Casa para Francisco Solleiro (1891)

Vista xeral do edificio

Vista xeral do edificio

O edificio, coñecido como Casa Solleiro foi proxectado en 1891 polo arquitecto Manuel Felipe Quintana. Consta de catro plantas e presenta simetría nas súas dúas fachadas con respecto ao eixe central do chafrán. Destaca pola súa marcada horizontalidade e o almofadado continuo nas catro plantas. A edificación resalta polo seu elegante porte e sobrio eclecticismo clasicista, aínda que nas sucesivas reformas (1) que o atinxiron sufriu algunhas pouco afortunadas modificacións: perdeu a cúpula que tiña sobre o chafrán, foron retiradas as grilandas dás fiestras e a porta de entrada foi modificada.

En cada fachada destácase o tramo central de carácter vertical que é o que recibe maior ornamentación remarcándose por balcóns voados corridos de granito. A ornamentación limítase ás columnas e pilastras do tramo central e vertical de cada fachada, lixeiras molduras sobre os ocos laterais das dúas plantas inferiores. Observar a utilización clasicista das columnas situando a orde(2) dórica en planta primeira, a orde xónica na segunda e a corintia na terceira resaltando esa vontade de lixeireza a medida que se gaña altura.Destacar tamén os seus peitorís(3) balaustrados nas xanelas. Coroa o edificio unha cornixa(4) moi decorada, con peitorís cegos, balaustradas e pináculos(5)

Detalle dos capiteis: dórico no 1º andar, xónico no 2º e corintio no 3º.

Detalle dos capiteis: dórico no 1º andar, xónico no 2º e corintio no 3º.

Francisco Solleiro Negrete, fillo de Francisco Solleiro(6) e de María Negrete; foi, pola súa actividade empresarial e política(7), pola a súa implicación na mellora dos servizos educativos(8) e sociais, unha persoa de prestixio e con peso na cidade de Vigo. Continuador do negocio familiar de curtidos de peles, na fábrica situada na súa posesión de San Amaro(9), involucrouse noutras moitas iniciativas e negocios. Exerceu a vicepresidente do Consello de Administración da sociedade creada para a xestión do tranvía de Vigo a Baiona e, en unión doutros comerciantes, fundou a “Lloyd Gallega”(10), a que ademais presidiu; a sociedade constituírase coa finalidade de cubrir os riscos dos pequenos barcos de pesca a vapor. A súa relevancia económica e social era tal, que cando en agosto de 1881, o rei Alfonso XII acompañado dos ministros de Estado e Mariña visita a cidade, o medio de transporte que usa para dirixirse a Estación de Ferrocarril, non é outro que a carruaxe de Solleiro Negrete. De fortes crenzas relixiosas, a súa relixiosidade amosábase con frecuencia publicamente; como cando organizaba, na súa propia finca de San Amaro, actos en homenaxe ao patrón “San Mauro”; ou cando participaba na “Junta de caballeros de Vigo”(11), creada ad hoc para fomentar á peregrinación galaico-asturiana ao santuario de Lourdes.

Instancia de solicitude de licenza de obra.

Instancia de solicitude de licenza de obra.

Así era Francisco Solleiro Negrete, o promotor do inmoble, quen o 24 de febreiro de 1891 presenta no rexistro do concello de Vigo a instancia de solicitude de licenza para construír unha casa na rúa de circunvalación con volta á de Pablo Morillo. Propietario, veciño desta cidade e provisto de cédula persoal(12) de 5ª clase nº 719; Solleiro Negrete expoñía na solicitude que, para poder cimentar o solar se lle sinalara as liñas e rasantes para as dúas frontes da parcela: a que daba a estrada de circunvalación, que correspondía determinar ao enxeñeiro xefe de Pontevedra; e a que daba fronte a rúa Pablo Morillo, cuxa demarcación correspondía ao Arquitecto Municipal.

O 17 de marzo de 1891, o enxeñeiro encargado de Obras Públicas da provincia, Enrique Gala, remitía ao concello de Vigo as condicións que debían impoñerse ao solicitante para cimentar o solar e construír a casa, que situaba no terreo contiguo ao hectómetro 2 e 10 do quilómetro 34 da estrada de 3ª orde de Pontevedra a Camposanco. Mentres, a comisión de obras e ornato do concello, en sesión celebrada o 29 de xullo, unha vez visto e discutido o informe presentado pola comisión da policía, acordaba conceder permiso para a construción da casa, e sinalaba que o arquitecto municipal, Manuel Felipe Quintana fixaría a liña e rasante correspondente. Indicábase ademais, que o promotor da vivenda estaba obrigado a satisfacer o arbitrio municipal sobre construcións, que neste caso ascendía á cantidade de mil trescentas dezaseis pesetas setenta e catro céntimos, o dous por cento do orzamento provisional.

O autor do proxecto construtivo foi o arquitecto Manuel Felipe Quintana. Nado en Madrid o 26 de maio de 1842 a morte sobreviulle o 20 de xaneiro de 1911, cando contaba con 69 anos. Cursou estudos de arquitectura na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, titulándose o 22 de marzo de 1869. A partir de 1886 instálase en Vigo, abrindo un estudio de arquitectura na rúa Policarpo Sanz, e pouco despois, ocupa a praza de arquitecto municipal que, por razóns de saúde deixara vacante Domingo Rodríguez Sesmero. Felipe Quintana na súa etapa madrileña exerceu de arquitecto do Teatro Real e, en Granada, cumpriu coa tarefa de xefe facultativo da Dirección Central de Ferrocarril. Ocupou ademais, o posto de arquitecto municipal en Ourense e en Pontevedra. Entre as obras realizadas na cidade de Vigo, ademais da casa para Francisco Solleiro, cabe citar: a Igrexa de Santiago de Vigo na rúa García Barbón, a casa de Estanislao Durán na rúa de Príncipe esquina Velázquez Moreno e a igrexa e asilo das Irmás dos Anciáns Desamparados na rúa de Pi i Margall.

Proxecto da casa. Asinado en Madrid o 1 de xuño se 1891

Proxecto da casa. Asinado en Madrid o 1 de xuño se 1891

Ostentaba o cargo de alcalde da corporación que concedeu a licenza de construción da casa, Joaquín Yañez Rodriguez, unha personalidade con múltiples facetas, foi avogado, xornalista, historiador, empresario e político. Nado en Vigo o 20 de agosto de 1814, foi educado pola súa nai e pai nas costumes relixiosas. Con notable disposición para o estudo, cursou con aproveitamento a carreira de Dereito na Universidade de Compostela, alcanzando el título de doutor en Leis o 21 de Xullo de 1839. Como xornalista formou parte da primeira redacción de Faro de Vigo que dirixía José Carvajal Pereira e da que tamén formaba parte Angel de Lema, o seu fundador-propietario. Como historiador escribiu, xunto con Benito Manuel López, a obra de título “Análisis histórica de la Reconquista de Vigo”, manuscrito datado en 1853 e editado polo Concello, na imprenta do Faro de Vigo, no ano 1959. A súa actividade empresarial proxectouse principalmente na moi popular “Las Victorias”, fábrica da súa propiedade situada en Alcabre e dedicada a elaboración de pastas.

Pero, ademais das relacionadas, outra actividade foi central na vida de Joaquín Yañez, á política. Aínda que, Xoan Miguel González Fernández e Lalo Váquez Gil, no seu libro “Os alcaldes e os concellos de Vigo” o catalogan como Elduayenista, polas axudas recibidas deste prócer no seu exercicio político; a revisión da súa traxectoria política non o sitúa claramente neste aliñamento, polo menos nas primeiras etapas. Formou parte da corporación viguesa presidida por Ramón Buch Díaz, un dos máis sobresaíntes líderes do progresismo vigués e figura destacada nos pronunciamentos de 1840(13), 1843(14) e 1846(15). Joaquín Yañez foi parte en maior ou menor medida destes movementos liberais que se enfrontaban as monarquías absolutistas, e que no caso de Galicia agromaban cunha compoñente de carácter reivindicativo da especificidade galega. A proba máis tanxible desta toma de posición está no exilio primeiro en Portugal, e posteriormente en Inglaterra a que se veu sometido despois do fracaso do pronunciamento de 1846, que remataría co fusilamento en Carral do coronel Solís e 11 compañeiros máis e con Antolín Faraldo, Francisco Añón Paz e Antonio Romero Ortiz no exilio. O desterro durou ata o ano 1854, data na que a raíña Isabel II, con motivo do seu matrimonio, decretou unha amnistía xeral.

Joaquín Yañez Rodriguez

Joaquín Yañez Rodriguez

Joaquín Yañez, exerceu de alcalde de Vigo durante tres mandatos, sendo un caso insólito na cidade. O primeiro deuse entre 1841 e 1842; volveu á alcaldía coa revolución de 1854 (A Vicalvarada)(16), nesta segunda etapa deixou de rexer os destinos da cidade en 1857. Finalmente, en 1890 volvería a alcaldía, ostentando o cargo ata o seu falecemento ocorrido no ano 1892. Ademais de alcalde, por varias veces foi deputado provincial chegando a ocupar a presidencia da institución; tamén puido ser deputado en Cortes, pero rexeitou a oferta para presentarse que, en varias ocasións lle fixo José Elduayen (Marques do Pazo da Mercé), que o consideraba a persoa idónea para desenvolver esta función, moitas veces ocupada por “cuneiros” que non tiñan o mínimo coñecemento nin interese en loitar polas aspiracións da cidade. Moitas son as realizacións conseguidas no seu prologado paso polas institucións. Como deputado provincial, cabe destacar: a execución da estrada de Baiona e da Garda, as estradas de Vincios e Gondomar e a rúa do Ramal (actual Colón); estando a fronte do concello interviu no expediente e preitos seguidos para a expropiación das fincas da praza da Constitución, onde posteriormente se levantaría a Casa Consistorial; pero o logro máis sobranceiro foi a construción do peirao de ferro do porto de Vigo, para o que reivindicou o tren que comunicara a este con Zamora a fin de enlazar coas vías férreas de Valladolid a Madrid.

A súa morte, acaecida o 4 de setembro de 1892, causou un forte impacto na cidade. A tropel, acudiron á casa mortuoria, persoas de toda condición para significar o seu sentimento á familia. O día 5, o Faro de Vigo, cunha necrolóxica a páxina completa, comunicaba aos seus lectores o falecemento de Yañez Rodriguez, e cualificábao como, tipo legendario de la honradez del país que le vio nacer y que enriqueció con su esfuerzo, modelo de virtudes cívicas y ejemplo vivo de virtudes morales, creyente fervoroso, funcionario integérrimo, amigo consecuente, dechado de padre y esposo amante, paga justo tributo a la muerte, entre las bendiciones y plegarias de un pueblo que le contaba entre sus hijos ilustres y le veneraba como a su patriarca.

necroloxica-joaquin-yanezA comitiva mortuoria pechábaa a banda militar do rexemento de Murcia e toda a garda municipal, e ao seu paso pola casa consistorial a bandeira enloitada foi arriada. Todos os comerciantes da praza da Constitución, seguindo a conduta do Dr. Arbones, ao paso do cortexo pecharon a súas portas. A nova remataba dicindo que, pocas veces ha presenciado esta ciudad tan grande manifestación de duelo como la de que fue objeto la conducción al cementerio de su cadáver.

Entre os recoñecemento recibidos durante a súa vida encóntranse: a Gran Cruz de Isabel a Católica, a de Carlos III, a da orde de Beneficencia, era ademais, xefe superior honorario de Administración civil. Ten unha rúa adicada no casco vello de Vigo, a rúa Joaquín Yañez, anteriormente rúa Mendizábal e denantes Imperial.

O edificio Solleiro acolleu, desde o 18 de maio de 1947 as instalacións do Banco da Coruña (17) e a partir de 1990 ás da Fundación Caixa Galicia. O Faro de Vigo de 20 de maio, adxectivaba de brilante a inauguración da sede do Banco da Coruña en Vigo, engadindo que o acto, presidido polos alcaldes, Alfonso Molina Brandao e Luis Suárez-Llanos Menacho, constituíra unha oportunidade para por de manifesto as boas relacións entre ambas poboacións e tamén, la confraternidad y la comunidad de intereses entre las dos ciudades. A cerimonia, concluía a crónica, tuvo su colofón en un fraternal banquete celebrado en el restaurante del monte de EL Castro.

Bibliografía

Expediente: Casa de D. Francisco Solleiro Negrete a la c/ Circunvalación con vuelta a la c/ Pablo Morillo. 24 febreiro 1891. Arquivo e Hemeroteca Municipal de Vigo.
FRANCO, Oscar. Casa para Francisco Solleiro. Patrimonio Galego. 31 xaneiro 2013. [consultado 18 decembro 2016]. Dipoñible en Internet <http://patrimoniogalego.net/index.php/33515/2013/01/casa-para-francisco-solleiro/&gt;
LEONARDO.”Casa para Francisco Solleiro (1891)-Manuel Felipe Quintana”. 28 abril 2011. Arquitectura y Urbanismo de Vigo. [consultado 25 novembro 2016]. Dipoñible en Internet <http://arquitecturavigo.blogspot.com.es/2011/04/casa-para-francisco-solleiro-manuel.html&gt;
Gaceta de Galicia : Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 752 (22/08/1881)
Hoja oficial del lunes: al servicio de España : Num. 92 (17/01/1938). Sección: Hace 50 años (1888): 11, 12 e 15 de xaneiro de 1888.
Gaceta de Galicia: Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 91 (22/04/1895)
El Correo Gallego: diario político de la mañana: Año XIX Número 6057 – 1896 enero 12
La opinión: Diario de Pontevedra: Num. 420 (06/07/1897)
La Ilustración Gallega y Asturiana. (Buscar: Faro de vigo composición da directiva).
VARELA IGLESIAS, Miriam. Escuela Univ. CEU de Magisterio de Vigo. “La creación del Instituto Santa Irene en Vigo y sus antecedentes (1842-1946)” [en línea]. pax. 167. [consultado o 20 decembro 2016]. Dipoñible en Internet <http://ruc.udc.es/dspace/bitstream/handle/2183/16954/SAR_2015_18-19_art_8.pdf?sequence=1&gt;
GONZÁLEZ MARTÍN. Gerardo. “Vigo: La dificil conquista de la Enseñanza Media Oficial”. Interior Boletin 12.pdf – Instituto de Estudios Vigueses. Págs. 171 a 192. 2006.[consultado 18 decembro 2016] .
MOSQUERA Javier. “Fué noticia en 1892: Fallece Joaquín Yañez.”. Faro de Vigo Hemeroteca. 5 setembro 2012.
GONZÁLEZ FERNÁNDEZ, Xoan Miguel e VÁZQUEZ GIL, Lalo). Os Alcaldes e os Concellos de Vigo. Lugar de Publicación – Editorial – Fecha – Serie

Notas.

(1) Nos anos 70 rehabilitouse modificando o andar baixo con grandes escaparates e unha viseira. En 1990 foi rehabilitado para converterse na sede da Fundación Caixa Galicia.

(2) As ordes clásicas (dórica, xónica e corintia): As tres ordes da arte grega clásica pódense distinguir observando os capiteis das columnas. O dórico, o mais antigo, é á vez o mais simple dos tres. O xónico ten no capitel dúas volutas características que o diferencian dos outros dous. Por último, o corintio, xurdido no século IV a.C pola man de Calímaco, posúe un capitel formado por follas de acanto dunha gran complexidade.

(3) Peitoril: Muro ou armazón de madeira, ferro, ou outro material, á altura do peito, que se coloca como protección en balcóns, terrazas, beiras das pontes etc.

(4) Cornixa: Parte saínte ornamental formada por molduras superpostas, que coroa un edificio por debaixo do tellado ou a parte alta dun moble, dun muro etc.

(5) Pináculo: Remate ornamental de certas construcións en forma de cono ou de pirámide aguzada.

(6) Importante comerciante e fabricante de curtidos.

(7) Foi concelleiro da corporación viguesa e deputado provincial por Vigo.

(8) Xunto con personalidades tan destacadas como Antonio López de Neira, Manuel Bárcena Franco, Antonio Conde González, e outros; en calidade de maiores contribuíntes na casa consistorial, tomaron a iniciativa para deliberar co concello as condicións da contratación dun empréstito para levar a cabo o proxecto (de febreiro de 1870) para implantar na cidade un colexio de segunda ensinanza.

(9) Gran finca de 55.000 m2, da que foi propietario e que estaba situada na parroquia de Freixeiro. Na capela de San Amaro, situada na finca, cada 15 de xaneiro celebrábase a festividade do santo, con misa solemne, procesión, música e fogos. Da convocatoria da celebración dábase conta a prensa local, con avisos do tipo do que a continuación se reproduce, “El domingo próximo tendrá lugar en la quinta del señor Solleiro una solemne función dedicada a San Mauro. Si el tiempo hermoso que reina continua la espaciosa posesión del señor Solleiro se verá muy concurrida”; publicado o 11 de xaneiro de 1888, no diario “El Faro de Vigo”. Como se aprecia nesta outranova, “Con motivo de la fiesta que hoy se celebra en San Mauro, en la espaciosa quinta de Don Francisco Solleiro y Negrete, la empresa de Ómnibus “Volador de Vigo” establecerá un servicio de “rippers” y carretelas de lujo, desde la carretera de Bayona comenzando este a las dos de la tarde”; publicada o mesmo día da celebración, como se pode apreciar, non se escatimaban esforzos e gastos que restaran brillantez á conmemoración.

(10) Lloyd: nome inglés adoptado por diversas compañías marítimas ou de seguros.

(11) Organización que presidía Idelfonso Saavedra.

(12) As cédulas persoais, non foron concibidas como documento de identificación, senón como comprobante de ter pagado un determinado imposto directo fixado por niveis de renda. Na súa versión orixinal “cédula de vecindad” (Lei 15 de febreiro 1854), fora ideada para substituír os pasaportes que se utilizaban para viaxes polo interior da península e illas adxacentes. Estaban exentos “los pobres de solemnidad, los peregrinos, los braceros que no tengan medio de subsistencia que el jornal diario, los obreros que estén en el mismo caso, y las viudas y huérfanos que no posean más que su pensión, si esta no pasa de 1500 rs”. O seu creador foi Luis Jose Sartorius, ministro da gobernación e presidente do consello de ministros ata a Vicalvarada, pronunciamento encabezado polo xeneral Leopoldo O’Donnell, que puxo fin da Década Moderada e deu paso ao Bienio Progresista. Durante o Sexenio Democrático pasou a chamarse “cédula de empadronamiento”, pero sen perder o seu carácter impositivo sobre a renda que era cobrado polo ministerio de Facenda a partir das administracións locais e provinciais. Estaba dividido en categorías impositivas o que permitía saber a categoría económica da persoa asociada con el. Durante a 1ª República (1873) o imposto foi abolido, sendo reposto durante a rexencia de Serrano (1874) e rebautizado como “cédula personal”.
O diario católico de Pontevedra “El Áncora” de 13 de agosto de 1898, con motivo da apertura do período voluntario de adquisición de cédulas persoais, informaba aos seus lectores dalgunhas das principais disposicións que, enunciadas na instrución de 27 de maio de 1883, rexían o imposto. A relación de disposicións permitiranos achegar e coñecer mellor as circunstancias da imposición. Comezaba por informar do nivel de afectación na poboación, dicía así: “La cédula personal es obligatoria para todos los españoles y extranjeros de ambos sexos mayores de catorce años domiciliados en España y solo están exceptuados las clases de tropa del ejercito y armada de cualquier clase e instituto que sean y sus asimilados mientras se hallen incorporados a filas; los acogidos en los asilos de beneficencia y los mendigos autorizados para implorar la caridad pública; las religiosas profesas que viven en clausura; las hermanas de la Caridad; los penados durante el tiempo de su reclusión, y los enajenados mientras permanezcan en el manicomio.”. A instrución indicaba que era forzoso adquirir a cédula no concello onde se era veciño e se estaba domiciliado como contribuínte. En relación coas mulleres casadas indicábase que, “satisfarán la cédula que demande la contribución de los bienes que figuren a sú nombre en los amillaramientos ó repartimientos ó de los títulos y resguardos de valores extendidos á su nombre, aun cuando la administración de estos se encuentre á cargo de sus maridos”. En relación cos categorías de cédulas informábase que estas eran once e que o concello tiña adoptado sobre o prezo para o Tesouro un 50% como arbitrio municipal. O valor de cada cédula ía desde as 200 pesetas para as de primeira clase ata a cantidade de 1 peseta para as de clase undécima. O resto dos valores eran os seguintes: as de 2ª clase 150 pts, as de 3ª, a 100; as de 4ª, a 50; as de 5ª a 40; as de 6ª a 30; as de 7ª a 20; as de 8ª a 10; as de 9ª a 5 e as de 10ª a 2.pesetas.

(13) A consecuencia máis destacada do pronunciamento foi cambio da rexente María Cristina polo xeneral Baldomero Espartero, e no caso de Vigo a súa declaración como provincia.

(14) O 24 de outubro a cidade de Vigo pronunciouse no sentido centralista-republicano-esparterista -que así o denominou o Goberno desde as columnas da gaceta de Madrid-. Ramón Buch, e os seus antigos compañeiros da Xunta revolucionaria de 1840 puxéronse á cabeza do pronunciamento.

(15) A revolución de 1846 foi un pronunciamento liberal, unha reacción progresista fronte ao goberno autoritario do Xeneral Narvaez, pero que recibiu o apoio civil do grupo de provincialistas que tomaron un papel moi activo ocupando postos de gran responsabilidade nas xuntas revolucionarias. Os provincialistas pulaban por recuperar a unidade administrativa do Reino de Galicia, disolto na reforma de 1833, e defendían unha política autónoma respecto a Madrid na tarefa lexislativa e un sistema tributario propio. A insurrección comezou o 2 de abril co pronunciamento en Lugo do coronel Solís, uníndose case de inmediato Santiago ao movemento, e nos días seguintes Pontevedra e Vigo.

(16) Puxo fin á década moderada (1844-1854) e deu paso ao bienio progresista (1854-1856).

(17)O Banco da Coruña, foi unha das sociedades anónimas bancarias que trala Primeira Guerra Mundial (1918), veu a luz na cidade da Coruña, (a outra foi o Banco Pastor, nacido en 1925). Ambas entidades ocuparon o espazo de institucións autoctonas que deixara vacante “El Credito Gallego”, desaparecida en 1905. O Banco da Coruña e o Banco Pastor, axudados pola quebra do Banco de Vigo, producida no ano 1925, impulsaron a cidade da Coruña á categoría de capital financeira de Galicia. O Banco da Coruña, que chegou a manter abertas axencias nas catro provincias galegas, debido as consecuencias da Gran Depresión de 1929 e do levantamento militar contra o goberno da Republica (1936-1939) veu interrompido o seu proceso de expansión sendo finalmente absorbido polo Banco de Bilbao no ano 1971.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Casas de Vigo coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

One Response to Casa para Francisco Solleiro (1891)

  1. Manuel di:

    Moi intresante, pero só podo ler a primeira páxina…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s