tras unha longa enfermidade que no asento do rexistro civil se describía como “debilidade senil,” produciuse o seu pasamento, tiña 65 anos. As dúas cronolóxicas máis elocuentes das publicadas polos xornais glosaban moi sucintamente a súa figura: o xornal El Ideal Gallego(6), destacaba a súa antiga pertenza ao orfeón “La Oliva”, ao tempo que facía referencia a amputación dunha perna, á que recentemente o finado fora sometido; mentres, na cronolóxica do Faro de Vigo, publicada un día despois do seu deceso, o redactor compendiaba desta maneira a súa vida:

                      Era el Sr. Teijeiro una persona conocidísima en esta ciudad, en donde contaba con muchísimas amistades. Dotado de una excelente voz de tenor, fue elemento valiosísimo del orfeón La Oliva, en la época de la creación de esta laureada colectividad y aún en bastantes años de su existencia. Su carácter expansivo y jovial, habíale granjeado sinceras simpatías.
                 En la Aduana de Vigo era muy estimado de sus jefes y compañeros, por su competencia y alboriosidad. Reciban nuestro más sentido pásame su desconsolada viuda, hijos, hijos políticos, hermano y demás familia.

Faro de Vigo 27.07.1927

Non existen, que saibamos, biografías publicadas ás que recorrer para poder referir con maior precisión a vida do Sr. Teijeiro Martín, e tampouco son moi espléndidas as fontes bibliográficas existentes, reducíndose así as posibilidades de acadar contestación a algunhas interrogantes. Quedará, polo tanto, sen resolver unha cuestión que podería ser de maior interese: como un cidadán que, segundo o Faro de Vigo fora nomeado interinamente escribinte da Aduana de Vigo con 24, e que se mantivo como funcionario desta dependencia ata a xubilación(7) , estaría en condicións económicas para enfrontar o custo dunha edificación tan singular e nun lugar tan exclusivo?. Segundo as informacións conseguidas, a única posible explicación acharíase na súa hipotética condición de indiano, que a periodista Magis Iglesias (nada en Vigo), lle asigna no libro «Fuimos nosotras: Las primeras parlamentarias de la democracia». Despois de ter indagado nun variado repertorio de fontes: no portal de arquivos españois (PARES), na Fundación Penzol, nas diferentes publicacións incluídas na Biblioteca dixital de Galicia (Galiciana), no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra e nas Hemerotecas dixitais do Faro de Vigo e da Voz de Galicia, e na mesma Casa da Xuventude, á conxectura da periodista viguesa non foi posible validada.

Parella a actividade profesional como funcionario da Aduana, Camilo Teijeiro Martín, desenvolveu con gran implicación a súa gran afección, a música. Dotado dunha excelente voz de tenor foi elemento de moita valía do orfeón A Oliva desde a súa creación en 1885 e da posterior «Sociedade Coral La Oliva», que co tempo se convertería nun dos clubs culturais e recreativos máis activos da cidade. Ademais da actividade interpretativa, o promotor de Vila Pilar desenvolvería un importante labor na vida orgánica da asociación coral. O 21 de decembro de 1886, coincidindo practicamente co comezo do seu traballo na Aduana, o Faro de Vigo informaba da elección de directiva na sociedade coral que comezaría o seu mandato no ano 87; para a vicepresidencia dun equipo que presidía Francisco Ulloa, resultaría nomeado D. Camilo Teijeiro. Tamén na seguinte xunta de goberno, escollida para rexer o seu destino desde comezo do ano 1889, participaría, pero desta vez, ocupándose das funcións de depositario(8) . No ano 1891 cabe destacar a súa contribución, desde unha das vogalías, na «Comisión Organizadora do Certame Musical» que articulada pola sociedade La Oliva, pretendía potenciar e dar esplendor aos concorridos festexos que, para o desfrute da veciñanza(9) celebrábanse nos veráns na cidade.

Mentres Camilo Teijeiro Martín conseguía, tanto no eido laboral, co recoñecemento ao seu labor na Aduana; como no persoal, dando satisfacción as súas aspiracións artísticas e lúdicas a través, fundamentalmente, da participación no orfeón e na sociedade coral “La Oliva”; na esfera do familiar ía a ter que vivir un autentico drama, a morte prematura do seu fillo de nome homónimo.

Faro de Vigo 28.01.1917

Camilo Teijeiro Hermida nado en Vigo o 28 de febreiro de 1891(10) , mostrouse, na súa corta vida, como un mozo implicado e aplicado nos estudos, e máis tarde, como un prometedor funcionario de Aduanas. Cursou, con gran aproveitamento e recoñecemento, estudos no «Colexio cívico militar María Auxiliadora». O 26 de xuño de 1904, xornal “Faro de Vigo” participaba aos seus lectores os resultados acadados polo alumnado do colexio nas probas realizadas no «Instituto xeral Técnico de Pontevedra» destacando ao alumnado coas mellores cualificacións obtidas, citaba, entre outros, a matricula de honor en matemáticas de 3º curso por parte de xove Camilo Teijeiro Hermida(11). Outra mostra máis da súa competencia académica deuse cando, con 15 anos e sendo aínda alumno do colexio María Auxiliadora, superaba as probas de ingreso no Corpo pericial de Aduanas(12). O mesmo diario, o 30 de setembro de 1908, encargarías de dar a coñecer o seu traslado a Madrid para prepararse para o ingreso no citado corpo.

Rematada a formación, o novo Pericial, obtería o cargo de administrador da Aduana de Pontecesures. Camilo Teijeiro Hermida contaba tan só con 25 anos cando a sombría figura da morte, en forma de fulminante enfermidade, saíu ao seu encontro. O acontecemento causou gran conmoción na cidade e foron abundantes as condolencia recibidas. A necrolóxica publicada polo Faro de Vigo, resaltaba «la gran manifestación de duelo que supuso la conducción del cadáver», poñendo énfase no feito de que o féretro fora conducido a ombros dos seus amigos desde a casa familiar “Villa El Pilar”, a onde volvera a residir tralo inicio da doenza, ata o cemiterio de Pereiró.

José Franco Montes, o arquitecto.

José Franco Montes (1879-1939), naceu en Vigo no seo dunha familia acomodada; a súa nai foi Matilde Domonte, e o seu pai Manuel Franco Franco, contratista de obras e participe na política local como concelleiro. O futuro arquitecto, cursou os estudos de bacharelato no colexio dos xesuítas de Camposancos, en A Guarda, e unha vez finalizadas estas aprendizaxes matriculouse na Academia de Belas Artes de San Fernando(13) en Madrid, titulándose no 1903, cando contaba con 24 anos.

José Franco Montes, comporía familia con Emérita Fernández Díez, con que casaría en setembro de 1915(14). O matrimonio tivo unha filla, Matilde, que chegado o momento, contraería matrimonio co diplomático, político, escritor e poeta Manuel Santiago Thomás de Carranza e de Luque-Romero (marqués de la Sala de Partinico). Emérita deixaría viúvo a José o 10 de xuño de 1936,(15) .

El Pueblo Gallego. 10.07.1937

Co título no peto, o recen graduado volve a súa vila natal, e rapidamente, consegue ocupación en diferentes quefaceres. Ademais do exercicio libre da profesión de arquitecto, montaría o estudio na rúa Duque de La Victoria nº 63,(16), desenvolvería docencia na Escola de Artes Industriais,(17) á que se incorpora en 1904, nomeado polo ministerio de Instrución Pública(18) para impartir a materia de Construcción de Máquinas e Instalacións eléctricas; posteriormente, en 1905 acadaría, por oposición, a praza de profesor de Construcción e Mecánica Xeral. Nese mesmo ano, o concello desígnao arquitecto das obras da periferia da cidade e, un ano despois, o congreso de arquitectos celebrado en Santiago de Compostela elíxeo para ocupar a vicepresidencia da Asociación de Arquitectos de Galicia, entidade constituída por iniciativa do propio congreso. Para a presidencia elixiríase a Siro Borrajo e para a secretaría a Jacobo Estenz(19).

A vinculación profesional de arquitecto e concello resultaría efémera, pronto sería destituído do seu cargo. A orixe do seu cese enmárcase na liorta sostida entre o colectivo de mestres de obras e o de arquitectos. A partir da supresión definitiva da titulación de mestre de obras o 5 de maio de 1871, estes virían limitadas as súas competencias profesionais; podían seguir realizando obra privada, pero quedaba na man dos arquitectos, en exclusiva, o proxecto e a construción dos edificios monumentais. Nesta conxuntura, os arquitectos organízanse e, como antes se dixo, dan vida á Asociación de Arquitectos de Galicia, organismo que nacía co cometido principal de combater a intrusión dos mestres de obras nos concellos. Das situacións existentes, o caso de Jenaro de La Fuente, naquel momento director facultativo das obras municipais en Vigo, era o que concitaba a maior atención do colectivo de arquitectos. A asociación demandou a Jenaro de La Fuente, e como consecuencia, José Franco Montes sería, no mesmo ano 1907 cesado do seu cargo no concello. Pese ás disposicións e sentenzas favorables aos arquitectos, o consistorio vigués mantivo a Jenaro de La Fuente no seu posto ata a súa morte,  acontecida no ano 1922.

Así mesmo, tras un proceso por desacato perdería tamén o posto de profesor na escola de industriais. Das vicisitudes acontecidas naquel tempo, tanto no concello como na escola de Artes, resulta ilustrativa a nota enviada ao Claustro de profesores da escola, por un grupo de exalumnos. Nela, os antigos discentes reclamaban a atención do organismo docente sobre a as consecuencias dunhas verbas pronunciadas nunha sesión do concello de Vigo por Manuel Borrajo Borrajo, tenente de alcalde e vogal da xunta directiva da Escola, pedindo a destitución de José Díaz Casabuena, naquel momento profesor de Física e Química da institución educativa. O grupo de exalumnos, pregáballe ao Claustro, “evitase la repetición de un hecho tan arbitrario y antireglamentario como el que ya ocurrió con el que fué profesor de Mecánica y Construcción general D. José Franco Montes(20) .

Estes contratempos acaecidos nos comezos da súa vida profesional, non minguarían a súa decidida vocación de participación na vida activa da súa cidade. Os datos extraídos de fontes hemerográficas que se van presentando a partir de agora, axudaran a configurar o perfil deste persoeiro que explorou, non só o campo estritamente profesional, senón que mantivo unha folgada presenza, tanto na vida asociativa como na política.

En 1908 colabora na fundación da Cámara da Propiedade Urbana de Vigo; en 1909 sae elixido secretario do Partido Liberal de Vigo; e, en decembro dese mesmo ano, ocupa o cargo de concelleiro de urbanismo tras ser elixido na lista uzarista-liberal(21) no proceso electoral realizado ao albur da lei de agosto de 1907, que fora promovida polo goberno Maura(22). A corporación estaría presidida polo eximio Manuel Diego Santos. Outra iniciativa do coñecido como “Goberno largo de Maura” formulada tamén en 1909, implicaría a un xove Franco Montes na súa faceta social máis reivindicativa. Foi o “Proxecto de Comunicacións Marítimas“, que incluía entre outras medidas, a imposición dun gravame sobre a tonelaxe que os buques satisfarían no porto onde realizasen operacións de tráfico de mercadorías e pasaxeiros. O imposto, que se cuantificaba sobre cada tonelada de rexistro neto, afectaría ás embarcacións de vapor hispanas e estranxeiras en navegación de altura con carga ou pasaxe a bordo. Ao entender dos afectados, este gravame tería moi graves consecuencias, xa que paralizaría o comercio de importación e exportación e afectaría determinadamente ás relacións comerciais con América.

Esta disposición, que concerniría sobre todo aos portos do noroeste español, foi fortemente contestada en Galicia e concitaría a repulsa de todos os sectores prexudicados. Un dos actos de rexeitamento máis destacado foi a convocatoria dun mitin que se celebrou o 10 de xaneiro de 1910 no Teatro Principal da Coruña (actualmente Rosalía de Castro) . Ao acto político concorreron representacións de todas as entidades e gremios cuxa existencia dependía principalmente do movemento marítimo que producían os transatlánticos estranxeiros.

Os representantes de Vigo, organizaron a viaxe a Coruña en forma de caravana automobilística. Entre a numerosa representación asistente, encontrábase o arquitecto José Franco Montes. Na volta a Vigo, a expedición, ao seu paso por Santiago, fixo un alto para visitar a “Porta Santa“. A efeméride quedou inmortalizada pola instantánea tomada polo redactor de Vida Gallega(23) .

Foto na Porta Santa. Vida Gallega. Ano I nº 2. Febreiro 1909 -De esquerda á dereita- Sentados: D. José Curbera, fabricante de conservas; Sr. Rodríguez Bonín, enxeñeiro; D. José Franco, arquitecto; “aldeano anónimo”; Sr. Landín, avogado. De pé: Sr. Solá, director de Vida Gallega; D. Eduaro Posada; Sr. Durán, consignatario e banqueiro; Sr. Posada, avogado e exalcalde de Vigo; Sr. Eijo, canónigo; D. Manuel Diego Santos, concelleiro; D. Francisco Tapias e Julio Curbera, fabricantes de conservas.

En 1916, o arquitecto sumou a súas actividades profesionais unha nova responsabilidade. Con motivo do falecemento de Manuel Felipe Quintana, que ocupaba a praza de arquitecto diocesano, o bispado de Tui, para substituílo, contratou a José Franco Montes. A posición adquirida constituiría unha importante prerrogativa para o arquitecto, xa que a partir dela presentábaselle a oportunidade de realizar obras de carácter relixioso(24) .

Anos despois, José Franco Montes formaría parte da corporación municipal corporativista de Vigo. En 1929, cando a ditadura de Primo de Rivera entraba no seu derradeiro período,  na cidade viguesa íase a dar, a nivel municipal, unha situación con trazos esperpénticos. Vigo vivía unha época de grandes e ilusionadores proxectos, entre eles, a preparación da tan desexada Exposición Internacional de Pesca, prevista para o ano 1935. A cabeza da Corporación municipal encontrábase Mauro Alonso Gimenez Cuenca, membro da Liga de Defensores de Vigo, organización condescendente co primorriverismo e que habitaba o concello desde 1923. O alcalde Mauro Alonso, sabedor de que o período de cohabitación coa ditadura estaba rematado decidiu dimitir do seu cargo. Perante desta situación, o gobernador civil de Pontevedra, dise que a suxestión do presidente da cámara de comercio Tomás Mirambell, considerou resolver a situación a través da formación dunha corporación “corporativista”. Os edís elixiríanse entre  a diversidade institucional, asociativa, sindical, etc., da cidade;  desde a cámara de comercio ata a unión de entidades viguesas, pasando pola federación gremial de patróns, a cámara da propiedade urbana, a asociación de navieiros e consignatarios, a unión de fabricantes de conserva, os colexios profesionais, organizacións recreativas, etc. José Franco Montes, entraría na corporación en representación da cámara da propiedade urbana. O periodista Gerardo González Martín, lembrando este histórico episodio escribía no xornal El Pueblo Gallego o 1 de agosto de 1989, “xusto es decir que, ideologías al margen, proporcionó al Ayuntamiento un buen edil de larga tayectoria, como fué el arquitecto José Franco Montes“.

Formando parte da corporación corporativista presidida por Alfredo Pérez Viondi, Franco Montes foi designado vocal efectivo da renovada Xunta de Goberno da Caixa de Aforros Municipal de Vigo(25). En xuño dese mesmo ano de 1929 o edil Franco Montes, daría mostra dunha actitude de gran dureza, impiedade e clasismo cando, no seo da Comisión Permanente do concello, presenta un voto particular en contra da decisión deste organismo, de: “aumentar los medicamentos que ha de facilitar a los pobres la Beneficiencia Municipal”. (El Pueblo Gallego 13.07.1929)

Un ano despois, novembro de 1930, presenta a renuncia a primeira tenencia de alcaldía que ostentaba alegando incompatibilidades coas súas ocupacións, sendo substituído por Antonio Augusti Montado. Non tardaría moito en recuperar esta responsabilidade, en xaneiro de 1931, e con motivo da reorganización do concello resulta novamente elixido tenente de alcalde. Na votación correspondente acadaría 18 votos sobre 31, os outros dous electos serían: Casiano Méndez con 19 votos e Augusto Viso con 17(26) .

A traxectoria política de Franco Montes foi, cando menos, acomodadiza; pasou de concelleiro liberal, na primeira década do século XX, a participar na corporación corporativista; e, no comezo da “guerra civil”, a proposta do Gobernador Civil, e en representación da Cámara de Propiedade(27), sería designado vogal da xestora da Deputación Provincial. No ano 1938, ocupou a tenencia de alcaldía no concello vigués, chegando a converterse en rexedor en funcións. No mesmo 1938 e, en representación do distrito de Vigo-Tui, volvería a formar parte dunha nova xestora do organismo Provincial, que presidiría o representante do distrito de Caldas-Cambados, Jacobo Rey Daviña (28). (El Pueblo Gallego 04.10.1938).

Volvendo ao percorrido biográfico cronolóxico, lembrar o súa clara toma de  posición trala disolución da “La Compañía de Jesús”, orde relixiosa con implantación no eido educativo da cidade. A esluición da Orde -decreto de 23 de xaneiro de 1932–, xerou un gran descontento nun nidio sector da sociedade viguesa. O 4 de febreiro do mesmo ano presentáronse no colexio, para facerse cargo da finca e dos edificios, o Gobernador Civil da provincia (Manuel Insua Sánchez), o alcalde de Lavadores (José Antela Conde) e o director do Instituto Nacional de Segunda Ensinanza de Vigo (Alejandro Díaz Blanco). Tralo desaloxo, os xesuítas trasladáronse á domicilios particulares de “significadas persoas da localidade”. Tamén, nesta ocasión, o arquitecto tomou partido. Segundo consta no Diario do Colexio, a finais do mes de agosto de 1931 unha comisión de exalumnos –Javier Navarrete, José Franco Montes, Mauro Alonso, Victoriano Ballesteros, etc.– viaxou a Madrid para “pedir al Presidente del Consejo de Ministros en favor de los religiosos, amenazados con expulsión y confiscación de bienes, según el proyecto de Constitución”. Tamén, a Asociación de Pais de Familia, á que pertencía o arquitecto, dirixiu varias instancias ao Goberno para protestar pola disolución decretada e para solicitar que non se interrompera a vida escolar no colexio

A sublevación militar de xullo de 1936, trouxo á cidade episodios horrendos como o vivido na Porta do Sol cando o capitán Carrero ordenou disparar a queimarroupa sobre a multitude congregada. Hai 25 vítimas documentadas nos rexistros civís, as primeiras da contenda en Galicia. Pero ademais iríase creando un contexto represivo onde se desenvolverían todo tipo de arbitrariedades, entre elas, a extorsión organizada a través das “Suscripciones Patrióticas”.

A necesidade de obter medios económicos e sobre todo de ouro, fixo que La Junta de Defensa Nacional o 19 de agosto de 1936 interviñera centralizando a captación de recursos, o que se fixo a través da emisión da correspondente orde. Esta disposición supuxo o comezo da “Suscripción Nacional”. Habilitáronse tres contas correntes, unha para a subscrición en metálico, outra para a subscrición en ouro e a terceira para cuantificar os donativos dos empregados públicos. A poboación, que xa estaba familiarizada coas subscricións para atender situacións extraordinarias da máis diversa índole, viuse afectada agora polas coaccións, propaganda e a febre colaboracionista, articuladas desde o bando sublevado, coa perversa finalidade de desatar unha competición entre as persoas, vilas e provincias, para ver quen proporcionaba máis cantidade de ouro, xoias, diñeiro, alimentos, etc.

Moi pronto estas prácticas plasmáronse en realidade na cidade viguesa. O diario  local El Pueblo Gallego de 18 de agosto de 1936, publica unha primeira listaxe da “Suscripción nacional de oro y alhajas con destino al tesoro público” postulación promovida pola “Junta Nacional de Burgos”.  Segundo o diario local, José Franco Montes, doa, no local da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, un peso aproximado en xoias de 200 g, cantidade só superada na relación pola realizada por Estanislao Durán.

O 11 de setembro, o mesmo diario publica a lista de doantes á subscrición aberta nos locais da Cámara da Propiedade, pola contía de 1 peseta, para regalar as insignias da medalla de Vigo a Felipe Sánchez, comandante militar da praza; onde de novo, volve a figurar o nome do arquitecto. O 17 de setembro, tamén no Pueblo Gallego, volve a amosarse nunha nova listaxe, desta vez, aberta para conseguir recursos económicos para o “Comité Local Pro-Abastecimiento del Ejercito”. Nesta oportunidade o arquitecto colabora coa importante cifra de 500 ptas, a terceira máis importante das doazóns relacionadas.

Maqueta Plan Palacios

No mes de marzo de 1937, o seu nome volve a saír nos medios escritos. O xornal La Voz de Galicia do día 2 do mesmo mes, difundía a resolución do Tribunal Provincial do Contencioso Administrativo, pola que se ditaba sentenza sobre o recurso interposto contra o acordo do concello de Vigo de 26 de xaneiro de 1931, a través do cal, prestárase aprobación ao Proxecto de Ensanche, Extensión e Reforma interior da cidade de Vigo, redactado polo arquitecto Antonio Palacios. O Tribunal revocaba o acordo e suspendía a súa execución. O recurso presentado fora subscrito, entre outras persoas, por José Franco Montes, que actuaba en representación da Cámara da Propiedade Urbana(29). A Cámara, era clara na argumentación presentada no recurso contra o “Plan Palacios”, queríase evitar, dicía: “Los perjuicios que a los propietarios de solares les irroga el proyecto aprobado“.

Lamentar, que ata a actualidade, ningunha das corporacións municipais habidas se interesase pola recuperación da memoria deste ambicioso proxecto urbanístico. A modo de recoñecemento, e como mostra de sensibilidade pola historia da cidade, botase de menos algunha iniciativa que rescatase e dera relevancia a un deseño urbano que quedou en intento por mor dunha contumaz oposición empeñada na defensa dos intereses privados.

B.O.E 12.07.1938

O 9 de xuño de 1938, o Ministerio de Educación Nacional, nomea a Franco Montes, presidente do Patronato local de Formación Profesional de Vigo(30). En febreiro dese mesmo ano volve a mostrar o seu achegamento á nova administración municipal; agora, coa cesión gratuíta duns terreos na rúa García Barbón. Estes terreos, estiveran en litixio con anteriores corporacións, e sobre eles, o arquitecto obtivera varias sentenzas a favor emitidas polos tribunais. Á petición da alcaldía, “y guiado solamente por su amor a Vigo“, segundo se lía na nota emitida polo consistorio e publicada o 5 de febreiro de 1938 no diario El Pueblo Gallego, “ha cedido gratuitamente esos terrenos, que importan unha elevada cantidad, a benficio del pueblo, para que el ayuntamiento pueda completar la acera en la parte comprendida entre la calle Oporto y la de Canceleiro“. A corporación non democrática, aproveitaría a ocasión para extraer unha importante ensinanza-guía para orientar similares situacións de futuro, facíao nestes termos:

Al agradecer públicamente al señor Franco Montes su hermoso rasgo, y tener la satisfacción de comunicar esta grata noticia, es mi deseo recalcar su importancia en lo que atañe a la orientación futura a seguir, en cuestiones en las que puedan rozarse los intereses del Municipio y de los vecinos, y que deben resolverse siempre dentro de la mejor armonía
¡Arriba España:
Vigo, 4 de febrero de 1938. II Año Triunfal.

Pouco despois de rematada a guerra provocada polo golpe de Estado do 36, morre José Franco Montes.

Era o 31 de xullo de 1939, e o arquitecto contaba con 60 anos. Sería soterrado o 1 de agosto no mausoleo familiar do cemiterio de Pereiro. A necrolóxica do xornal Faro de Vigo, publicada o día 2(31) , dicía así:

En la tarde de ayer tuvo lugar la conducción al cementerio de Pereiró, del cadáver del arquitecto don José Franco Montes, distinguido convecino nuestro. El acto del sepelio constituyó una gran manifestación de duelo, figurando en la fúnebre comitiva numerosas personas de todas las clases sociales que quisieron rendir el postrero tributo de respeto y cariño al que en vida fué modelo de caballeros y amigos.
Presidían el duelo don Argimiro Martínez, párroco de Santiago el Mayor; el Comandante Militar de la Plaza, teniente coronel don Felipe Sánchez, y el Alcaide de Vigo don. Estanislao Durán Gómez. El duelo familiar lo integraban los sobrinos del finado, don Manuel y don Jesús Martínez Franco; Ilmos señores Ángulo, Suárez y Rivera: don Ignacio Fernández y don Daniel Alba.
También asistieron nutridas representaciones de la Diputación Provincial, Escuela Elemental del Trabajo. Patronato de Formación Profesional, Colegio de Arquitectos, Cámara de la Propiedad y Asociación de Antiguos Alumnos del Colegio del Apóstol Santiago.
Descanse en paz el inolvidable amigo y a su desconsolada hija doña Matilde Franco Fernán-Diez y demás familia, reiteramos la expresión de sentida v sincera condolencia.”

A súa obra desenvólvese desde 1904 ata o final da súa vida. Na primeira etapa creativa mostra un carácter renovador introducindo un modernismo ecléctico que acolle influencias da sezessión vienesa e da arquitectura pintoresca; para, máis adiante, adoptar unha liña máis convencional executando un renovado eclecticismo, e na parte final da súa vida profesional, seguir unha tendencia de carácter máis sobrio e clasicista. Entre os seus proxectos destacan:

casa de vivendas para D. Ramón Posada na Avda de García Barbón nº 42 en Vigo (1904); o dificio para Francisco Prado Angones no paseo de Alfonso XII nº 31 en Vigo (1908); o edificio para o concello da Estrada, (1908-1916); a casa de vivendas para Joaquín Pérez Boullosa na Praza de Compostela nº 24 en Vigo (1910); a vivenda para José Cotos de Casas Reais nº 19 (1913) e na casa para Manuel González na rúa Caldeirería en Santiago de Compostela (1913); o chalé “Vila Pilar” para Camilo Teijeiro Martín en rúa López Mora nº 31 en Vigo (1913); a Igrexa de Santa Cristina da Ramallosa en Baiona (Pontevedra) (1917); o inmoble da rúa Oporto nº 7 en Vigo (1919); edificio para os irmáns Suárez no ángulo das rúas Montero Ríos e García Olloqui en Vigo (1920); a residencia de “Las Siervas de Jesús” na rúa Urzaiz nº 60 en Vigo (1921); o edificio de Ángel Senra en Vigo con fachadas ás rúas Policarpo Sanz, 6 e Príncipe, 3 (1922); o edificio de la calle López de Neira nº 36 en Vigo (1924); o inmoble da rúa Pracer Alto nº 41 en Vigo, (1925),o Colegio Apóstol Santiago Xesuítas na rúa Sanjurjo Badía en Vigo, (1926)

Características do edificio

Vista desde o ángulo norte-oeste. Foto F. Padín

Unha “vila” é un concepto de vivenda residencial edificada no campo e pensada para o goce e descanso do seus promotores. Ideada polos patricios romanos, o seu propósito sigue vixente na actualidade. Asociada á cultura da cidade, a vila, prosperou sobre todo naqueles períodos de maior desenvolvemento metropolitano, tal como acontecía no Vigo do primeiro terzo do século XX.

As vilas suburbanas construídas nos ensanche-xardín a partir do século XIX foron concibidas polos arquitectos a partir, fundamentalmente, de dúas tipoloxías modelo: a vila clásica de tradición romana, e a casa rural de orixe inglés “cottage” ou suízo “chalet”; pero con idependencia da referencia, hai un común compartido na liña da arquitectura Pintoresca(32): a verticalidade, remarcada pola utilización de piñóns; a fantasía e irregularidade da silueta; a utilización intensiva da policromía; a esaxeración dos saíntes e de todos os elementos que favorecen as vistas (terrazas, “bow-windows”, balcóns, varandas, galerías, etc); pero, sobre todo, pola cuestión do emprazamento; o edificio situado nun vasto escenario paisaxista e cunha gran variedade de vistas.

O chalé Pilar é un exemplo expresivo da tipoloxía «vila suburbana», e xurdiu da habelencia de José Franco Montes, quen xa nos anos de estudo en Madrid tomara contacto con variadas revistas europeas as que, con gran repercusión, difundían proxectos de tipoloxía alpina. Segundo a publicación “A propósito de Villa Pilar, unha aproximación ao cottage suízo“, á revista «Der Architeht» (Viena), que era pródiga na divulgación de proxectos de vivendas exentas en estilo suízo, chegaba regularmente, ás mans do arquitecto.

Na coñecida popularmente como «a casa da bruxas» o pintoresco mesturouse co modernista, e no seu deseño o arquitecto incorporou referencias goticístas e neomedievalistas, estilos de gran aceptación nas sociedades europeas dese tempo; e en menor medida, anexou elementos ornamentais barrocos e rococós.

Os corpos torreados rematados en agudos chapiteis, forman parte importante na definición plástica do edificio. A torre voada amosa unha fermosa galería de tipo «oriel-window» inglés, mentres que na máis alta o arquitecto sitúa sobre a pronunciada cuberta unhas orixinais bufardas que actúan como miradoiros elevados coa típica cubrición pintoresca de finxida estrutura substentadora de madeira, rematándose o conxunto cun agudo chapitel.

En relación coa decoración exterior decer que os paramentos externos, construídos en cachotería recebada foron, posteriormente, pintados de cor ocre, agás as bandas lisas que enmarcan os vans, que se colorearon en marrón. O soportal, reúne variados elementos ornamentais de carácter ecléctico, destacando o gusto rococó dos capiteis e a decoración modernista das faixas que abrazan os fustes das columnas. A subliñar tamén a decoración do banco en esquina, situado na aresta norte da fachada oeste, consistente en teselas de azulexo con motivos heráldicos(33).

 

Na ornamentación das fachadas e mobiliario do xardín é profusa na utilización de mosaicos de azulexo. O azulexo, recurso decorativo arquitectónico, que afunde as súas raizames nos imperios mesopotámicos, e que posteriormente se nutriu das técnicas e aplicacións do mundo islámico, foi rescatado e case normalizado en moitos proxectos urbanos durante o século XIX, moi especialmente en Portugal e España.

O inmoble mantense hoxe sen alteracións, agás unha remodelación interior, feita no ano 1981 e destinada a albergar as dependencias da Casa da Xuventude (salón ce actos, diversos obradoiros, o servizo de documentación e publicacións, etc). A contorna, pola contra, sucumbiu ao ataque especulativo que sufriu unha zona na que convivían variados exemplos de vivendas residenciais de todas as tendencias: neomedieval, ecléctica, pintoresca, e rexionalista.

En España, a casa de campo de estilo suízo tivo unha presenza considerable e influíu apreciablemente nos rexionalismos vasco e montañés. Un expoñente certo é a obra de Leonardo Rucabado «chalé de Dª Nicolasa Martinez de las Ribas» (1908) situado na rúa Gregorio Revilla no barrio bilbaíno de Indauchu, edificación da que se conservan fotografías da época e documentos relativos á solicitude que no seu tempo se fixo ao concello de Bilbao para levar a cabo a súa construción. Tendo en conta as obvias coincidencias de trazos e detalles de ambas obras, e considerando que o proxecto de Franco está asinado en 1913 e o de Rucabado en 1906, cando este era xa un arquitecto moi coñecido, é razoable pensar que, ou ben o vigués inspirouse na obra do santanderino, ou que ambos tomaron como referencia  a mesma obra de estilo suízo.

REFERENCIAS

(1) Natural de Villavellid del oro/Valladolid (El Pueblo Gallego -1938 septiembre 28), o novo propietario, foi persoa destacada na vida política, social e económica dese tempo na cidade; entre outras actividades foi concelleiro corporativista durante a ditadura de Primo de Rivera; e, membro destacado da Cámara da Propiedade Urbana, para a que foi elixido en novembro de 1927, nunha das periódicas renovacións regulamentarias. (El Pueblo Gallego-1927 noviembre 15)
(2) La Voz de Galicia, venres, 13 de abril de 1984
(3) La Voz de Galicia, sábado, 1 de xuño de 1985
(4) Francisco Lago Álvarez, foi un empresario e político galego. Seguidor de Ángel Urzáiz. Foi elixido concelleiro en Vigo en 1911 formando parte da Candidatura popular. Foi alcalde da cidade de 1913 a 1916 e volveu ser alcalde de 1918 a 1920. Despois continuou como concelleiro e foi presidenta da Xunta de Obras do Porto en 1922. Presidente da Cámara da Propiedade Urbana (1923-1927). Foi deputado provincial en 1930. Nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931 que significaron a proclamación da Segunda República, foi candidato monárquico, sendo elixido concelleiro.
(5) Copropietario xunto ao seu irmán da tenda de ultramarinos “España y sus colonias”, situada no número 32 da rúa Príncipe. Interpuxo recurso de alzada contra o acordo do concello que lle esixía o pago do arbitrio por ter edificado unha casa nas aforas da cidade de Vigo
(6) El Ideal Gallego 1927 julio 1
(7) O 9 de febreiro de 1886, o diario local El Faro de Vigo, daba a coñecer o seu nomeamento como escribinte interino desta oficina pública gobernamental. A confirmación do destino produciríase en xullo de 1886 (El Eco de Galicia: diario de la tarde: Num. 73 (28/07/1886) ). Nesta angueira manteríase ata a súa xubilación, a que acadaría coa categoría de oficial primeiro.
(8) (Faro de Vigo . 1888.12.28).
(9) (Faro de Vigo. 1891.02.25)
(10) (Faro de Vigo. 1891.03.01).
(11) (Faro de Vigo. 1904.06.26).
(12) (Faro de Vigo. 1906.07.05)
(13) A “Real Academia de Bellas Artes de San Fernando”, coa chegada da Iª República, redactáronse e aprobáronse novos estatutos (12 decembro 1873) e, a partir dese momento coñeceríase como Academia de Bellas Artes San Fernando, e dicir, desaparecía o título de real, pero seguía mantendo o padroado do santo rei. (https://realacademiabellasartessanfernando.com/es/academia/historia)
(14) La boda se celebro en la magnífica quinta “Villa aquilina” que la familia de la novia tiene en Lavadores y en la cual pasaron la luna de miel los contrayentes. Fueron padrinos doña Enriqueta Franco, hermana del novio y don Francisco Fernández Diez hermano de la novia. Por parte de ella actuaron de testigos D. José Pastoriza y D. Abelardo González y por parte de el D. Manuel Martinez y D. Roberto González Pastoriza. A causa del luto de la desposada, la ceremonia se celebro en familia. (El Diario de Pontevedra: periódico liberal: Año XXXII Número 9424 – 1915 septiembre 24)
(15) Vida Gallega : ilustración regional: Año XXVIII Número 669 – 1936 junio 30 LOS QUE MUEREN: Emérita Fernández Díez, esposa del arquitecto José Franco Montes
(16) Actual García Barbón, e anteriormente a 1868 -La Gloriosa- Circunvalación
(17) A Escola de Artes e Industrias de Vigo, foi creada por Real Decreto asinado pola raíña rexente María Cristina o 25 de xaneiro de 1901, aínda que o primeiro antecedente de estudos industriais na cidade viguesa remóntase ao ano 1886, coa fundación da Escola de Artes e Oficios. Tivo como primeiro director a Ramón Gasset Chinchilla (tío del filósofo), e no acto de inauguración impartiu unha conferencia o periodista e ensaísta do 98, Ramiro de Maeztu, anos antes de que o seu pensamento fixera crise e evolucionara cara posicións de conservadorismo extremo antiliberal, antidemocrático e antimarxista.
(18) (La Voz de Galicia, 27 de xaneiro de 1904)
(19) (La Voz de Galicia, 21 de novembro de 1906)
(20) (Faro de Vigo Venres 15 de Julio de 1910)
(21) Triunfante sobre candidatura republicana-socialista, no proceso electoral realizado ao albur da nova lei de agosto de 1907  (25).
(22) Desde a Lei municipal de 1877 as eleccións municipais celebrábanse cada dous anos e, en cada convocatoria renovábase a metade dos concelleiros que exercían o seu cargo por catro anos. Para poder votar era necesario der varón e ter máis de 25 anos. A nova lei de agosto de 1907, impulsada polo goberno conservador de Maura, presentábase como un instrumento rexenerador da vida política, e ao mesmo tempo, útil para seguir mantendo o dominio político dos partidos sustentadores do réxime monárquico. Os cambios engadidos non alteraron no substancial o a situación anterior,  pero a lei introducía apreciábeis novidades: impoñíase por primeira vez o sufraxio obrigatorio, establecéndose penas para os que non cumprisen; endurecíanse as condicións para ser candidato; e se establecía un sistema automático de elección naqueles distritos nos que se presentase un número de candidatos igual ou inferior ao número de postos a elixir, o que abría unha fenda suculenta para os manexos da oligarquía dominante. (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2016/06/27/primeras-elecciones-voto-obligatorio/0003_201606H27C4994.htm)
(23) Vida Gallega: Año I Número 2 – 1909 febreiro.
(24) Igrexa parroquial de Santa Cristina de A Ramallosa (1917) doada polo matrimonio de próceres Julián Valverde e Victoria Cadaval; o edificio e igrexa das “Siervas de Jesús” (1924) na rúa Urzaiz e o colexio dos xesuítas en Bellavista, (1924)
(25) El Pueblo Gallego: rotativo de la mañana: Año VI Número 1627 – 1929 maio 10.
(26) El Pueblo Gallego: rotativo de la mañana: Año VIII Número 2128 – 1931 xaneiro 29.
(27) El Pueblo Gallego : rotativo de la mañana: Año XIII Número 4154 – 1936 decembro 13
(28) Educouse na escola de seu pai en Compostela. Foi socio-xerente de Hijos de Simeón García en Vilagarcía de Arousa, e en 1927, durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera, foi nomeado delegado provincial en Pontevedra do Monopolio de Petróleos. Deputado provincial en representación da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vilagarcía de Arousa, foi presidente da Deputación de Pontevedra entre o 7 de outubro de 1938 e o 9 agosto de 1939, en plena guerra civil. Foi alcalde de Vilagarcía de Arousa, na ditadura franquista, de febreiro de 1952 ao 1 de xullo de 1965. En 1970 concedéuselle a Medalla ao Mérito no Traballo.[3] (https://gl.wikipedia.org/wiki/Jacobo_Rey_Davi%C3%B1a)
(29) Entidade privada, nacida a principios do século vinte para amparar, defender, fomentar e representar os intereses xerais dos propietarios.
(30) Boletín Oficial del Estado nº 599 de 12 de xuño de 1938.
(31) Nese mesmo día toma posesión como alcalde Estanislao Durán Gómez en substitución do dimitido Luis Suarez LLanos Menacho.
(32) Pintoresquismo: termo acuñado a finais do século VIII e principios do XIX (Nokolaus Prvner. Lo pintoresco en la Arquitectutra). Arquitectura pintoresquista: aquela que non bota man de linguaxes figurativos xa determinados. O pintoresquismo propón unha arquitectura que se presenta como unha reacción ou unha alternativa a prácticas de produción establecidas de maneira hexemónica. Pero, na súa orixe, o pintoresquismo aplicado á arquitectura tamén implica unha determinada relación do edifico respecto da paisaje; ou sexa, da natureza circundante tratada polo home dunha forma especial. Condición que se foi relativizando ao longo do tempo e deixou de ser determinante da condición pintoresca, xa que durante o século XX, son moitos os edificios que, presentando características específicas desta corrente, tieñen un emprazamento urbano en lotes cuxo ancho obstaculiza a posibilidade de incluir un tratamento paisaxístico particular. (Carlos Gustavo Giménez. 1941 Pintoresquismo y modernida locales…)
(33) O escudo está inspirado no dos Reis Católicos, conta coa aguia de San Xoán como soporte pero coa cabeza orientada cara á dereita, e no que están representadas, coas cores cambiadas, as seguintes armas:
– as de Castela; de gules -vermello-, e un castelo de ouro, ameado de tres ameas, con tres homenaxes, o do medio maior e cada homenaxe tamén con tres ameas, mamposteado -represéntase a separación da pedras- de sable -negro-; e aclarado -vans- ,de azur -azul-,
– as de León; de prata e un león de púrpura, coroado de ouro, lenguado e armado -cor das uñas- de gules;
– ás de Aragón; sobre campo de ouro, catro paus “gules” iguais entre sí.
– ás das Dúas Sicilias partido e franqueado; xefe (parte central vertical superior ) e puntas (parte central vertical inferior) de ouro; e catro paus de “gules”; flancos (destra e sinistra), de prata e unha aguia de sable -negro-, coroada de ouro, picada -pico con distinto esmalte que o corpo- e membrada -as patas con distinto esmalte do corpo- de gules.
– e finalmente, o emblema do reino de Granada de prata, é unha granada ao natural, rajada (deixa ver o seu interior) de “gules”, tallada -talo da flor – e hojada de dúas follas de sinople -cor verde intensa-.
Acompañan ao escudo as divisas: o xugo, o nó gordiano e o lema persoal de Fernando, “Tanto monta” abreviación de “tanto monta cortar como desatar”, é dicir “dá igual como se faga, o importante é que se consiga”; o feixe de frechas de Isabel; e por ultimo, as iniciais dos nomes dos reis católicos F e Y.

BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA

          1. ARQUIVO E HEMEROTECA MUNICIPAL DE VIGO. Expediente formado a instancia de D. Camilo Teijeiro Martín, pedindo licenza para edificar unha casa no se solar situado na estrada de Baiona I. P. Arq. José Franco Montes, outubro de 1913.
          2. MAGIS IGLESIAS. Fuimos nosotras . Las primeras parlamentarias de la democracia. Debate-House Grupo Editorial.
          3. HEMEROTECA A.B.C. domingo 19 de xaneiro de 1909. Edición 1ª pax.12. El Mitín de La Coruña.
          4. EL IMPARCIAL 8 de marzo de 1909: Impuesto de tonelaje. Buscando La Solución.
          5. EDUARDO ROLLAND. Un siglo para el chalé El Pilar. La Voz de Galicia 01.12.2013 (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2013/12/01/siglo-chale-pilar/0003_201312V1C8991.htm)
          6. MARÍA JESÚS FERNÁNDEZ BASCUAS. A casa consistorial da Estrada (Pontevedra), Obra sobranceira de José Franco Montes. A Estrada Miscelanea Histórica e cultural Num. 5 (2002)
          7. GACETA DE MADRID. 17 xuño 1909. Num.166. pax.168. Ministerio de Fomento. Lei sobre comunicacións marítimas.
          8. EL DEFENSOR DEL CONTRIBUYENTE. Contra el impuesto de tonelaje. Año VIII. Madrid 20 de enero de 1909. Num. 251. pax.1. (Biblioteca Nacional de España).
          9. JESÚS ÁNGEL SÁNCHEZ GARCÍA. Los maestros de obras en Galicia durante el siglo XIX. Actividad y conflictos legales. Actas del Tercer Congreso Nacional de Historia de la Construcción, Sevilla, 26-28 octubre 2000, eds. A. Graciani, S. Huerta, E. Rabasa, M. Tabales, Madrid: I. Juan de Herrera, SEdHC, U. Sevilla, Junta Andalucía, COAAT Granada, CEHOPU, 2000.
          10. FRANCISCO J. ARENAS CABELLO. La titulación de Aparejador. Evolución Histórica de sus atribuciones profesionales: Desde el Decreto Luján de 1885 hasta la Ley 38/1999 de Ordenación de la Edificación. Boletín de la Facultada de Derecho, num 26, 2005.
          11. IGLESIAS ROUCO, LENA SALADINA-GARRIDO RODRIGUEZ, JAIME. Vigo. Arquitectura Modernista 1900-1920. ISBN: 978-84-85665-03-7
          12. ANNE ZABALLA. Los palacetes olvidados de Bilbao. https://static1.squarespace.com/static/54f886f6e4b0e9aec8275c0d/t/59f8b7cdc830252d97f2b2ee/1509472236792/El+Ensanche+de+Bilbao+y+los+palacios+olvidados+del+barrio+de+Indautxu+%281915%29.pdf
          13. SACAR PARDO, J. “A propósito de Villa Pilar: una aproximación cottage suízo”. Museo de Pontevedra, vol. XLI, 1987, pp.
          14. PEDRO NAVASCUÉS. Historia de la Real Academia de Bellas Artes San Fernando. https://realacademiabellasartessanfernando.com/es/academia/historia.
          15. CARLOS GUSTAVO GIMÉNEZ. 1941: Pintoresquismo y mdernidad locales. La aparición de la custión en textos de Alberto Prebisch y Alejo Martínez. http://www.iaa.fadu.uba.ar/publicaciones/critica/0203.pdf
          16. NIKOLAUS PRVNER. Lo pintoresco en la arquitectura. Por el doctor Nikolaus Pevsner-leído ante el Royal Institute of British Architects, 25 de noviembre de 1947
Estas entrada foi publicada en Casas de Vigo coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s