Primeiro, os alicerces

Algo bule no meu maxín. Como é que a violencia machista, presente, permanente no día a día, non produce ningunha resposta das institucións, mais aló dos ineficaces xestos lexislativo-propagandísticos, ou do lamento formal-institucional que acompaña cada un dos asasinatos?. Como se explica o cativo interese e a correspondente insuficiencia de medios postos a disposición para combater a expresión máis crúa da violencia machista?. Como se corresponde esta práctica coas cualificacións utilizadas polas institucións de poder e as súas instancias administrativas: “A violencia de xénero [sic] é un importante problema de saúde pública“, “A violencia machista é un grave atentado contra os dereitos humanos da muller“, etc.

Adóitanse sinalar como factores que perpetúan a violencia machista os: culturais, legais, económicos, políticos. Aceptando o marco proposto tentarei xustificar a necesidade de adoptar o que, considero debería ser o punto de partida imprescindible para afrontar a transformación desta inaceptable e abxecta realidade: A toma de conciencia e o correspondente rexeitamento por parte da sociedade sobre papel do franquismo como medio óptimo de cultivo e multiplicador da cultura patriarcal e machista, é dicir, dos aspectos político-culturais que serviron como mecanismos de poder e de control social. O seu recoñecemento, permitirá iniciar un proceso colectivo-compartido de rexeneración.

Comezo transcribindo un texto recollido do informe emitido pola IV Conferencia Mundial sobre a Muller celebrada en Beijing (Pekin, 1995), que sinalaba como causas que explican a violencia de xénero [sic], as seguintes:

  • A violencia contra as mulleres é un mecanismo social fundamental polo cal as mulleres están nunha posición de subordinación con respecto á dos homes.
  • A violencia contra as mulleres é unha manifestación das relacións de poder historicamente desiguais entre mulleres e homes, que conduciron á dominación masculina, á discriminación contra as mulleres por parte dos homes e a impedir o desenvolvemento destas.
  • A violencia contra as mulleres ao longo do seu ciclo vital ten a súa orixe en pautas culturais, a lingua e a relixión, que perpetúan a condición inferior que se asigna ás mulleres na familia, o traballo e na sociedade. A situación actual prodúcese fundamentalmente pola consideración desvalorizada da muller despois de séculos de dominación masculina.
  • Os principais factores determinantes da violencia de xénero [sic] son a relación desigual entre homes e mulleres e a existencia da “cultura da violencia” como medio para resolver conflitos.

Da lectura do texto anterior, infírese que a violencia contra as mulleres, é estrutural, non se debe a trazos singulares e patolóxicos dunha serie de individuos, senón que é consecuencia dunha forma cultural de definir as identidades e as relacións entre os homes e as mulleres. A violencia contra as mulleres prodúcese nunha sociedade que mantén un sistema de relacións que perpetúa a superioridade dos homes e asigna diferentes atributos, roles e espazos en función do sexo.

Chegados a este punto, é importante reparar na situación vivida pola sociedade española durante o réxime franquista, e ver como, esa situación a marcou culturalmente. O réxime franquista, establecido por unha sublevación militar brutal contra o poder democraticamente elixido, frustrou a posibilidade de naturalizar unha constitución e unha contorna xurídica que conseguira, por primeira vez na historia, plasmar no seu articulado as aspiracións de superación das desigualades existentes entre as persoas.

A constitución da República Española de 1931 recoñecía, por primeira vez, a igualdade xurídica entre mulleres e homes. Declaraba expresamente que “non poderán ser fundamento de privilexio xurídico, a natureza, a filiación, o sexo, a clase social, a riqueza, as ideas políticas nin as crenzas relixiosas”; como consecuencia e, en canto dereitos políticos, no artigo 36, recoñecíase –por primeira vez– o dereito de voto á muller a partir dos 23 anos (igual que para o home). Doutra banda, no ámbito do dereito privado, o artigo 43 recoñecía a igualdade de dereitos de ambos sexos no matrimonio, o que permitiu, no ano 1932, instaurar o divorcio. Desapareceu a distinción entre fillos lexítimos e ilexítimos e adoptouse o termino “autoridade do pai e da nai”, fronte á clásica “autoridade paterna“. Aceptábase tamén, o mutuo consentimento para obter o divorcio. En relación ao ámbito profesional, a muller púidose incorporar ao mundo laboral. O artigo 40 da constitución, sinalaba expresamente que «todos os españois, sen distinción de sexo, son admisibles aos empregos e cargos públicos segundo o seu mérito e capacidade, salvo as incompatibilidades que as leis sinalen»; como consecuencia, as mulleres puideron acceder a empregos ata ese momento vedados, como: notarías, rexistro da propiedade, secretarios municipais, procurador de tribunais, corpo diplomático, etc. A mellora xurídica da situación das mulleres abrangueu tamén o articulado do código penal: suprimiuse o delito de adulterio, o dereito do marido a matar aos adúlteros e o dereito do pai a matar a súa filla e ao corruptor. No ámbito relixioso, a través do artigo 26 estableceuse que as ordes relixiosas e a Igrexa carecerían no futuro de todo beneficio do Estado, pero ademais, prohibíaselle impartir a ensinanza. En suma, a República dotou a España dunha constitución das mais avanzadas de Europa, convertendo á muller en cidadá de pleno dereito.

A situación descrita anteriormente, de manterse (apenas durou un lustro), iría inoculando no hábitat cultural de homes e mulleres, valores éticos como a liberdade, a igualdade, a solidariedade, a civilidade, a tolerancia, o dialogo, etc; pedras angulares da cidadanía e fundamentais para o bo funcionamento das sociedades democráticas. A ditadura instaurada tras a guerra civil foi moi consciente de que bebería dar un xiro de 180 graos ao marco lexislativo, de xeito que reposicionase á muller no seu rol de esposa, nai e reserva dos valores espirituais. Por iso, desde un principio fóronse concretando na nova lexislación, tanto no ámbito civil como no penal e laboral, as medidas destinadas a definir un novo ideal feminino cuxo destino natural era o do sacrificio, a obediencia e a subordinación.

Todo o progreso alcanzado durante o período republicano desapareceu case nun instante. A seguir, enumero algunhas das medidas que forman parte do radical proceso de regresión en relación do novo rol subordinado asignado á muller:

Mediante a aprobación da Lei de 12 de marzo de 1938, foi abolido o matrimonio civil, así como, con efecto retroactivo, todas as inscricións feitas no correspondente Rexistro. A Lei de 23 de setembro de 1939 derogou a Lei de divorcio de 1932, e con iso os logros que a través de dita norma se alcanzaran, (Evidentemente, non podía caber na construción xurídica civil do franquismo unha figura que consagraba a igualdade xurídica dos cónxuxes, e que outorgaba á muller o status de persoa adulta emancipada de toda tutela). Adicionalmente, calquera outra forma de relación familiar diferente do matrimonio canónico, non só estaba excluída de calquera protección, senón que, en moitos casos chegaba a estar penalizada. Segundo dispoñía o artigo 154 do código civil, a muller tiña prohibido exercer a patria potestade dos seus fillos, ostentando so unha potestade subsidiaria, en defecto do pai; ata tal punto se lle privaba, que o pai podía chegar a dar aos seus fillos en adopción sen consentimento da nai, mentres que a muller tiña prohibido adoptar por si soa.

A situación de desigualdade xurídica entre os cónxuxes era moi evidente. Pero é que ademais, existía a chamada licenza marital, que obrigaba á muller casada a que solicitara a autorización do seu marido para a realización de diversos actos: abrir unha conta corrente, solicitar un pasaporte, ser testamentaria ou titora, aceptar herdanzas, asinar unha escritura pública ou calquera tipo de contrato, etc. Mesmo con respecto á disposición dos seus bens propios, a muller casada necesitaba a autorización marital. A tenor do disposto nos artigos 6 a 9 do código de comercio, a muller casada, tampouco podía sen a dita autorización marital exercer actividades comerciais. Pero o que resulta moi importante destacar, desde o punto de vista da pegada cultural herdada é que a licenza marital non foi derogada ata á aprobación da Ley 14/1975, de 2 de maio, poucos meses antes do falecemento do ditador. Ademais, o marido ostentaba a representación da súa muller, o que supuña que esta non puidese comparecer por si mesma en xuízo, nin tampouco designar avogado ou procurador ca representase, nin tan sequera para defender os seus propios intereses.

O anterior concreta perfectamente a ideoloxía do réxime, que Pilar Primo de Rivera (irmá do fundador do partido fascista da Falange), verbalizaba desta maneira: “Hay que volver a poner al hombre los pies sobre la tierra. Y para la mujer la tierra es la familia. Por eso, además de darles a las afiliadas la mística que las eleva, tenemos que apegarlas con nuestras enseñanzas a la labor diaria, al hijo, a la cocina, al ajuar, a la huerta, tenemos que conseguir que encuentre allí la mujer toda su vida y el hombre todo su descanso“.

A muller estaba ademais sometida á tutela do marido e obrigada unilateralmente a obedecerlle, ao dispoñer expresamente o artigo 57 do Código Civil que “el marido debe proteger a la mujer y esta obedecer al marido”. A muller, ademais do deber de obediencia ao marido, viña obrigada a adoptar a súa nacionalidade (Decreto de 2 de maio de 1938). E tamén, estaba obrigada a seguir ao domicilio ao seu cónxuxe, alo onde este fixase a súa residencia (articulo 58 del Código Civil). Pero, por se isto fora pouco, no suposto de que se producira a separación, ao ser considerado o domicilio conxugal como “la casa del marido”, a muller era “depositada”, véndose obrigada a saír da casa, levándose unicamente consigo a cama, a roupa de uso diario e aos fillos menores de tres anos.

O código penal promulgado no ano 1944 supuxo un duro empeoramento respecto ao de 1928, anterior ao código republicano. Recollía o tipo penal de adulterio, pero só para a muller, xa que para o home o tipo delitivo era distinto: o amancebamento. A muller casada non era penalmente libre de ter relacións con alguén que non fora o seu marido. Mesmo estando separada ou, aínda que fora abandonada polo marido e con fillos ao seu cargo, a lei recoñecíalle a este a posibilidade de sentirse ofendido e denunciala por adulterio, o que podía significar ata seis anos de cárcere. Mentres, en relación co amancebamento o artigo 452 dispoñía que para que houbese delito facía falta que “El marido tuviera manceba dentro da casa conyugal o notoriamente fuera de ella”. No mesmo código penal de 1944 incluíase o delito de uxoricidio, un auténtico privilexio concedido ao home en defensa do seu honor, en virtude do cal podía matar ou lesionar á esposa sorprendida en flagrante adulterio ou á filla menor de vinte e tres anos, mentres esta vivira en casa paterna, cando fose sorprendida en análogas circunstancias. Aínda que pareza mentira, non foi ata o o código penal de 1977, redactado pouco despois dos Pactos da Moncloa, que se declarou a despenalización do adulterio e o amancebamento. Como remate a este breve percorrido sobre o articulado do código penal relacionado coa muller, sinalar que, o artigo 416, castigaba con arresto maior ou multa a todos aqueles que indicaran, venderan, anunciaran, subministraran ou divulgaran calquera medio ou procedemento capaz de facilitar o aborto ou evitar a procreación. Porén, no caso de aborto, contemplábase a redución da condena se se alegaba a deshonra que supoñía para a familia unha nai solteira.

Todo o expresado ata agora “clama aos ceos” pero pode resultar moi esclarecedor se queremos unha explicación para a situación de violencia machista coa que convivimos. Un comentario que se adoita facer habitualmente é o de que “a violencia de xénero é transversal aos países, ás clases sociais, etc”. Tal información, interesada ao meu ver, ten unha finalidade, desligar a violencia machista das realidades sociais, dos marcos xurídicos, das actuacións dos responsables políticos. Trátase de que apareza como algo incognoscible e, polo tanto, fora do control humano. A miúdo, e co ánimo de vigorizar esta teorización alúdese a que son países nórdicos (Finlandia, Suecia e Dinamarca), os que inverten máis en programas de educación para a igualdade de xénero, paradoxalmente teñen as cifras máis altas de violencia machista en Europa. A violencia de xénero [sic], advirte Zulema Altamirano, especialista do Instituto Europeo pola Igualdade de Xénero; é un fenómeno moi complexo, e se a iso lle engadimos o contexto cultural, político, e social tan diferente entre uns países e outros da UE, fan que calquera comparación deba facerse con moita precaución. Engadindo a continuación, en países con máis igualdade entre homes e mulleres, a sociedade en xeral é máis consciente sobre a violencia de xénero, e, polo tanto, é máis doado para as mulleres identificar as situacións de violencia. Ademais, neles vese como un grave problema público que non se tolera, o cal da máis seguridade ás vítimas. Así mesmo, se as cidadás teñen confianza na xustiza e a policía, denunciarán con máis liberdade, e por ende, isto verase reflectido en calquera sondaxe que se realice. A ter en conta ademais que, no imaxinario español as vítimas de violencia machista son as que xofren agresións por parte das súas parellas ou exparellas, mentres que noutros países esa categoría é máis ampla.

No inicio, facíase referencia a que a finalidade do escrito non era outro que o de tratar de contribuír, moi modestamente, á loita permanente contra esta expresión da desigualdade que que supón a violencia machista. Despois das reflexións realizadas toca concretar. O machismo non é mais que unha actitude, unha conduta propia da estrutura social que coñecemos como patriarcado. O Franquismo, esforzouse con grande eficacia no reforzamento do patriarcado e, por ende, a el se debe o incremento das actitudes machistas e da violencia contra as mulleres. Por lóxica, por honestidade, por xustiza, por dignidade, por decencia e por hixiene, cumpriría que nos tempos que seguiron ao franquismo, durante a chamada transición democrática ou a conclusión desta, ano 1978, se producira a súa condena explicita. Isto non se deu e aínda hoxe, está por darse. Neste itinerario ten unha responsabilidade especial o partido popular, autentico adaíl na defensa do franquismo e polo tanto posuidor dunha alta participación nas consecuencias que para as mulleres se produciron e se seguen producindo. Quedamos en espera activa.

Nota: Os apuntamentos sobre la constitución, código civil, código penal, etc; foron tomados do traballo “Notas sobre la situación Jurídica de la Mujer en el Franquismo” de Mª Angeles Moraga García e publicado pola Universidade de Alicante o 3 de novembro de 2008).

Advertisements
Esta entrada foi publicada en As miñas contribucións. Ligazón permanente.

One Response to Primeiro, os alicerces

  1. Manuel di:

    Artigo moi bo e moi ben documentado. Noraboa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s