Casa de Bernardo Rodríguez López

vista-xeral-2O 8 de outubro de 1892, o Faro de Vigo informaba aos seus lectores que, con motivo do IV centenario do “Descubrimento” de América, o concello viña de aprobar a moción presentada por un grupo de concelleiros, que pedían, se perpetuase nunha das rúas da cidade o nome de Cristóbal Colón. O vial do Ramal, que comunicaba o porto coa estrada de Madrid, foi a a elixida para a adxudicación, e a fachada da casa do importante comerciante vigués, Bernardo Rodríguez López, a seleccionada para colocar a lápida conmemorativa.

O día 10, un Bando da Alcaldía sinalaba que, «declarado Fiesta Nacional el día 12, en conmemoración del cuarto centenario del descubrimiento de América, se invita al vecindario a la celebración». A festa ía consistir, nun paseo nocturno na propia rúa do Ramal e na colocación da placa. A sociedade “La Oliva”, abriu unha subscrición entre os veciños, co fin de destinar os fondos obtidos a custear a “iluminación á veneciana”(0) do vial, e ofreceu a súa sociedade coral e a rondalla para amenizar o habitual paseo dos festivos. A pesar do mal tempo a concorrencia foi tan numerosa que enchía por completo a cumprida rúa do Ramal.

A coñecida como “casa de Bernardo Rodríguez”, proxecto de 1883 do mestre de obras Genaro de La Fuente Domínguez(1) , é un edificio de tres andares, situado na esquina das rúas Colón e Príncipe, que ten como característica máis destacada, que a fachada principal está constituída por un gran chafrán(2) , rematado con sendas ochavas nas súas arestas. No primeiro e segundo andar de cada unha destas ochavas, sitúanse sendas galerías-miradoiro de ferro forxado(3) , e no andar baixo dous vans (o da esquerda, unha porta e o da dereita, unha fiestra). A fachada principal (o gran chafrán), está dividida en tres corpos. O corpo central, almofadado(4) no andar baixo, está, no primeiro e segundo andar, enmarcado por pilastras xónicas(5) acaroadas; na parte alta ten un reloxo rodeado de orlas e grilandas(6) , e flanqueado por dous vasos sobre pedestais a cada lado.

Plano de Genaro de La Fuente

Plano de Genaro de La Fuente

A fachada da rúa Príncipe, construída en dúas fases, articúlase a través dun corpo central rematado en arco e repetindo o mesmo esquema compositivo a cada lado. O proxecto de Genaro de La Fuente abranguía a fachada ao Ramal e o primeiro número da rúa Príncipe.

Posteriormente, o 31 de agosto de 1887, Bernardo Rodríguez presentou no concello un proxecto de ampliación da vivenda que incluía un plano asinado o 3 de outubro de 1886 por Alejandro Rodríguez Sesmero. A parte nova a construír, acaroaríase ao edificio xa construído en Príncipe, formando así un conxunto que seguía un deseño practicamente igual ao de Genaro de La Fuente._fpo1200A ornamentación do edificio, céntrase nos linteis(7), falsas claves(8) , ménsulas(9) e nas zonas intercaladas entre os vans(10) . Só no corpo central da fachada que da a rúa Príncipe, rematado cunha cornixa en forma de arco, pódese apreciar a sinatura decorativa de Sesmero. Trátase dunha moldura (moi repetida na súa obra), que se sitúa na clave do arco. Aínda que o traballo de cantaría foi moi refinado, o aspecto actual da pedra deixa ver as pegadas da erosión acumulada co paso do tempo.

A moldura sobre a clave

A moldura sobre a clave

Actualmente o edificio mantense bastante fiel ao proxecto orixinal, a non ser pola supresión das iniciais do propietario B.R., situadas no corpo central do peitoril da fachada que da á rúa Colón, que foron substituídas polo reloxo; e sobre todo, polo inadecuado engadido da cuberta instalado para situar o nome do Banco que ocupa actualmente o andar baixo da edificación. A parte da fachada que dá a rúa de Príncipe debida a Sesmero foi reformada no seu andar baixo, perdendo os vans orixinais.

A tramitación da licenza de obra

instancia-30-01-1884lina-e-rasanteA solicitude de licenza, dirixida ao alcalde presidente da corporación viguesa, que naquel momento ostentaba Jacobo Domínguez Iglesias, foi presentada o 30 de xaneiro de 1884 por Bernardo Rodríguez López, que se presentaba como, «empadronado en esta ciudad con cédula personal(11) de octava clase nº 3695 y propietario de la parcela donde quería edificar». A instancia ía acompañada dos planos, asinados o 8 de setembro de 1883 por Genaro de la Fuente y Domínguez, e do correspondente orzamento. Con anterioridade (xuño próximo pasado), o concello á demanda do promotor, concedera permiso para realizar a cimentación da parcela, e indicara ao arquitecto municipal, Domingo Esteban Rodríguez Sesmero, que fixara as correspondentes liña e rasante.

orzamento

O 5 de febreiro, a comisión de Obras; coñecedora da instancia presentada e dos planos aos que o promotor prometía suxeitar a edificación, informaba favorablemente á concesión da licenza pero, en relación co orzamento, expresaba a súa desconformidade nos seguintes termos, «Respecto al presupuesto de la obra la comisión no puede estar conforme con el presupuesto presentado, por lo que, asesorada de su facultativo, considera que en atención á la magnitud del edificio y á la riqueza de la ornamentación de sus fachadas, que éste no bajará de setenta mil pesetas». A corporación municipal, unha vez visto e discutido o informe facultativo, resolvía conceder a licenza para construír a casa conforme ao plano, e establecía como orzamento provisional a cantidade de cincuenta e cinco mil pesetas, das que, o promotor, ingresaría na caixa do Concello o un por cento. A modificación orzamentaria non foi ben acollida polo peticionario, quen, en escrito de 4 de marzo dirixido ao Alcalde, dicía literalmente:

      «y como hubiese visto con mucho disgusto que dicho presupuesto se aprueba por la cantidad de 55.000 pesetas en vez de las 25.000 que tenía consignadas, recurre a V.E y

      Suplica, se sirva acordar se le rebaje de la cantidad estipulada por V.E, lo que sería justo en conciencia, toda vez por ser excesiva no puede en manera alguna conformarse el peticionario. Gracia que por ser de justicia se promete alcanzar de V.E.»

En sesión celebrada o 9 de marzo, a corporación rexeitaba realizar a rebaixa da contía fixada; por considerar fundado o acordo de 6 de febreiro e confirmaba que o reclamante debería satisfacer o un por cento daquela cantidade; engadindo a continuación: «…á reserva de que, después de concluir la obra, el arquitecto municipal la revise para convenir su verdadero valor y a fin de que, si su valor fuese inferior a cincuenta y cinco mil pesetas, se devuelva a Rodríguez el exceso de ingreso realizado, y si excediera de aquella cantidad, que satisfaga la diferencia». Con esta manifestación, poñíase punto final ao litixio, dando comezo as obras de edificación.

A xestión da licencia, os tramites preparativos da edificación e boa parte do proceso construtivo levouse a cabo nunha cidade que comezaba a preocuparse moi fondamente por atender as necesidades máis inmediatas da súa veciñanza. O grande pulo que a urbe estaba acadando tanto no eido industrial, comercial e urbanístico; combinado cun importante incremento demográfico, producía un progresivo aumento da demanda de servizos sanitarios, educativos, etc; de complicada atención por parte das institucións públicas locais. No ámbito político vivíase tamén tempos de cambio, por primeira vez durante a Restauración, as forzas progresistas desaloxaban aos conservadores da cadeira da alcaldía. Todo isto acontecía nuns tempos de esgotamento do antigo réxime; as colonias de ultramar, loitando pola súa independencia, deixaban de ser fonte de riqueza, tornándose en consumidores de recursos da metrópole, tanto humanos como económicos. Achegábase o momento da perda deste imperio ultramarino e ía comezando o decline dunha “idea” de España que se fora forxando desde finais da Idade Media.

JACOBO DOMÍNGUEZ IGLESIAS

Chegaba a alcaldía de Vigo, Jacobo Domínguez Iglesias, membro do partido demócrata. Presentárase ás eleccións nunha coalición que agrupaba a súa formación e ao partido Constitucional, conseguindo entre as dúas formacións, superar, en dous concelleiros, ao partido conservador de Cánovas del Castillo e José Elduayen. Domínguez Iglesias, viña a substituír no posto de alcalde, a un personaxe de moito peso e influencia, Manuel Bárcena y Franco, nese tempo, presidente do partido conservador en Vigo, e que levara a cidade a conseguir o maior grao de actividade urbanística de toda a súa historia.

Jacobo Domínguez foi alcalde desde o 14 de maio de 1881 ata o 2 de maio de 1884, data de celebración da sesión na que, por motivo de saúde, presenta a dimisión do cargo. Durante ese tempo, levouse adiante un plan de melloras na cidade que incluía: a construción de catro escolas, mercado cuberto e o da Peixería(12) ; a reforma da Alameda; a apertura de tres rúas transversais – entre elas a rúa Circo-; dunha lonxitudinal (Marques de Valadares) e outra que enlazaba o camiño de Circunvalación (hoxe Policarpo Sánz) co edificio de viaxeiros do ferrocarril. Todas estas obras financiaríanse cos produtos do empréstito de un millón de pesetas autorizado por Real Orde de 3 de abril de 1883.

Os diarios durante o seu mandato ían deixando testemuña das realizacións conseguidas. En sesión de 4 de maio de 1882, dentro do proxecto das novas rúas na zona de terreos comprendidas entre a rúa de Príncipe e o camiño de Ronda, o Faro de Vigo informaba do acordo da corporación de dar o nome de rúa do Circo, á que actualmente é Eduardo Iglesias. O 5 de xuño de 1882, Jacobo Domínguez, en condición de alcalde da cidade, presidía o acto de colocación da primeira pedra do Teatro Rosalía de Castro (primeiramente chamado Teatro Cervantes), que era propiedade de Benito Gómez, pai dos arquitectos Gómez Román. O 12 de maio de 1884, no final do seu mandato, un aviso publicado no Faro de Vigo e asinado polo alcalde, anunciaba á segunda poxa para a construción dun edificio destinado a Escola de primeira ensinanza para “niños de ambos sexos” do barrio do Areal, etc, ect.

Francisco Giner de los Ríos entre Ricardo Rubio e Manuel Bartolomé Cossío. 1892

Francisco Giner de los Ríos entre Ricardo Rubio e Manuel Bartolomé Cossío. Ano 1892.

Pero a contribución máis importantes á cidade, estivo no ámbito educativo. Domínguez Iglesias, era persoa moi culta e formada, diplomado pola universidade de Oxford, profesor de idiomas do colexio Santo Tomás de Aquino e vocal da Xunta local de primeira ensinanza desde 1879. A súa visión do proceso educativo coincidía co que guiaba as actuacións da “Institución Libre de Enseñanza” (ILE), dá que recibía inspiración para orientar a política educativa en Vigo. Cando ocupa a alcaldía, unha das súas primeiras angueiras foi a renovación do anticuado material das escolas e conseguir locais novos para algunhas delas. Eugenio Otero Urtaza, autor do Libro “Manuel Bartolomé Cossío: trayectoria vital de un educador”; conta, a través do relato de Bartolomé Cossió, inseparable compañeiro e sucesor de Giner de los Ríos, o encontro que, con motivo dunha viaxe a Vigo, o “institucionista” tivo co o alcalde Jacobo Domínguez. Na entrevista quedaba patente o interese e compromiso do alcalde coa mellora educativa que quería para a cidade:

     «Llegan a Vigo hacia las seis de la tarde. Ginér se entrevista con Jacobo Domínguez, el alcalde, que estaba muy interesado en conocer proyectos de construcción escolar, por lo que le promete enviarle información abundante. Domínguez que se proponía emprender un plan de construcción de escuelas al amparo del R.D. de 5 de octubre de 1883, que estaba al caer, se mantendría en estrecho contacto con la I.L.E. para llevarlo a término, e intentaría crear una Institución Libre de Enseñanza en Vigo, aunque no parece que tal proyecto hubiera salido adelante».

Jacobo Domínguez Iglesias,  faleceu en San Sebastián en xaneiro de 1926. Nesta cidade residiu os derradeiros trinta anos da súa vida. En xuño de 1887, xa fora da alcaldía e con motivo dun cambio producido na organización do Porto, é proposto para ocupar o cargo de interprete da sección de Sanidade Marítima, pero non tardaría moito en deixar a cidade. O historiador Javier Mª Sada sitúao xa, a finais dese mesmo ano 87 dirixindo o Gran Casino de San Sebastián, que se acababa de inaugurar.  A actividade  do Casino nos primeiros anos foi bastante monótona, pero  a partir de 1905, coincidindo coa entrada do belga Georges Marquet como arrendatario da sociedade, vivirá o seu máximo esplendor. Nese tempo ofrecéronse grandes concertos nos seus salóns, cos primeiros directores de orquestra; así como partidas de xadrez de resonancia mundial e, torneos de esgrima a nivel internacional.  As mellores orquestras do mundo, os mellores concertistas, os artistas internacionais da canción, as compañías de teatro e de “varietés” de Europa, las «jazz-bands» e os cíngaros desfilaron polo casino. No libro, «Historia de la ciudad de San Sebastián a través de sus personajes», do anteriormente referido historiador, glósase, nos seguintes termos, a contribución de Jabobo Domínguez á vida do Gran Casino:

     Como gerente del Gran casino, fue el encargado de dirigir los cotillones durante la época más brillante del mismo. Citado como clásico errikosheme (fillo do pobo) por Gabriel Mª de Laffitte en su libro “Aspaldiko gauzak” (Cosas de antaño) debido que dejó demostrado su amor hacia San Sebastián durante el tiempo que permaneció dirigiendo los destinos del Casino, defendiéndolo “contra viento y marea cuando las cosas se pusieron difíciles”.

Desde Donostia, seguiu con interese a vida da súa cidade natal e atento sempre ás iniciativas que nela ían agromando; así, cando a sociedade “La Oliva”, organiza un un festival, fai chegar ao presidente do Orfeón da entidade,  por medio do seu amigo Antonio Conde, un donativo de 200 pesetas con destino aos premios que se ían repartir. (El Norte de Galicia.- Lugo. venres 22 de maio de 1908). Á súa morte, substituíno na xerencia do Casino o seu fillo Martín Domínguez Barros, excelente persoa que tamén soubo sobradamente cumprir o seu difícil cargo. Martin Dominguez, presidiu ademais a “Unión Artesana” (sociedade popular e gastronómica máis antiga de Euskalherria), e a el se debe tamén a construción, en 1916, do hipódromo de San Sebastián.

BERNARDO RODRÍGUEZ LÓPEZ

Bernardo Rodríguez López, pola cantidade de mercancías que recibía, segundo se infire das informacións publicadas na Sección comercial do xornal “El Faro de Vigo”; era un destacado comerciante, nunha cidade puxante no eido económico. Por vía marítima, a través da importación do estranxeiro ou por cabotaxe, recibía moitas das mercadorías coas que trataba: “30 cajas de jabón duro” á D. Bernardo Rodríguez López, 31/07/1881; “10 cajas de jabón duro” á D. Bernardo Rodríguez López, 26/01/1881; ambas desembarcadas polo vapor Pilar de Sevilla; as “8 cajas jabón duro y 1 caja de cuadros y otros” carrexados desde Sevilla, o 16/12/1881, polo vapor Norte; os 30 fardos de polbo curado, traídos polo “Bote León de La Puebla”; os 6 sacos de garavanzos arribados polo mesmo vapor desde Málaga o 22/03/1882; 2 bigornias de ferro, 56 vultos de aceite, 5 bocois baldeiros, 7 ceras, louza, etc, etc. En menor medida, o seu almacén, adquiría mercancía no estranxeiro; o 30 de abril de 1884, o vapor Sofía, procedente de Liverpool, desembarcaba, ao seu cargo, 50 sacos de arroz. Todo este movemento de mercadorías, que non é máis que unha pequena mostra do que se publicaba nos medios locais, dan idea do vigor do seu establecemento de transaccións.

A maioría das presenzas de Bernardo Rodríguez na prensa local, tiñan que ver, con temas relacionados co comercio de mercadorías; porén, a súa figura emerxía, en ocasións puntuais, por outros motivos. A participación nas subscricións abertas para axuda ás afectadas por causas sobrevidas, motivou, en máis dunha ocasión, o seu aparecemento nos diarios: o Faro de Vigo de 29 de agosto de 1886 publicaba un estrato dá subscrición aberta pola “Sociedad Gimnasio” a favor das cinco orfas do “Sr. Rivera Oya”(13) , na que Bernardo Rodríguez contribuía con 40 reais; ou nestoutra, anterior, de 23 de xuño de 1881, onde colaboraba con 10 reais, na recollida de cartos a favor da viúva e fillos de D. Francisco Monrroy(14) .

A consecuencia da súa destacada posición económica, e por causa das eleccións a senadores no ano 1885, a súa persoa volve a ser obxecto de atención dos periódicos locais. De acordo co artigo 25 da Lei de 8 de febreiro de 1877, que ditaba disposicións para a elección e organización do Senado, cada concello debería publicar o 1 de xaneiro de cada ano as, «listas de individuos y un número cuádruplo[sic] de vecinos del mismo pueblo con casa abierta, que sean los que paguen mayor cuota de contribuciones directas. …». Para o ano 1885 a listaxe, exposta na casa consistorial, e que o Faro de Vigo publicaba o 4 de xaneiro; incluía o nome de Bernardo Rodríguez López, entre os 76 integrantes (cuádruplo do número de concelleiros), electores maiores contribuíntes do municipio. A lista estaba encabezada por Manuel Bárcena y Franco e Francisco Solleiro Negrete, ocupando o Sr. Rodríguez López a vixésima cuarta posición. Unha representación destas persoas (compromisarios nomeados polo concello), reunidos na capital da provincia cos deputados provinciais, elixirían á tres senadores.

Eran tempos de moita miseria para a maioría da xente. Miseria que se vía acrecentada polos poucos escrúpulos de parte dunha burguesía que, en ocasións, medraba con negocios baseados no aproveitamento de situacións desesperadas, e nas que as persoas afectadas, non tiñan máis remedio que claudicar diante de clamorosos abusos. Bernardo Rodríguez López, puxo en marcha no seu local de Ramal 47, un tipo de negocio que se podería considerar, con todo merecemento, entre esas opcións de enriquecemento antes comentadas. Tratábase da compra de “Abonarés”. Para difundir está actividade, a prensa local, publicaba o seguinte anuncio:

Publicado no Faro de Vigo o 2 de febreiro de 1883

Publicado no Faro de Vigo o 2 de febreiro de 1883

Os abonarés, eran títulos persoais expedidos pola Caixas dos Corpos ou pola Comisión liquidadora de Corpos disoltos de Cuba, xerados para a retribución de xefes, oficiais e individuos de tropa.

O varias veces ministro de Ultramar, o galego de Castro de Rei, Manuel Becerra y Bermudez(15) , nunha comparecencia no Parlamento pronunciara as seguintes palabras: «Los abonarés son unha deuda sagrada de la patria». Pero esta afirmación, que enunciaba o que debía ser un compromiso irrenunciable do goberno, polas demoras acumuladas no seu pagamento, foi, pouco a pouco, perdendo cotas de sacralización. Sábese pola prensa, que na primavera de 1899 aínda quedaban veteranos da Guerra dos Dez Anos (1868-1878), que reclamaban o pago dos seus haberes. Esta conxuntura, situou aos repatriados posuidores de títulos, ou ás súas familias, no caso do falecemento destes, nas mans de especuladores, que aproveitando o seu estado de necesidade e angustia, pagábanlles menos diñeiro que o valor indicado nos documentos. Reseñar ademais, que Galicia sería a máis prexudicada polos impagos dos abonarés. O diario “El Correo de Ferrol” de 29 de decembro de 1888; urxía a que se cumprise a afirmación do Ministro de Ultramar, dado que: «Galicia es la región privilegiada, por cuanto en ella existe el mayor número de créditos por ese concepto, pues en nuestra región, tanto en número de contingente ordinario como en sustitutos, es la que mas gente manda al ejército de Ultramar».

Blasco Ibañez

Blasco Ibañez

O novelista republicano, Vicente Blasco Ibañez, un dos máis activos propagandistas contra as guerras coloniais, publicaba no xornal “El Pueblo Valencia” de 9 de marzo de 1895, un opúsculo de título “El Rebaño Gris“, cuxa lectura fornece ao lector de empatía cos oprimidos e tamén explotados mozos obrigados, a embarcarse nunha loita que se só se xustificaba pola defensa dos intereses dalgúns homes de negocios e pola falta de saída dunha monarquía que prefería a derrota -segura- na guerra, antes que enfrontarse a un golpe militar con apoio popular en España, e a correspondente caída da monarquía. «Na foto, Blasco Ibañez vestido cun indumento parecido ao “rayadillo” dos soldados que ían a Ultramar».

E L   R E B A Ñ O   G R I S

      […] Una masa de jóvenes vestidos con trajes de mecánica, pasando el portón que conducía a la escala del Antonio López, mirando en derredor con cierto azoramiento, andando como sonámbulos, sin osar volver la mirada atrás por miedo a que la tierra patria, que tal vez no vuelvan a ver, despertase en su memoria penosos recuerdos que hiciesen asomar las lágrimas a sus ojos. Un rebaño gris que, mansamente guiado por los pastores tristes y desalentados, avanzaba sobre los embreados maderos, subiendo la escala para desaparecer en las entrañas del trasatlántico.

«Ou todos ou ningún»

«Ou todos ou ningún»

      ¡Viva la Patria! Hace falta carne humana en los hospitales, las fiebres antillanas, el feroz vómito negro, están hambrientos de víctimas, y allá va rumbo a las Antillas nuestra juventud robusta, arrancada al trabajo de los campos, a la industria de las ciudades, para caer exánime en la manigua o en lecho caliente y apestado aún por el último moribundo, llamando en vano a la madre separada de ellos por miles de leguas […].

      Los que cobran los pingües sueldos por Cuba; los que por su nacimiento están seguros de que en caso de ruina el Gobierno les dará algún puesto en las Antillas de esos que permiten hacer milagros; la aristocracia que por obra y gracia de seis mil reales tienen la generosidad de renunciar el alto honor de servir a la Patria, fueron los que con más puntualidad acudieron a despedir a esos humildes obreros, enfundados en un uniforme, respetable sí, porque es la vestidura reservada a los parias, los pobres, a los desgraciados.

      No pueden quejarse esos infelices que se alejan con rumbo a la muerte. En la orilla estaban las madres y las hermanas conteniendo los sollozos; veíanse las mujeres de los sargentos tragando sus lágrimas para no asustar a los niños que miraban con asombro en la popa del buque al padre vuelto de espaldas para ocultar su emoción; era dolorosa la despedida; pero ya estaban allí las autoridades para animar el rebaño repartiendo pesetas y tabaco, y tampoco faltaban, hablando de Patria, honor, etc., esos buenos burgueses que a la menor alteración de orden público corren a esconderse en el último pueblo de la provincia, pero que, belicosos por afición gustan de leer por las noches, en la caliente carne y con gorro de dormir, las noticias de las batallas, y por las mañanas digieren mejor el chocolate si saben que «hemos vencido».

      ¡A Cuba sí! Debemos defender nuestros intereses. Por el honor de España tenemos que guardar fusil en mano los millones de los negreros jubilados; debemos conservar la isla para que no se interrumpan las remesas de ladrones; es preciso conservar nuestra Antilla [sic] tal como hoy está, para que el mundo civilizado pueda apreciar un ejemplo palpable de como se gobernaban las colonias en tiempos del absolutismo.

      El porvenir no debe inquietar a este rebaño gris de infelices que se aleja. Más de una mitad estará antes de tres meses pudriendo tierra… Pero, ¿que importa esto?. También gozarán el envidiable honor de que Romero Robledo u otro de los «ingeniosos» políticos que tienen ingenios en Cuba los llore en el Congreso como héroes, como mártires de la patria, sin enterarse siquiera de sus nombres.

      Y los que sobrevivan, si pueden volver a España, tiene asegurado el porvenir. Entre los que les despidieron ayer no faltará quién les compre los abonarés irrisorios con un descuento del 99 por 100, y si quedan inválidos pueden aprender a tocar la guitarra para pedir una caridad a cualquiera de estas familias enriquecidas en Cuba, y es posible que desde sus carruajes les arrojen dos céntimos.

Bernardo Rodríguez López faleceu e Vigo, no mes marzo de 1927. A publicación da nova da súa morte non se difundiu nos xornais como cabería esperar, dada a relevante posición económica adquirida durante a súa vida. Só dúas, son as referencias atopadas, e ningunha en forma de necrolóxica: a publicación “El Diario de Pontevedra”, no seu Num. 12659 de 22/03/1927, co seguinte apuntamento: «Falleció en Vigo, el antiguo comerciante D. Bernardo Rodríguez López»; e, “El Correo de Galicia”, órgano da colectividade galega na República Arxentina, no Num. 1110 de 01/05/1927: «Ha sido conducido al cementerio de Pereiro el cadáver del anciano y antiguo comerciante vigués don Bernardo Rodriguez López. Concurrieron al fúnebre acto numerosas personas entre ellas muchos comerciantes».

A casa de Bernardo Rodríguez /rúa Colón. (1900).

A casa de Bernardo Rodríguez /rúa Colón (1900).

A súa vida activa remataría co fin de século, 30 anos antes do seu falecemento. A través dun auto de 20 de novembro de 1899, o xulgado de primeira instancia de Vigo, declara a súa incapacidade. O consello de familia constituído ao efecto da xestión do seu patrimonio acordou, en abril de 1900, autorizar a Agustín Rodríguez López, naquel momento titor de Bernardo Rodríguez López, a proceder á venda, en poxa voluntaria  de propiedades do incapacitado[sic] . O escrito, que levaba a data de 17 de setembro de 1900, viña asinado por Agustín Rodríguez López, en representación do consello de familia. Na poxa, poñíanse á venda, os dous edificios que foron obxecto de atención neste artigo, e que se describían así aos efectos da licitación:

      1º Urbana. La casa compuesta de planta baja y tres pisos, con derecha y izquierda, el último aboardillado, señalada con el número 65 de la calle del Príncipe, teniendo ademas dos almacenes de planta baja, por su espalda, formando una sola finca de superficie total de 250 metros 4 decímetros cuadrados. Sus límites; frente ó sea sur, la citada calle del Príncipe, espalda o norte , casa de D. José Ramón Ballester, hoy de don Joaquín Lorenzo; derecha ó entrando ó sea Este, otra casa de don Bernardo R. López, é izquierda, o sea oeste casa de D, José García Lago, hoy sus herederos; sin pensión y se halla inscrita en el Registro de la Propiedad. Tipo señalado pesetas setenta y cinco mil 75.000.

      2º Urbana. La casa compuesta de bodega á la calle del Ramal (hoy Colón), Planta baja, dos pisos y boardilla, señalada con el número 67 de la calle del Príncipe, con un patio por sue espalda formándose una sola finca , de la superficie total de 234 metros 29 centímetros cuadrados. Sus límites: Sur ó frente, con la citada calle del Príncipe; Norte o espalda, con medianera de la casa de D. Juan Moler; Este o derecha, entrando con la calle del Ramal (hoy Colón), y Oeste ó izquierda, con la casa anteriormente descrita sin pensión. Tipo señalado, pesetas noventa mil, 90.000.

A derradeira anotación atopada nos xornais sobre a súa persoa, foi unha nota emitida polo Banco de España e publicada, en outubro de 1928 (un ano despois do seu pasamento), polo diario “El Pueblo Gallego”. Nela, facíase referencia á relación de saldos de contas correntes existentes na sucursal de Vigo, en situación de presunto abandono por parte dos seus donos. Na listaxe de persoas, mencionábase a Bernardo Rodríguez López, coa cantidade de 40,76 pesetas.

REFERENCIAS

(0) Consistía na iluminación a base de farois de papel cun quinqué de petróleo ou aceite no seu interior.
(1) Durante este artigo, escribirei Genaro, no canto de Jenaro, tal como o escribía o arquitecto
(2) Cara ou superficie que resulta ao cortar unha esquina por un plano.
(3) Ferro de fibra natural, de elevada resistencia á corrosión e moi dúctil, que se emprega na fabricación de canos, remaches, placas metálicas, etc. Tamén chamado ferro doce, ferro pudelado, ferro suave. Este tipo de ferro conséguese a partir do mineral de ferro, o cal quéntase a altas temperaturas nunha forxa e golpeado para eliminar as impurezas e escouras contidas no mineral. Vénse utilizando en grandes cantidades para a construción desde o século XIX.
(4) Parede ou muro con almofadas (Parte da pedra de cantaría que sobresae do paramento).
(5) Columna cuadrangular …… Xónica: propia da orde xónica.
(6) Tira de tecido con flores e follas, en forma de onda ou de coroa, que se usa de adorno.
(7) Peza horizontal, xeralmente de pedra ou madeira, que limita pola parte superior o oco dunha porta ou ventá.
(8) A clave é a doela central dun arco ou unha bóveda. Adoita ser de maiores dimensións que as demais doelas, e a miúdo está decorada, pero non por razóns funcionais senón estéticas.
(9) Elemento arquitectónico tallado, que sobresae dun plano vertical para soster un balcón, unha cornixa etc.
(10) Espazo baleiro ou desocupado, en especial o lugar da parede onde se abre.
(11) As cédulas persoais foron creadas por decreto de 26 de xuño de 1874. Estaban suxeitas ao pago do imposto todos os españois e estranxeiros residentes en España maiores de 14 anos, con algunhas excepcións, tales como pobres, relixiosas, etc. Expedíanse en branco, como o papel selado e os veciños debían compralas e presentalas aos Alcaldes para que as cubriran e autorizaran.
O imposto de células persoais crearse en 1854, baixo o nome de “cédulas de vecindad”, para obrigar aos habitantes a proverse dun documento de identidade tras a desaparición dos anteriores pasaportes para o interior, (tipo documental que debían presentar os viaxeiros e veciños para trasladarse pola península). Non obstante, o seu carácter era principalmente recadador e por elo este imposto foi moi impopular.
O imposto foi variando ao longo da súa vida: en 1870 (co nome de “cédulas de empadronamiento”) asentouse realmente como imposto, aínda que conservando o seu carácter de documento de identidade, mediante a Lei de presupostos do 1 de xuño, e se formalizou o pago creando tres tipos de células, cada unha cun prezo que ía en función do número de habitantes.
En 1873 o imposto foi suprimido durante un efémero período: desde o 6 de agosto ata o 20 de setembro. Volveu entón a imporse con importantes variacións, que serían formalizadas, posteriormente, mediante o orzamento de xuño 1874, pasando a chamarse xa imposto de células persoais. O gravame afectaba agora no só aos cabezas de familia, senón a todos os residentes en España maiores de 14 anos. As clases de células continuaron variando e ampliándose desde o seu inicio ata a súa extinción, ata o punto que chegou a haber máis de 16 clases, chegando a existir células de máis de 25000 pesetas. (Información complementaria á publicada na nota nº 12 da “Casa para Francisco Solleiro”)
(12) Ningún dos dous proxectos (Mercado cuberto e Peixería), do arquitecto municipal Justino Flórez LLamas, chegarían a realizarse
(13) Con motivo dun violento incendio ocorrido tres días antes, entre o número 4 da rúa Cruz Verde e 9, da rúa Pracer. O lume comezara nun taller de carpintería instalado no andar baixo, propagándose rapidamente a varias casas veciñas. O edificio devorado polas chamas estaba ocupado, no principal polas orfas de Ignacio Rivera e o segundo non estaba alugado. A carpintería pertencía ao señor Pinilla, e nela vivía coa súa Familia. A nova concluía así: «Todos estos vecinos no han salvado nada».
(14) Francisco Monrroy, empregado do ferrocarril de Ourense a Vigo, falecera por unha caída do viaduto de Redondela.
(15) «Fue revolucionario, se batió en las barricadas en las que predicó la libertad y luchó fieramente en su juventud por la democracia. No es hidalgo en la hora de la muerte llevar al sepulcro abierto coronas de espinas que cubran la frente helada del cadáver. Becerra padeció el mal de su tiempo. Como la mayor parte de los hombres de la gloriosa revolución de setiembre, renunció, por gozar de la victoria, a la virtud de la consecuencia. Sirvió a la revolución, a la dinastía de Saboya, al la República y después a los Borbones. Es la hora de los grandes Juicios; pero no somos nosotros su brazo ejecutor. Perdonémosle el pecado de haver [sic] servido a los Borbones, recordando que antes lucho con las armas en la mano contra ellos y por la libertad. Este é o retrato que, o día da súa morte, traza o xornal “El Telegrama”  Diario de la Tarde Imparcial de Noticias. .- Ano: XX; Nº: 874; Páx. 1; Decembro, 20 de 1896.
Imaxes. A maior parte son fotografías de Fernanda Padín Ogando. Outras: Francisco Giner de los Ríos entre Ricardo Rubio e Bartolomé Cossío (Fundación Giner de los Ríos) – Foto de Blasco Ibañez vestido co “rayadillo”. Tomada do libro: El desastre en sus textos. La crisis del 98 vista por los escritores coetáneos; de Julio Rodríguez Puértolas Edición Akal 1999 – Ibidem: Ilustración «Sólo los que no tenían 300 duros (La campana de Gracia) – Fotos de documentos pertecentes ao Arquivo Municipal de Vigo – O resto das imaxes extraídas de publicacións da época.

BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA

  1. ARQUIVO E HEMEROTECA MUNICIPAL DE VIGO. Expediente: En construcción casa en la esquina de Príncipe y Ramal, propiedad de D. Bernardo Rodríguez López- I.P.: Genaro de la Fuente y Domínguez (819/1883). Comeza o 20 de xaneiro de 1884.
  2. MARTA FILGUEIRA. Eclecticismo, arquitectura y ciudad en Galicia (La obra de Sesmero en Vigo). Vigo: Instituto de Estudios Vigueses. 2014. I.S.B.N.:978-84-89599-55-0.
  3. JULIO RODRÍGUEZ PUÉRTOLAS. El Rebaño Gris de Vicente Blasco Ibañez. El Desastre en sus Textos. La crisis del 98 vista por los escritores coetáneos. Edición Akal 1999. ISBN: 84-460-1047-X
  4. RICARDO PÉREZ Y VERDES. Manuel Becerra, de barricadista a ministro (onde se recolle o retrato que del traza o xornal “El Telegrama”). CROA (Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga), nº6-1996.
  5. VÁQUEZ GIL, LALO/GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, X. MIGUEL. Os alcaldes e os concellos de Vigo. Os alcaldes do XIX. Páx. 56. Ediciones Cardeñoso /978-84-87379-70-3/.
  6. JAVIER Mª SADA. Historia de la ciudad de San Sebastián a través de sus personajes. Primera edición: diciembre de 2002. ALBERNIA, S.L. Irún. ISBN: 84-95589-55-9.
  7. El carnaval de 1900 en San Sebastián / [E.G.]. Euskal-Erria : revista bascongada San Sebastián T. 42 (1o sem. 1900), p. 230-239 (KM)178876.
  8. Diccionario de Arquitectura y Construcción. Definiciones y traducciones. Definición de hierro forjado. [consultado 20 xaneiro 2017] – Disponible en Internet: http://www.parro.com.ar/definicion-de-hierro+dulce.
  9. FARO DE VIGO: Año XXIX. Nº 3.393. (Domingo 1 de maio de 1881). Candidaturas municipais.- Año XXIX. Nº 3.396. (Domingo 5 de maio de 1881). Resultados das candidaturas municipais.- Año XXIX. Nº 3.473. (Mércores 29 de xuño de 1881). Publicación na Gaceta do nomeamento de alcalde da cidade.-
  10. (Venres 22 de maio de 1908) EL NORTE DE GALICIA. Lugo. Entrega por parte «de la casa de los Hilos de Antonio Conde de 200 pesetas que envío de San Sebastián el ex alcalde Jacobo Domínguez al presidente del Orfeón de La Oliva.
  11.  (12 de decembro de 1883). GACETA DE GALICIA. Santiago. Publicando aviso do concello asinado polo alcalde Jacobo Domínguez polo que se anuncia a: Aprobación das bases para a contratación do empréstito autorizado por Real Orde de 3 de abril de 1883.
  12.  LEI ELECTORAL (20 de agosto de 1870).  Comprende todo o relativo a eleccións a concellos, deputacións provinciais e deputados a Cortes. Decretada e sancionada pola “Cortes Constituyentes de la Nación española”.  Don Francisco Serrano y Dominguez, Regente del Reino y Francisco Romero Robledo, ministro de Gobernación.
Advertisements
Estas entrada foi publicada en Casas de Vigo coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s