Edificio de Estanislao Durán (1901)

Vista xeral do edificio

Vista xeral do edificio

O edificio, de estilo ecléctico de filiación francesa, foi construído en 1901 a partir dun proxecto de Manuel Felipe Quintana. Concibido como un palacete urbano para Estanislao Durán quen, como outros membros da burguexía local, entendían a arquitectura como un signo de distinción social.

Cupula

Cupula

O elemento mais destacado do edificio é o chafrán que enlaza as fachadas laterais. No primeiro e segundo andar o chafrán preséntase como un corpo circular en forma de torre que sobresae da cumieira(1) da cuberta, destacando a balconada de pedra no primeiro andar e, as columnas estriadas corintias superpostas do segundo que soportan os remates semicirculares. Sobre estas arcadas álzase o elemento mais destacado do edificio, una cúpula escamada.

Os vans do primeiro andar, enmarcados por pilastras,(2) decoran os linteis con cabezas de muller cos cabelos estendidos polos lados. No faiado sitúanse as bufardas(3) , que están rematadas por un frontón(4) curvo, e con decoración de volutas(5) nos laterais.  Sobre a cornixa, sobrevoada, disponse un peitoril con balaustrada; é aquí onde se fan mais evidente as influencias francesas. Os vans do andar baixo presentan unha sucesión de arcos escarzanos(6) decorados cunha moldura na súa parte superior.

Bufarda do faiado e fiestra do 1º andar.

Bufarda do faiado e fiestra do 1º andar.

En 1924 foi realizado un engadido á planta baixa na fachada que descorre por Velázquez Moreno. No resto, o edificio consérvase na súa disposición orixinal.

Corría o mes de xaneiro de 1901, cando Estanislao Durán David, veciño de Vigo e provisto da correspondente cédula persoal, presentaba no rexistro do concello a instancia de solicitude de permiso para a construción dunha casa nun terreo da súa propiedade situado na rúa de Príncipe y Velázquez Moreno Baja [sic]. O escrito ía acompañada dos correspondentes planos, asinados polo arquitecto Manuel Felipe Quintana Ochaita(7) .

Instancia de solicituse de licenza de obra.

Instancia de solicituse de licenza de obra.

O informe, realizado pola comisión de Obras, á solicitude da corporación municipal que presidía o alcalde Antonio López de Neira, propoñía ao concello a concesión da licenza previo pago,  por parte de Estanislao Durán do arbitrio municipal(8) sobre construcións, e do importe da rede de sumidoiros que lle correspondera satisfacer consonte a lonxitude da fachada da casa. Ambas contías serían liquidadas polo director facultativo das Obras municipais, que nese tempo desempeñaba o mestre de obras  Jenaro de la Fuente Dominguez. Asi mesmo, no informe indicábase que o director facultativo, de conformidade co propietario, fixaría a parte de vía pública destinada a ocupación polos materiais necesarios para dita obra.

Vista xeral do edificio, no caso de que prevalecese o interese común.

Vista xeral do edificio, no caso de que prevalecese o interese común.

Antonio López de Neira

Antonio López de Neira

O alcalde López de Neira estaba a punto de rematar co seu primeiro paso pola alcaldía da cidade, que en 1905, e por breve tempo, a volvería a desempeñar. Figura omnipresente, ocupou durante moito tempo os múltiples espazos que ofrecía un Vigo en plena conformación como gran urbe. Antonio López de Neira, naceu en Sober, concello da provincia de Lugo, en 1827. Aínda mozo, chega a Vigo onde ten como primeira ocupación a de empregado de comercio. Pronto consegue establecerse pola súa conta montando unha tenda de ultramarinos. As cousas vanlle tan ben, que axiña consegue o capital suficiente para a construción dunha casa para vivenda na rúa de Príncipe, e que se converterá na súa residencia de por vida. Co tempo amplía o eido de participación en negocios e colabora como inversor en variados proxectos empresariais, converténdose en pouco tempo nun dos principais industriais da cidade. A súa implicación na fábrica de papel “La Cristina”(9) , creada por Antonio Sanjurjo Badía na parroquia de Santa Cristina, no daquela concello de Lavadores; e a súa contribución na creación da importante e popular fábrica de chocolate, instalada tamén na mesma rúa de Príncipe, son exemplos claros do seu arreminado carácter e da súa vocación emprendedora. Datos significativos son, que en 1880, López de Neira convértesese no primeiro vigués que contou con luz eléctrica na súa casa(10) , e que o 10 de marzo de 1886, é tamén o primeiro en dispor do primeiro teléfono (11) .

Anuncio publicado no Faro de Vigo en 1879

Anuncio publicado no Faro de Vigo en 1879

Non lle foron alleos outros ámbitos de actividade empresarial, que na época proporcionaban cuantiosas beneficios, como era o caso do transporte marítimo de emigrantes a América. López de Neira montou a súa propia e pequena compañía navieira, pero cando as grandes empresas coparon o mercado, foi quen de adaptarse a nova realidade, pasando a ser representante na cidade da firma que o absorbera; a sociedade transatlántica Antonio López y Compañía (Compañía Trasatlántica Española),  propiedade de Antonio López y López(12) . A súa significación e prestixio no campo económico e empresarial, propiciou á designación como Delegado do Banco de España en Pontevedra(13) . A capacidade de innovación mostrada no eido industrial, fixo que neste sector ocupase posicións de vangarda; foi un dos primeiros empresarios en aplicar a enerxía eléctrica nos procesos produtivos nas súas fábricas.

López de Neira, tivo tempo tamén para a actividade política. Xunto co navieiro Fernando Conde Dominguez e á poliédrica figura de Manuel Bárcena Franco, foi un importante eslavón na rede de influencias que dirixía José Elduayen y Gorriti. Desde 1874 formou parte da corporación municipal como primeiro tenente de alcalde e en 1897 foi nomeado alcalde de Vigo(14) , cargo que ocupou ata 1901. Repetiu o mandato por uns meses durante o ano 1905. Membro da deputación provincia durante corenta anos, presidiu a institución provincial entre 1905 e 1909.

Como resultado das relacións con Chile e Costa Rica, por razóns dos vínculos establecidos a través representación da compañía navieira, foi designado polos Gobernos destes países, cónsul honorario en Vigo. Na cidade ocupou ademais variadas responsabilidades en institucións de diferente carácter: presidiu a xunta da Casa de Caridade, a Cámara da Propiedade, a Sociedade de Abastecemento de Augas e a Xunta de Obras do Porto. A morte sobreveulle o 6 de febreiro de 1919, cando contaba con 92 anos. A súa situación económica nos derradeiros anos fora empeorando de tal xeito que o abocará a un estado de práctica ruína.

Anuncio da Mala Real Inglesa.

Anuncio da Mala Real Inglesa.

O promotor da construción, Estanislao Durán David, tivo como principal actividade a de consignatario da “Royal Mail Steam Packet Company” en Vigo. A Mala Real Inglesa, nome polo que, debido a unha deficiente tradución, era coñecida na cidade, fora fundada polo escocés James McQueen en 1839. Estanislao Durán Civeiro foi nomeado consignatario da compañía Royal Mail Steam, o 27 de Maio de 1878, da que mais tarde se ocuparía o seu fillo Estanislao Durán David.

Pero sendo o labor de consignatario a principal ocupación, Estanislao Durán David, mantivo ademais unha ampla presenza na vida da cidade, colaborando e impulsando diferentes iniciativas dirixidas ao seu desenvolvemento económico, comercial e social. Nun tempo onde se abrían expectativas crecentes de negocio no turismo cultural-termal, xogou  xunto a Casimiro Gómez, Cobián Roffignac, González Besada, Xosé Mª Riestra, Enrique Peinador e Federico Barreras; un destacado papel, promovendo  o proxecto da Xeografía Balnearia do Sur de Galicia, cuxos centros neurálxicos estarían en, A Toxa, Mondariz, o balneario do Lérez en Pontevedra e a illa de Cortegada.

En 1926, presidiu a primeira xunta directiva(15) do Club Náutico de Vigo(16) . Entre 1924 e 1930, como primeiro vicepresidente, formou parte da xunta directiva da Cámara Oficial de industria, comercio e navegación, que contaba coa presidencia Tomás Mirambell Maristany(17) . O labor desta equipa directiva foi tan frutífera que, unha vez rematada a presidencia efectiva, Tomás Mirambell sería distinguido coa presidencia de honor, cousa que non aconteceu en ningún outro caso na historia desta institución. Por nomeamento da Cámara de Comercio formou parte da “Junta de Obras del Puerto” como vocal electivo da mesma.

Publicada no diario "El Noticiero de Vigo" o 6.11-1911

Publicada no diario “El Noticiero de Vigo” o 6.11-1911

En 1911, para substituír á corporación municipal, dimitida en bloque, forma parte dunha candidatura unitaria na que confluían persoas de distintas tendencias ideolóxicas(18) . A chamada Candidatura Popular, creárase como reacción ao que se considerou un agravio á cidade de Vigo, por parte gobernador civil de Pontevedra, José Boente, ao decidir este que unha exhibición aérea pensada para Vigo fose trasladada á cidade de Pontevedra. A Candidatura Popular presentada pola Junta de Defensa, triunfaría en todos os distritos gañando as maiorías e minorías(19) . Durante o período 1927-1929, volveu a formar parte da corporación municipal viguesa que presidía Mauro Alonso G. Cuenca(20) .

Tal como informaba El Pueblo Gallego de 19 de agosto de 1932, Estanislao Durán David formou parte da representación da patronal nos Jurados Mixtos de Obras del Puerto. Os Xurados Mixtos do traballo industrial e rural foran concibidos como institucións de dereito público encargadas de regular a vida de profesión ou profesións e de executar funcións de conciliación e arbitraxe (Artig. 2º da Ley publicada o 28 de novembro de 1931 polo Ministerio de Traballo e Previsión, sendo Ministro Largo Caballero e presidente do Goberno da República, Manuel Azaña)(21) .

As súas actividades como consignatario e promotor do turismo, proporcionáronlle amplo recoñecemento, recibindo por esa causa diferentes distincións: Caballero Gran Cruz de la Orden del Mérito Naval, Comendador de la Orden del Imperio Británico, Caballero de la Orden de Olaf de Noruega, Jefe Honorario de Administración Civil.

Á súa morte, acontecida o 3 de decembro de 1953, cando contaba con 85 anos, concitou en torno a súa figura múltiples mostras de recoñecemento expresadas con profusión de artigos na prensa local que glosaban a súa figura. “El Pueblo Gallego”, un día despois do soterramento publicaba a seguinte crónica necrolóxica:

El fallecimiento del ilustre vigués Excmo. e Ilmo. Sr. Estanislao Durán David, acaecido anteayer en en esta su ciudad natal, constituyo uno de esos amplios motivos de condolencia que originan las desapariciones de personalidades entrañablemente queridas y respetadas. Significaba mucho en los medios sociales y benéficos de la ciudad, y aun de la provincia, la acusada significación personal de don Estanislao Durán. Por eso durante todo el día de ayer, a la casa mortuoria afluyeron centenares de testimonios de pésame, y por medio de cartas, telegramas, tarjetas y formas.
El acto de sepelio, verificado a las cinco de la tarde, significó una de las contadas manifestaciones públicas de pesar que de vez en cuanto se registran en una ciudad. Alrededor de la carroza fúnebre formaban niñas de la Casa de la Caridad, establecimiento del que D. Estanislao Durán era entusiasta benefactor. Seguían después nutridas representaciones del clero regular y secular de la ciudad.
La presidencia familiar la integraban sus hijos todos ellos muy queridos amigos nuestros, don Estanislao Durán, ex alcalde de la ciudad; don Alberto, don Emilio y don Darío Durán Gómez; su hijo político don Jose Troncoso Rozas; sus nietos, sobrinos don Vicente Guillén Durán y don Bernardo López Durán; sobrinos políticos, don Felipe Cordero Carrete y don Salvador Navarrete; don Isaac Iglesias Roura y don Justo Rubio Escuredo.
En la presidencia oficial, con el también hijo del finado, y distinguido amigo nuestro do Casimiro Durán Gómez, alcalde accidental de Vigo, el presidente de la Diputación Provincial don Luis Rocafort Martínez, que ostentaba la representación del gobernador civil; el comandante militar de Marina de Vigo, don Fernando Pérez Cayetano; el general Nandín, el alcalde de Pontevedra Sr. Argenti; el subdelegado de Hacienda, don Angel García Fernández; el delegafo provincial de Trabajo, don José María Iborra Losic; el administrador de Aduanas, don Cesar Vallarino; el delegado provincial de sindicatos; don Javier Cerón Ayuela; el cónsul general de la Argentina y decano del cuerpo consular, señor Videla Dorna; el cónsul de S.M. Británica, Mr. JIndsay; el delegado en España de la compañía Cubana de aviación, don Armando López Plasencia; la Corporación Municipal en pleno; directivos de la Cámara de Comercio, Juntas de Obras del Puerto; asociación de Consignatarios, Real Club Náutico de Vigo, Real Club Celta y otras entidades.
El Centro de Hilos de Vigo envió su bandera para cubrir el féretro al ser sacado a hombros de sus hijos e hijo político, desde la casa mortuoria a la carroza.
Seguían en la comitiva millares de personas de todas las clases sociales, siendo muchas las que siguieron hasta Pereiró presenciando la inhumación del cadáver en el Panteón familiar que quedo cubierto de coronas.
EL PUEBLO GALLEGO reitera a todos los atribulados del extinto señor don Estanislao Durán David, la muy sincera expresión de su condolencia.

O palacete promovido por Estanislao Durán Civeiro non é a única pegada que a familia deixou no quinteiro comprendido polas rúas do Príncipe e Velazquez Moreno. A principios de 1960, a súa viúva Dolores Gómez Palmes, co ánimo de acoller o patrimonio herdado do seu pai Casimiro Gómez Cobas decide crear cos seus cinco fillos a Inmobiliaria Durán Gómez S.A. (Indugosa), da que o seu fillo maior Estanislao Durán Gómez actuaría como conselleiro delegado. A primeira actuación da sociedade, aproveitando que dispoñían de máis casas nese espazo e despois de chegar a acordos cos propietarios veciños, foi a realización dun centro comercial aberto que, amodo de pasadizo interior, comunicase as rúas do Príncipe e Velázquez Moreno. As Galerías Durán, así a chamaron, foron inauguradas en 1964 e respondían ao concepto arquitectónico do Art-Decó, estilo aínda manifesto na vidreira colocada na escaleira que une aos dous andares da galería comercial e que fora fabricada pola Cristalería “La Belga”(22) . A serea de pedra situada no centro comercial é obra do escultor Xoán Piñeiro(23) , quen realizou a obra por encarga de Casimiro, o terceiro dos irmáns Durán. Outro elemento a considerar na construción das Galerías foi o chan, realizado a pe de obra en granito pulido e que hoxe en día constitúe un exemplo valioso de traballo artesanal.

estanis-crist_serea_1Bibliografía

  • ARQUIVO e HEMEROTECA MUNICIPAL de VIGO. Expediente: Casa de D. Estanislao Duran a la c/ Principe con vuelta a la c/ Velazquez Moreno. xaneiro 1901.
  • FRANCO, Oscar. Casa para Estanislao Durán. Patrimonio Galego. 24 maio 2012. [consultado 8 xaneiro 2015]. Dipoñible en Internet <http://patrimoniogalego.net/index.php/19582/2012/05/casa-de-estanislao-duran/&gt;
  • EL NOTICIERO DE VIGO. Candidatura Popular. El Noticiero de Vigo: diario independiente de la mañana: Num. 11043 (06/11/1911).
  • NOTAS MILITARES MARINA-REALES ORDENES. El Correo Gallego: diario político de la mañana: Año XXXVI Número 11662 . 5 de xuño 1913.
  • DIARIO DE VIGO. Pleno de la Junta de Obras del Puerto. Galicia : diario de Vigo: Número 417. 2 decembro 1923 .
  • DIARIO DE VIGO. Renovación de la Cámara de Comercio. Galicia: diario de Vigo: Número 475 – 2 abril 1924.
  • EL PUEBLO GALLEGO. El Club Náutico de Vigo. El pueblo gallego: diario de la mañana, al servicio de los intereses de Galicia: Num. s.n. 22 decembro 1926.
  • DIARIO DE PONTEVEDRA. Ya hai nuevo Auntamiento. El Diario de Pontevedra: Periódico liberal: Num. 12605. 18 xaneiro 1927.
  • EL PUEBLE GALLEGO. Junta de Obras del Puerto. El Pueblo Gallego: diario de la mañana, al servicio de los intereses de Galicia: Num. s.n. 28 abril1928.
  • EL CORREO DE GALICIA. Vigo. El Ayuntamiento Actual. El correo de Galicia: órgano de la colectividad gallega en la República Argentina : Num. 1175. 29 xullo 1928.
  • EL PUEBLO GALLEGO. Camara de Comercio Industria y Navegación (La constitución para 1934). El Pueblo Gallego: diario de la mañana, al servicio de los intereses de Galicia: Num. s.n. (10/01/1934)
  • LA NOCHE. La Comisión Municipal Permanente del Excmo. Ayuntamiento de Vigo. La Noche: La Noche – Año XXX Número 8808. 13 agosto 1949.
  • LA NOCHE. Fallecimiento de don Estanislao Durán David. La Noche: La Noche – Año XXXV Número 10226 – 4 decembro 1953.
  • EL PUEBLO GALLEGO. Sepelio Excmo. Sr. D. Estanislao Durán David. El Pueblo Gallego: diario de la mañana, al servicio de los intereses de Galicia: Num. s.n. 05 decembro1953.
  • HOJA DEL LUNES. D. Estanislao Durán David. Hoja oficial del lunes: al servicio de España : Num. 957. 07 decembro 1953.
  • ANGEL BARREIRO. Mala Real Inglesa. Siglo y cuarto de existencia en las rutas del mundo marítimo. Hoja oficial del lunes: al servicio de España : Num. 1474. 28 setembro 1964.
  • GALIPEDIA, a Wikipedia en galego. Antonio López de Neira. Dipoñible en Internet <https://gl.wikipedia.org/wiki/Antonio_L%C3%B3pez_de_Neira&gt;
  • BLAS CALZADA. Crónicas de otro Vigo. López de Neira y la primera luz eléctrica en Vigo. VigoEmpresa.com. Dipoñible en Internet <http://www.vigoempresa.com/html/es/cronicas.php?id=111633&gt;
  • VIGOPEDIA. Biografías. Antonio López de Neira. . Dispoñible en internet: <https://vigopedia.com/biografias-antonio-lopez-de-neira/&gt;
  • LALO ZÁQUEZ GIL. Lembranza de Antonio López de Neira y Freire. Atlántico Diario (sección Opinión). Dispoñible en internet: <http://www.atlantico.net/opinion/lalo-vazquez-gil/lembranza-antonio-lopez-neira-y-freire/20120202070024223790.html&gt;.
  • ANA RODRIGUEZ. Galerías Durán, un pioneiro centro comercial de estilo Art Deco. Faro de Vigo. Vigo Cuatro Costados. 29 marzo 2012. Dispoñible en Internet: <https://www.yumpu.com/es/document/view/35164943/vigo-4-costados-vigo-4-costados-faro-de-vigo/5&gt;
  • FUNDACIÓN ARTE BRONCE. http://www.artebronce.com/artebronce/index.php?

Notas

(1) Cumieira: Liña horizontal que forma a intersección dos faldróns dunha cuberta.
(2) Pilastra: columna de granito de forma rectangular.
(3) Bufarda: pequena abertura na parede ou no teito dunha casa para dar luz ou para saír ao tellado (definición do dicionario da Real Academia Galega).
(4) Frontón: remate de forma xeralmente triangular dunha fachada ou pórtico (definición do dicionario da Real Academia Galega).
(5) Voluta: Figura en forma de espiral.
(6) Arco escarzano: Arco que foi trazado desde un ou mais centros situados por debaixo da liña de imposta (No caso dos arcos, a imposta é a parte decorativa que enlaza o elemento sustentador vertical coa curva do arco), tamén chamado arco rebaixado.
(7) Nado en Madrid o 26 de maio de 1842 e finado en Vigo o 20 de xaneiro de 1911. Obtivo o titulo en arquitectura na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. En 1886 trasladouse a Vigo, abrindo, na rúa Policarpo Sanz, o seu estudo de arquitectura. En 1905 foi nomeado arquitecto municipal do concello vigués, ocupando a praza que, debido a mala saúde e elevada idade deixara vacante Domingo Rodríguez Sesmero. Na súa etapa madrileña foi arquitecto do Teatro Real e en Granada foi xefe facultativo da Dirección Central de Ferrocarril. Desempeñou tamén o cargo de arquitecto municipal en Ourense e Pontevedra. Son obras súas en Vigo, a casa de Francisco Solleiro e a casa para Estanislao Durán, ambas as dúas de estilo ecléctico; e de estilo neogótico, é a obra relixiosa realizada na cidade, como a Igrexa e Asilo das Irmáns dos Anciáns Desamparados situada na rúa de Pí y Margall ou a Igrexa de Santiago de Vigo na avenida García Barbón.
(8) Que unha vez liquidado resultou ser de 983,98 pesetas.
(9) No papel producido nesta fábrica imprimíronse en Santiago en 1877 Rumores de los pinos, de Eduardo Pondal, y en 1879 a Historia de la Catedral de Tuy, de R. Rodríguez Blanco.
(10) O 30 de maio a prensa local describía así o suceso: «El miércoles por la noche se probó en casa del señor López de Neira la luz eléctrica que para mayor lucimiento de las próximas fiestas del Santísimo había encargado a París dicho señor». Habería que agardar dezaseis anos para que a enerxía eléctrica iluminara ás primeiras rúas da cidade; José María Álvarez Blázquez, no seu libro La ciudad y los días describíao así: «Fue, pues, el 22 de diciembre de 1896, un día luminoso en que Vigo conoció la alegría de la luz eléctrica, aquella maravilla del siglo de las luces, el siglo – dígase lo que se quiera – más sugestivo y sorprendente de nuestra historia. “La Sociedad para alumbrado y calefacción de Coruña y Vigo”, la misma que había instalado su flamante fábrica de gas en Picacho, instaló la nueva factoría a base de dos motores sistema Otto de 30 caballos, que accionaban dos dinamos de corriente contínua de 250 voltios y 120 amperes».
(11) O Faro de Vigo na sección La hemeroteca del Decano de dez de marzo de 2016 lembrábao así: «La vivienda de López de Neira y su fábrica de papel instalada en Lavadores quedaron conectadas por teléfono. Se realizó la primera llamada. Fue un acontecimiento histórico. Fue la segunda línea que se instaló en Galicia según algunos historiadores. El Decano destacó la importancia del acontecimiento y el avance que suponía para mejorar las comunicaciones. El desarrollo de este sistema todavía tardó varios años en establecerse en la ciudad. Para ello se realizaron una gran cantidad de inversiones. Vigo fue una de la ciudades donde más pronto se implantó este sistema».
(12) Antonio López y López, nado en Comillas (Cantabria) o 12 de abril de 1817. Con 14 anos emigra a Cuba onde, segundo se conta nas súas biografías, prospera cos negocios de fariña e co tráfico de escravos. De volta a España instálase en Barcelona onde funda a sociedade marítima Antonio López y Compañía, conseguindo, grazas ás súas influencias contratos e concesións que lle reportaran importantes beneficios. En 1859 consegue o contrato para levar soldados e subministracións á guerra de África. En 1861 gaña a concesión para o correo a Cuba, Puerto Rico e Santo Domingo. En 1876 fundou o Banco Hispano Colonial, e dous anos despois Alfonso XII nomeao marqués de Comillas.
(13) Con motivo do nomeamento os seus numerosos amigos obsequiárono, «con una brillante serenata que el mal estado de la noche impidió luciese todo lo que debiera pues en ella tomaba parte la banda de la Casa de Caridad y la orquesta que dirige el señor Barés tocando alternativamente escogidas piezas delante de la casa de nuestro amigo desde las ocho hasta las diez». Hemeroteca Faro de Vigo.
(14) Durante o seu mandato proxectouse o mercado da Laxe e finalizouse o empedradoado de varias rúas da cidade, como a Porta do Sol ou a mellora da estrada provincial de Vigo a Bouzas. Foi tamén impulsor de obras de mellora no Lazareto de San Simón, e xunto a Sanjurjo Badía conseguiu prover de auga potable a illa.
(15) Vicepresidente, D. Gerardo Campos y Tesorero, D. Guillermo de Oya. Secretario, D, Ángel Nuñez. Vicesecretario, D. Luis Loño. Comodoro 1.°, D. Tomás Calvar y 2.´, D. Humberto Alvarez. Capitán D. Federico Olivié y 2º D. Manuel Borrajo. Vocales, D. Camilo Molins, D. Félix Cabello y D. Fernando Lagos.
(16) A constitución dun club náutico na cidade foi unha iniciativa da sociedade El Gimnasio. Esta sociedade que tiña por obxectivo o fomento da práctica do deporte nunha cidade tan estreitamente ligada ao mar, pensou necesario promover o cultivo dos deportes mariños. Os movementos para a súa creación, iniciáronse no ano 1922 coa formación dunha comisión integrada por: José de la Gándara Cividanes, José G. Reboredo, Manuel Gómez Román, Salvador Aranda e Enrique Lagos, presidente del Gimnasio; constituíndose a primeira xunta directiva practicamente catro anos despois. O primeiro local social do Club foi un veleiro de tres paus chamado Klorofi (a bordo da nave ancorada houbo festas, bailes… etc), cedido por don Carlos Bárcena. Mais tarde, a nova sede ocuparía os baixos do edificio situado no número 1 da rúa Policarpo Sanz. En 1945 trasladaríanse a sede actual, situada a carón Da Praza de Elduayen, un edificio proxectado polo arquitecto racionalista vigués Francisco Castro.
(17) Tomás Mirambell naceu en Masnou (Barcelona) en 1862. Chegou a Vigo con cerca de vinte anos para casar con Francisca Millet Beltrán veciña desta cidade e tamén de orixe catalá. Estableceuse na cidade coa casa comercial Bertrán y Mirambell, dedicada á industria dos efectos navais. No mes de xullo do ano 1884 inaugura unha fábrica destinada á produción de cordas de Cordelería Ibérica de Toralla, que empregaba a unhas 100 persoas, das que setenta eran mulleres. A subida do prezo das materias primas debido á perda das colonias precipitou o seu peche en 1903. A Cordelería Ibérica de Toralla, foi premiada, pola calidade dos seus produtos, na Exposición Universal de París de 1889 coa medalla de ouro.
Tomás Miranbell era un empresario preparado. O seu ánimo reivindicativo levouno a crear a Asociación General de Cultura, como ferramenta de loita a prol das causas viguesas. Escribía en cabeceiras de xornais como Faro de Vigo, El Pueblo Gallego ou La Lucha. Na prensa expresaba as súas ideas galeguistas e federalistas. No ámbito do fomento do asociacionismo involucrouse coa presidencia do Circulo Mercantil e Industrial e tamén contribuíndo cos seus fondos á construción do edificio do Club Náutico. Entre as súa principais preocupacións para o desenvolvemento da cidade achábanse a potenciación do porto, das industrias do mar e o desenvolvemento das comunicacións por terra. Para a consecución destes obxectivos promoveu, en 1927, a constitución da Unión de Entidades Viguesas. Participou na creación do Banco de Vigo e da Sociedade de Abastecemento de Augas, entre os anos 1924 e 1930, presidiu a Cámara de Comercio e, con Martín Echegaray e Ceferino Maestú, formou a primeira comisión encargada de iniciar o proxecto do tranvía para, posteriormente, ocupar a vicepresidencia da sociedade tranviaria. Todos estes esforzos levaría a Corporación Municipal a nomealo fillo adoptivo de Vigo.
(18) A Candidatura Popular estaba constituída, polos concelleiros dimisionarios, entre os que podían atopar todos os matices políticos, máis tres candidatos para cubrir as prazas vacantes e que foron escollidos por decisión da Junta de Defensa entre os membros do Partido Republicano. A este fin obtiveron o sufraxio dos seus correlixionarios: Manuel Gómez Román, Higieno Izquierdo Rodriguez. Ademais de Estanislao Durán e os dous anteriormente citados, o resto dos concelleiros elixidos foron: Antonio González Castro, Antonio Sanjurjo Otero, Francisco Lago Álvarez, Antonio Conde Dominguez, Federico Bárcena Massó, Grancisco Tapias Pérez, Amador Montenegro Saavedra e Gerardo Sensat Millet.O periódico local El Noticiero de Vigo de 11 de novembro de 1911, un día antes da votación, na Crónica asinada por Isaac Rego Arce, entre outras cousas dicía, «El que no vote, el que no apoye a la candidatura popular, ni es buen vigués, ni buen gallego, ni buen español, … SALUS POPULI SUPREMA LEX … por la felicidad del pueblo, por propio decoro y para escarmiento de déspotas, debemos entrar en la liza con entusiasmo, luchar con heroísmo y triunfar en toda la línea».
(19) A Gaceta de Galicia. Diario de Santiago no seu número 272 de 14 de novembro de 1911. Informaba dos resultados obtidos por cada unha das candidaturas presentadas: Candidatura Popular (2.935), Candidatura Liberal del Dr. Posada (619) e a Candidatura Socialista (181).
(20) Mauro Alonso Cuenca, finado en Vigo o 26 de maio de 1965, foi un empresario e político galego. Xerente da conserveira Antonio Alonso e hijos. Foi vicepresidente da Cámara de Comercio (1921-1924) e presidente do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo (1925-1926). Foi alcalde de Vigo durante a ditadura de Primo de Rivera. Durante o seu mandato iniciouse a construción do Instituto Santa Irene. (Na Galipedia, a Wikipedia en galego).
(21) O groso das reformas neste campo foran aprobadas antes da formación do segundo goberno de Azaña en decembro de 1931, aínda que as dúas medidas máis importantes foron acordadas, a proposta do ministro de Traballo. Tratábase da Ley de Contratos de Trabajo, de 21 de novembro de 1931, pola que se regulaban os convenios colectivos, ditaminábanse as condicións de suspensión e rescisión dos contratos, establecíase por primeira vez o dereito a vacacións pagadas —7 días ao ano— e protexíase o dereito de folga que, baixo certas condicións, no podía ser causa de despido; e dá Ley de Jurados Mixtos, de 27 de noviembre de 1931, que estendía o sistema de xurados mixtos —aprobado en maio para o sector agrario— á industria e aos servizos. (Artigo: Primer bienio de la Segunda República Española. Wikipedia).
(22) La Belga, que daquela estaba rexentada por Francisco Pérez Pereiro, foi primeira cristalería que, por iniciativa de José Cameselle Rial, se creou en Galicia alá polos anos 1920. José Cameselle Rial, iniciárase nas artes plásticas na Escola de Artes e Oficios de Vigo e máis adiante completara a súa formación cursando estudos de Belas Artes en Bélxica, Francia e Alemaña.
(23) Xoán Piñeiro Nogueira, nace en Hio (Pontevedra) en 1920, falecendo  no ano 1980 a consecuencia dun accidente de tráfico ocorrido no Porriño. Xa de neno vai mostrando a súa destreza na labra de figuras sobre madeira de carballo e castiñeiro. A formación inicial recíbea na Escola de Artes e Oficios de Vigo onde ingresa no ano 1944. En 1947 o concello de Cangas concédelle unha axuda que lle vai permitir ampliar estudos na Escola taller de Talla e Imaxinería de Santander e co escultor José Capuz Mamanona. En 1948, grazas a unha bolsa outorgada pola Deputación Provincial de Pontevedra trasládase a Madrid onde compatibiliza estudos entre a Escola de Belas Artes de San Fernando e a Escola de Artes e Oficios de Vallecas, e en 1950, no mesmo Vallecas monta o seu primeiro taller. Pero a súa formación continúa, e así, en 1952 e 1953 grazas a dúas bolsas concedidas pola Deputación de Pontevedra realiza, respectivamente: unha andaina artística co fin de coñecer de primeira man a tradición escultórica española, e unha viaxe de ampliación de estudos por Francia e Italia. A volta a Galicia prodúcese en 1962, instalándose en Vigo, pero pronto, en 1965, cambia a residencia a Goián a terra da súa dona Carmen Álvarez Carrera, onde monta o seu taller definitivo e vai traballando a pedra e o bronce. A súa produción artística e tan ampla e de tanta calidade que o seu tratamento excede os límites desta breve reseña. Só dicir que as súas obras, encóntranse en todos os museos de Galicia e moitas provincias españolas, en África e en coleccións institucionais.
A súa familia creou en 1999 a Fundación Xoán Piñeiro que mantén viva a súa memoria, e que a súa filla Mª Cruz Piñeiro Álvarez, continúa co labor do seu pai no seu antigo taller, hoxe en día fundición artística Arte Bronce Fundición.
Advertisements
Estas entrada foi publicada en Casas de Vigo coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s